Durante a nosa celebración do Samaín, a BiblioAntioquía recibiu unha visita moi especial: algunhas profes dos departamentos de Química e Bioloxía chegaron caracterizadas de bruxas e dispostas a sorprendernos cun experimento ben interesante.
Nesta ocasión, o alumnado puido descubrir como crear sangue falso mediante unha curiosa reacción química. Para iso, empregaron dúas disolucións diferentes: unha de tiocianato de potasio e outra de cloruro de ferro. Ao entrar en contacto, estas substancias provocan unha reacción que dá lugar a unha intensa cor vermella, semellante á do sangue. Así, cun pouco de química e moita habilidade, conseguiron recrear uns cortes ben arrepiantes!
Unha maneira orixinal e divertida de achegarnos á ciencia, espertar a curiosidade e demostrar que os experimentos tamén poden ter o seu aquel terrorífico.
Desde a BiblioAntioquía queremos agradecerlles ás nosas particulares bruxas científicas esta visita e por lembrarnos que, ás veces, detrás do que parece maxia… só hai ciencia!

Ningún comentario:
Publicar un comentario