venres, 30 de outubro de 2026

UN EXPERIMENTO DE MEDO… E UN POUCO DE MAXIA QUÍMICA!

Durante a nosa celebración do Samaín, a BiblioAntioquía recibiu unha visita moi especial: algunhas profes dos departamentos de Química e Bioloxía chegaron caracterizadas de bruxas e dispostas a sorprendernos cun experimento ben interesante.


Nesta ocasión, o alumnado puido descubrir como crear sangue falso mediante unha curiosa reacción química. Para iso, empregaron dúas disolucións diferentes: unha de tiocianato de potasio e outra de cloruro de ferro. Ao entrar en contacto, estas substancias provocan unha reacción que dá lugar a unha intensa cor vermella, semellante á do sangue. Así, cun pouco de química e moita habilidade, conseguiron recrear uns cortes ben arrepiantes!

Unha maneira orixinal e divertida de achegarnos á ciencia, espertar a curiosidade e demostrar que os experimentos tamén poden ter o seu aquel terrorífico.



Desde a BiblioAntioquía queremos agradecerlles ás nosas particulares bruxas científicas esta visita e por lembrarnos que, ás veces, detrás do que parece maxia… só hai ciencia! 



UNHA PASARELA SAÍDA DO MÁIS ALÁ: O TERROR TOMA A BIBLIO!

A véspera de Samaín trouxo á nosa biblioteca unha boa dose de misterio, creatividade e, sobre todo, moito terror! Hoxe celebramos a nosa particular Pasarela de Pesadelo, unha actividade na que o alumnado sacou do armario os seus disfraces máis arrepiantes para participar nun desfile moi especial.



Zombis, piratas, arañas e outras criaturas saídas dos pesadelos desfilaron polo noso photocall, convertido nun auténtico escenario de medo. Houbo caracterizacións sorprendentes, maquillaxes terroríficas e moita imaxinación, pero tamén ganas de pasalo ben e compartir unha xornada diferente na biblioteca.

Queremos agradecer a participación de todo o alumnado que se animou a formar parte desta iniciativa e que contribuíu a encher a BiblioAntioquía do espírito máis espeluznante do Samaín.



E agora chega o momento da intriga... Os gañadores e gañadoras da Pasarela de Pesadelo anunciaranse o vindeiro venres, 6 de novembro.

Quen conseguirá facerse cos premios ás vestimentas máis aterradoras? A resolución, moi pronto!

Grazas a todas e todos por facer posible esta pasarela de medo!

xoves, 29 de outubro de 2026

PLANTAS DE MEIGAS, VELENOS E MISTERIOS NA BIBLIO!


Estes días, con motivo da celebración do Samaín, a BiblioAntioquía acolleu unha exposición moi especial: «Plantas perigosas na bruxaría tradicional», unha proposta para descubrir o lado máis misterioso e sorprendente do mundo vexetal.


A través dunha serie de paneis informativos, o alumnado puido achegarse a diferentes especies asociadas historicamente aos velenos, aos rituais e ás crenzas populares. O acónito, a dedaleira, a adelfa, o teixo ou a cicuta son só algunhas das protagonistas desta mostra, que tamén nos permitiu coñecer curiosidades sobre a chamada escoba de bruxa.


Porque, detrás de moitas das historias de meigas, feitizos e pocións, agóchanse coñecementos sobre plantas reais, algunhas delas cunha elevada toxicidade e unha longa historia de usos e simbolismos na tradición europea.


Unha exposición para espertar a curiosidade, descubrir a relación entre natureza, historia e cultura popular e lembrar que, ás veces, a realidade pode ser tan fascinante como as lendas máis arrepiantes.

Na BiblioAntioquía seguimos explorando os misterios do Samaín. E desta volta, a maxia estaba nas plantas!

mércores, 28 de outubro de 2026

UNHA RECEITA PARA UN SAMAÍN DE MEDO: MOITA CREATIVIDADE E UNHA BOA DOSE DE DOZURA!


Esta semana a nosa biblioteca transformouse nun auténtico laboratorio de repostería terrorífica. Durante dous recreos celebramos o Obradoiro de Doces de Samaín, unha actividade na que o alumnado puido deixar voar a súa imaxinación e preparar auténticas lambetadas doutro mundo. A prota do libro de Ledicia Costas, "Escarlatina, a cociñeira defunta", que está lendo o alumnado de 1ºESO estaría máis ca orgullosa! 

Galletas convertidas en arañas, monstros, ollos inquietantes e outras criaturas arrepiantes foron tomando forma grazas á habilidade e á creatividade das nosas pequenas e pequenos reposteiros. Con galletas, biscoitos, chocolate, lambetadas e moita decoración, cada participante elaborou as súas propias creacións, demostrando que a imaxinación non ten límites (nin sequera no mundo dos monstros!).


A convocatoria foi todo un éxito e a biblioteca encheuse de actividade, risas e ganas de compartir. Foron dous recreos moi especiais nos que, ademais de dar renda solta á creatividade, tivemos a oportunidade de gozar dunha experiencia diferente, traballar en equipo e, por suposto, presumir das nosas terroríficas creacións.


Desde a BiblioAntioquía queremos dar as grazas a todo o alumnado que participou e contribuíu a facer deste obradoiro unha actividade tan divertida e especial.

Porque no Samaín tamén hai lugar para a dozura... aínda que veña acompañada de algún que outro monstro! 



martes, 27 de outubro de 2026

COMEZA A AVENTURA LECTORA DE «AO PÉ DA LETRA»!

Esta mañá tivemos a primeira sesión do club de lectura «Ao pé da letra», na BiblioAntioquía, co alumnado de 1º e 2º da ESO. E que mellor maneira de comezar esta aventura que coñecéndonos un pouco mellor como lectores e lectoras?


Nesta primeira xuntanza quixemos deixar claro que o noso club é un espazo diferente á aula: un lugar para ler por gusto, compartir opinións, recomendar libros e descubrir novas historias ao noso ritmo. Porque aquí a lectura é, ante todo, unha actividade voluntaria e unha oportunidade para pasalo ben.



Pero antes de escoller a nosa primeira lectura tiñamos unha misión por diante: descubrir que libro nos gustaría ler como grupo. Para iso, organizamos unha pequena dinámica con diferentes probas.


Comezamos percorrendo a biblioteca para descubrir os xéneros literarios que máis nos atraen. Despois, puxemos a funcionar o noso detector de lectores e lectoras cunha rolda de preguntas sobre os nosos gustos: preferimos o misterio ou as historias protagonizadas por personaxes cos que identificarnos? As aventuras cheas de acción ou aquelas nas que podemos mergullarnos durante días? Que nos fai abandonar un libro e que necesitamos atopar nas súas primeiras páxinas para quedar atrapados nel?


Tamén tivemos ocasión de compartir as nosas preferencias, argumentar as eleccións e, sobre todo, comprobar que non todos lemos do mesmo xeito nin buscamos as mesmas cousas nunha historia.


A nosa primeira misión está en marcha! Agora toca reunir todas as pistas que nos destes para atopar ese libro co que inaugurar as lecturas do club.

Grazas a todas e todos pola participación e polas ganas de formar parte desta aventura. Agardamos que sexa o comezo de moitas lecturas compartidas!

Lembrade: en «Ao pé da letra» a vosa opinión conta e todas as historias teñen un lugar.

luns, 26 de outubro de 2026

AS TRADICIÓNS DE HALLOWEEN QUE XA EXISTÍAN NA PENÍNSULA!

Esta semana, na nosa Hora de Ler, achegámonos ás orixes dalgunhas das tradicións que hoxe asociamos co Halloween. E descubrimos que moitas delas estaban xa presentes na cultura popular española moito antes de que chegase a influencia norteamericana.

A través dunha lectura ben interesante, coñecemos costumes que seguramente sorprenderían a máis dunha persoa: cabazas baleiradas e iluminadas para imitar caveiras, rapazada que percorría as casas pedindo froitos ou alimentos, disfraces fantasmagóricos para asustar a veciñanza e mesmo ofrendas de comida destinadas ás ánimas dos defuntos.

Pero a lectura tamén nos levou a mirar máis preto, cara á nosa propia terra. Falamos dos petos de ánimas, eses pequenos monumentos que atopamos nos cruzamentos dos camiños galegos, das crenzas arredor da Santa Compaña e da tradición de deixar algo de comida ou manter a lareira acesa durante a noite de defuntos para que as ánimas non pasasen frío nin fame.

Un percorrido polo noso patrimonio cultural que nos permitiu descubrir que detrás de moitas das celebracións actuais agochanse costumes antigas, transmitidas de xeración en xeración, e que tiñan un significado moito máis profundo que o simple divertimento.

Rematamos a sesión cun pequeno debate arredor destas tradicións: cales coñeciamos?, que costumes se conservan nas nosas familias e nas nosas vilas?, teñen cabida na sociedade actual? Unha oportunidade para reflexionar sobre a importancia de coñecer, conservar e valorar o patrimonio inmaterial que nos rodea.

Porque, ás veces, para descubrir historias fascinantes non hai que cruzar o océano: abonda con mirar cara á nosa propia memoria colectiva.

E vós, coñeciades algunha destas tradicións?


Preme aquí para poder ler o texto!


sábado, 24 de outubro de 2026

CELEBRAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES!

As bibliotecas escolares son moito máis ca un lugar cheo de libros: son espazos para descubrir, aprender, investigar e compartir. Por iso, con motivo do Día das Bibliotecas Escolares, na BiblioAntioquía quixemos celebrar todo o que nos ofrecen estes espazos tan especiais.

Por unha banda, o alumnado de 1º da ESO participou nunha divertida xincana organizada polo profesor de Galego, Xoán. A través de diferentes probas e desafíos, as rapazas e os rapaces tiveron a oportunidade de coñecer mellor a nosa biblioteca, descubrir os seus recursos e familiarizarse co seu funcionamento. Unha maneira diferente de achegarse á biblio e comezar a facela súa!




Ademais, a nosa coordinadora asistiu en Santiago de Compostela á Xornada de Bibliotecas Escolares, un encontro formativo no que se abordaron algúns dos grandes retos e oportunidades que temos por diante. Entre os temas tratados estiveron o impacto da intelixencia artificial nas bibliotecas e na educación, o aproveitamento dos recursos dispoñibles na rede para buscar información e transformala en coñecemento, así como as posibilidades da banda deseñada como recurso para fomentar a lectura. A xornada tamén foi unha boa ocasión para descubrir novidades editoriais, coñecer novas propostas e regresar con ideas frescas para seguir enriquecendo os fondos da nosa biblioteca.




Porque unha biblioteca escolar está sempre en movemento: abrindo as súas portas, explorando novos camiños e buscando novas maneiras de espertar a curiosidade lectora.

Longa vida ás bibliotecas escolares!


venres, 23 de outubro de 2026

OBRADOIROS DE SAMAÍN: CREATIVIDADE E UN POUQUIÑO DE MEDO!


Durante os recreos desta semana do 19 de outubro, a BiblioAntioquía converteuse nun pequeno obradoiro de creación no que alumnado e profesorado compartimos tempo, ideas e moita creatividade.

Ao longo de varios encontros, puxémonos mans á obra para preparar a decoración de Samaín que encheu o noso centro de ambiente misterioso e arrepiante nestas datas. Entre manualidades, tesoiras, cartolinas e moita imaxinación, fomos dando forma aos adornos que vestiron os corredores e os espazos do instituto para celebrar esta festa tan especial.


Unha iniciativa para crear en comunidade, colaborar e gozar da biblioteca tamén como un espazo de encontro máis alá dos libros.


Grazas a todas as persoas que participastes e contribuístes a que o noso centro tivese un Samaín de medo!




mércores, 21 de outubro de 2026

PENSAR ANTES DE ACTUAR: CELEBRAMOS O DÍA MUNDIAL DA ÉTICA NA HORA DE LER

Hoxe, 21 de outubro é o Día Mundial da Ética e o pasado luns, na Hora de Ler, aproveitamos a ocasión para achegarnos a esta cuestión desde unha perspectiva moi próxima ao noso día a día.

A través dunha lectura guiada, descubrimos que a ética é moito máis ca unha cuestión filosófica: está presente nas pequenas decisións que tomamos a diario, na maneira en que tratamos as demais persoas e na responsabilidade que asumimos polas nosas accións.

Falamos de cuestións tan actuais como o respecto aos animais, o uso responsable da intelixencia artificial, a convivencia nas redes sociais e o coidado do medio ambiente. Tamén lembramos algunhas das ideas de Sócrates e dos sofistas, que xa na antiga Grecia se preguntaban como debemos vivir e que significa actuar correctamente.

Para rematar, abrimos un pequeno debate arredor de tres preguntas: se algo se converte en correcto polo simple feito de que todo o mundo o faga, se debemos priorizar o que pensamos ou como poden sentirse as demais persoas e que pequenas decisións podemos tomar para facer do noso centro un lugar máis xusto.

Porque a ética consiste precisamente en aprender a pensar con responsabilidade, escoitar outras opinións e convivir con respecto.

luns, 19 de outubro de 2026

A BIBLIOANTIOQUÍA ENTRA EN MODO TERROR!

Ímonos achegando perigosamente ao día máis aterrador do ano. A festividade celta do Samaín está xa pisando os nosos talóns e na BiblioAntioquía non nos queremos despistar nin unha miga. Se pasastes estes días, e vos fixastes, claro!, por diante da pizarra que hai entre a Sala de Profes e a Biblio, de seguro xa vistes todo o que temos preparado para a celebración deste ano. Non falta ningún dos nosos clásicos!

Por se aínda hai alguén que se puidera despistar, aí vai un recordatorio de todo o que estamos argallando!

  • Arrancamos mañá mesmo cun OBRADOIRO, durante o recreo, para elaborar as MANUALIDADES máis arrepiantes! Teremos unha segunda cita o xoves!! Anota todo na túa axenda para non perder nada!

  • Este Samaín vai ser, ademais, moi doce! O xoves, 29 de outubro terá lugar na Biblio, tamén no recreo, outro OBRADOIRO... Vén preparar connosco uns DOCES DE MORTE!

                                  
  • E agárrate ben a onde poidas para non morrer co susto porque neste 2026 os concursos volven máis fortes ca nunca!


Non o penses, dálle renda solta á túa imaxinación e exprésate coa linguaxe artística que prefiras! Pero non esquezas poñernos os pelos de punta!

UN LIBRO, MOITAS POSIBILIDADES! AXUDAS PARA MERCAR NOVAS LECTURAS

Gústache ler? Tes algún libro na túa lista de desexos que estás a piques de engadir á túa colección? Pois presta atención, porque traemos unha boa noticia!

A Deputación de Ourense pon en marcha unha iniciativa para fomentar a lectura entre a mocidade da provincia. Se es menor de idade e cumpres os requisitos da convocatoria, podes beneficiarte dunha axuda para mercar un libro. Unha oportunidade estupenda para descubrir novas historias, coñecer outras autoras e autores ou, simplemente, darte ese capricho literario que levas tempo agardando.

EN QUE CONSISTE A AXUDA?

A iniciativa ofrece unha axuda de ata 20 euros para a adquisición dun libro, dirixida ás persoas menores de idade que cumpran as condicións establecidas nas bases da convocatoria.

A proposta busca fomentar o hábito lector e facilitar o acceso á lectura, ao tempo que apoia as librarías da provincia de Ourense.

ONDE PODO CONSULTAR TODA A INFORMACIÓN?

Se queres saber quen pode solicitar a axuda, cales son os requisitos, que libros se poden adquirir e cal é o procedemento para beneficiarse dela, consulta toda a información na web oficial da Deputación de Ourense.

👉 Consulta aquí a convocatoria de axudas da Deputación de Ourense.

Así que xa sabes: se che gusta ler, non perdas esta oportunidade de descubrir a túa próxima gran historia.

xoves, 15 de outubro de 2026

AS MULLERES RURAIS: IMPRESCINDIBLES, AÍNDA QUE INVISIBILIZADAS

 Esta semana, na nosa Hora de Ler, achegámonos a unha data que non podiamos deixar pasar: o 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais.

Quen traballa a terra, coida o gando ou mantén vivos os saberes artesanais sabe ben o importantes que son estas tarefas para a nosa vida cotiá. E detrás de moitas delas están as mulleres rurais, cuxo traballo resulta imprescindible para alimentar a poboación, coidar do medio ambiente e conservar a biodiversidade.

Porén, que un traballo sexa esencial non significa que sempre se valore como merece. As mulleres rurais continúan a enfrontarse a numerosas desigualdades: teñen máis dificultades para acceder á propiedade da terra, conseguir créditos ou chegar aos mercados. Ademais, o acceso á educación, á atención sanitaria e a servizos básicos pode resultarlles moito máis complicado. A todo isto súmase a súa escasa participación nos espazos de decisión, tanto nas comunidades como nos propios fogares.

E se recoñecer o seu traballo é unha cuestión de xustiza, tamén o é entender que mellorar a situación das mulleres rurais significa mellorar a situación de toda a sociedade. Darlles acceso aos mesmos recursos e oportunidades non só contribúe a reducir as desigualdades, senón que tamén pode aumentar a produción de alimentos e favorecer un desenvolvemento máis sostible.

Por iso, o Día Internacional das Mulleres Rurais busca visibilizar as discriminacións que aínda sofren, reivindicar a súa participación na toma de decisións, reclamar unha maior protección social e reducir a fenda dixital.

Na BiblioAntioquía cremos que ler tamén é unha forma de descubrir realidades que ás veces pasan desapercibidas. Esta semana, a nosa Hora de Ler serviunos para lembrar que, detrás de moitos dos alimentos que chegan á nosa mesa e da vida das nosas comunidades, hai mulleres cuxo labor merece todo o noso recoñecemento.

Porque sen as mulleres rurais non se entende o campo, nin a alimentación, nin boa parte da nosa vida.


mércores, 14 de outubro de 2026

LE GRATIS DESDE ONDE QUEIRAS COA APP BEGA-ELBE 2!



A ver, a quen non lle gustan as cousas gratis? Se, ademais, esas cousas son libros, na BiblioAntioquía xa estamos dando palmas coas orellas!

O caso é que non podiamos seguir gardando só para nós este segredo tan xugoso, así que... alá vai! Todo o alumnado e profesorado galego ten ao seu dispor a aplicación BEGA-ELBE 2 que permite ler libros en formato dixital de maneira gratuíta.

Así que, se tes acceso a un móbil, tableta ou ordenador podes acceder a un monte de títulos sen pagar un céntimo e ler desde a casa, o bus ou onde ti queiras!

Para poder empregala, só tedes que pasar pola BiblioAntioquía onde a teacher Belén estará encantada de entregarvos o voso identificador e contrasinal.

Pero non te durmas nos loureiros: correde que estás a un par de clics de descubrir milleiros de historias interesantísmas!

O enlace online á plataforma é o seguinte: https://bega-elbe2.edu.xunta.es/

Tamén podes descargar a aplicación desde a PlayStore.

luns, 12 de outubro de 2026

PALABRAS DE ANTAÑO: ACEBIBE

 


Nova semana e nova palabra para a nosa pizarriña de “Palabras de Antaño”!

Desta volta, na BiblioAntioquía, queremos lembrar acebibe, un termo xa en desuso no castelán que significa “uva pasa”. Un doce e saudable aperitivo para os recreos, non vos parece?

Escoitárades algunha vez esta palabra? Estade atentos á pizarriña que cambia cando menos o esperedes!


sábado, 10 de outubro de 2026

PORQUE SON UNHA NENA...

 Na nosa Hora de Ler desta semana, que volveu caer en luns, lemos sobre unha data importantísima que, en realidade, se conmemora hoxe, 11 de outubro: o Día Internacional da Nena.

Nunca antes na historia da humanidade houbo tantos adolescentes no planeta: máis de 600 millóns. E, a pesar de todos os avances conseguidos, nacer nena segue a determinar, en boa parte do mundo, o acceso á educación, a idade do matrimonio ou o dereito a decidir sobre o propio corpo. Por iso é necesario visibilizar as desigualdades que sofren as nenas e defender os seus dereitos.

No noso mundo actual, mesmo hoxe, nacer con cromosomas XX segue condicionando as posibilidades de ir ou non á escola ou a idade á que unha nena pode casar. É dicir, nacer nena aumenta as posibilidades de non poder estudar, ter que traballar antes de tempo e sen remuneración, verse obrigada a casar antes dos 18 anos ou converterse en nai durante a adolescencia.

Precisamente, a primeira edición deste Día Internacional, celebrada en 2012, centrouse en poñer fin ao matrimonio infantil. Esta práctica supón un punto e á parte na vida de moitas nenas, que deben abandonar de forma abrupta e cruel a infancia para asumir responsabilidades e roles nada axeitados á súa idade.

Pero, se algo aprendemos neste noso tempo de lecturas, é que sempre hai esperanza, mesmo para as causas máis inxustas ás que nos enfrontamos. Neste caso, a solución pode non parecer revolucionaria, pero no fondo si que o é: a escola. Permanecer o maior tempo posible nas aulas, aprendendo, pode cambiar radicalmente a vida das nenas. A educación abre portas, amplía as oportunidades e axuda a romper o ciclo da pobreza.

Ademais, tamén entendemos que podemos facer moito para contribuír a mellorar a situación das nenas. Podemos falar coas que viven na nosa contorna para escoitar os seus problemas e lembrarlles que as súas posibilidades non teñen límites; animalas a explorar as súas vocacións científicas e tecnolóxicas; cuestionar os estereotipos de xénero e denunciar calquera situación de violencia contra elas.

Porque todas as nenas teñen dereito a medrar, aprender, soñar e decidir sobre o seu futuro. E porque ser unha nena nunca debería determinar ata onde se pode chegar.



venres, 9 de outubro de 2026

LECTURAS PARA UN SAMAÍN DE MEDO!

Chega o Samaín e a nosa BiblioAntioquía énchese de misterios, pantasmas, bruxas e historias capaces de poñernos os pelos de punta! 

Se che gustan as historias inquietantes, os segredos agochados e os relatos que non che deixan durmir, temos cinco recomendacións literarias para ti: desde unha apocalipse zombi ata unha historia clásica de terror, pasando pola bruxaría, o misterio e os cómics máis arrepiantes.

Achégate á BiblioAntioquía, escolle a túa próxima lectura e prepárate para vivir un Samaín de medo!

mércores, 7 de outubro de 2026

BENLIDOS, UNHA AXUDIÑA DA TVG PARA AS LECTURAS OBRIGATORIAS EN GALEGO


A plataforma AGalega.gal estrea BenLidos, un programa presentado pola xornalista Alba Mancebo que nos achega aos libros de lectura obrigatoria nos institutos galegos dun xeito breve, ameno e divulgativo.

A través de explicacións, curiosidades e claves de lectura, descubriremos novas maneiras de comprender as obras e de gozar delas. Cada semana, unha nova oportunidade para achegarnos á literatura!

Anímate a coñecer esta iniciativa da Televisión de Galicia e a descubrir todo o que agochan os libros que lemos nas aulas.

Queres saber máis? Bótalle unha ollada ao vídeo de presentación!

Descubre BenLidos en Facebook


luns, 5 de outubro de 2026

PALABRAS DE ANTAÑO: ABADA


Na BiblioAntioquía estreamos a nosa pizarriña de “Palabras de Antaño”, un pequeno espazo para recuperar palabras curiosas, desta volta do castelán, que caeron no esquecemento ou que xa case non empregamos.

A primeira protagonista foi abada, unha palabra que se utilizaba para referirse á femia do rinoceronte.

E ti, coñecías esta palabra? Achégate á nosa pizarriña e descubre connosco as marabillas do noso vocabulario!


venres, 2 de outubro de 2026

OS MOSQUETEIROS: ENTRE A HISTORIA E A FICCIÓN

 O pasado 28 de setembro, na nosa Hora de Ler, viaxamos ata a Francia do século XVII para coñecer a historia dos mosqueteiros e descubrir canto hai de realidade e canto de ficción nestes personaxes que forman parte do noso imaxinario colectivo.

Falamos de D'Artagnan, Athos, Porthos e Aramis, da novela de Alexandre Dumas e do famoso lema «Todos para un e un para todos», convertido en símbolo de amizade e lealdade. E descubrimos tamén algo sorprendente: D'Artagnan existiu realmente e serviu de inspiración para o personaxe de Dumas.

Unha nova Hora de Ler para comprobar que, ás veces, a realidade tamén ten moito de novela.

  • E lembrade: mañá, 3 de outubro, celébrase o Día Internacional do Mosqueteiro. Unha boa escusa para volver ás aventuras dos catro inseparables compañeiros!




xoves, 1 de outubro de 2026

DA HORTA Á MESA: POSTO DE VENDA EN FRONTE DA BIBLIO!

Se hai algo que nos gusta na BiblioAntioquía é que os libros nos leven a lugares inesperados. E esta semana leváronnos... directamente á horta!

O alumnado dos cursos 1.º e 2.º de Agropecuaria do noso centro puxo en marcha un pequeno posto de venda de produtos da horta, de tempada e de proximidade.

E ollo, porque a oferta non estaba nada mal: tomate bombilla amarelo, cogombro tradicional, cabaza vasca e cabaza potimarron.

Unha oportunidade estupenda para coñecer de preto o traballo que se fai nestas ensinanzas e, de paso, levar para casa produtos cultivados e preparados polo noso alumnado.

Así que xa sabes: se a próxima vez que pases pola Biblio notas un arrecendo sospeitosamente vexetal... Non é cousa dos libros!

É a horta chegando ao instituto.



mércores, 30 de setembro de 2026

A BIBLIOANTIOQUÍA VÍSTESE DE OUTONO... E DÁ A BENVIDA ÁS NOVAS INCORPORACIÓNS!

Xa se nota no aire, nos días que van sendo máis curtos, nas follas que comezan a cambiar de cor... e tamén na BiblioAntioquía!

Pouco a pouco, a nosa biblioteca vaise enchendo de follas, flores, ramas, cabaciñas, cogomelos e pequenos recunchos outonais que nos lembran que unha nova estación acaba de chegar. Porque se hai algo que nos gusta na Biblio é que tamén as paredes, os estantes e os pequenos detalles vaian cambiando ao longo do ano.



E este curso temos, ademais, un motivo moi especial para encher a biblioteca de plantas e flores: dámoslle a benvida ao alumnado do novo ciclo de Xardinaría e floraría do IES Cidade de Antioquía!







É unha alegría contar este ano con esta nova familia no noso centro e estamos desexando ver como medran os seus proxectos, as súas ideas e, por que non, tamén as plantas que vaian enchendo os nosos espazos de vida e de cor.

Así que, benvidos e benvidas! Agardamos que este sexa o primeiro de moitos cursos compartindo corredores, aulas... e tamén biblioteca.

Mentres tanto, nós xa estamos preparados para o outono.

Pasade pola Biblio e descubrídeo!





luns, 28 de setembro de 2026

QUE HAI DE NOVO, AMIGAS?

Nova semana e novos libros na BiblioAntioquía. De seguro pasaches xa un cento de veces polo noso estante de flamantes NOVIDADES e aínda non te paraches nunca un anaquiño para saber que hai de novo!

Pois lembra facelo a próxima vez que veñas pola biblio.

Porque aquí hai un pouco de todo: historias de amor e amizade, aventuras, misterio, novelas gráficas, clásicos, libros sobre mulleres que cambiaron o mundo, filosofía e mesmo algunha que outra historia que probablemente non sabías que necesitabas ler.

  • Que che apetece unha novela gráfica? Temos.
  • Que queres descubrir a historia dunha muller extraordinaria? Temos.
  • Que prefires unha aventura, un clásico ou unha historia de amor? Tamén temos.

E é que unha das cousas máis bonitas de que cheguen libros novos á biblioteca é precisamente esa: nunca sabes cal vai ser o que che estea esperando.

Así que xa sabes: a próxima vez que pases por diante do expositor de novidades, para un momentiño, bota unha ollada e déixate tentar.

Pode que a túa próxima lectura estea aí mesmo, na estantería que levas semanas pasando por alto.

E ti, cal levarías para casa?

xoves, 24 de setembro de 2026

UNHA HORA ENTRE GORILAS

Este luns 21 de setembro, a primeira hora da mañá, inauguramos as sesións da Hora de Ler deste curso cunha viaxe un pouco especial. Non tivemos que coller ningún avión nin atravesar a selva: abriunos as portas directamente a ela un dos animais máis fascinantes do planeta, o gorila.

A escusa foi precisamente, o Día do Gorila, que se celebra cada 24 de setembro. E, como sempre que comezamos unha nova lectura, a primeira pregunta foi sinxela: canto sabemos realmente destes animais?

A medida que avanzamos no texto fomos coñecendo un pouco mellor estes enormes primates: que existen dúas especies principais, o gorila occidental e o gorila oriental; que os machos poden chegar a medir 1,8 metros e pesar máis de 100 quilos; ou que poden consumir 30 quilos de vexetación ao día.

Pero se houbo algo que chamou especialmente a nosa atención foi descubrir que os gorilas son animais moito máis intelixentes do que ás veces imaxinamos. Comunícanse mediante sons e xestos, poden aprender linguaxe de signos e resolver problemas complexos. E coñecemos a historia de Koko, a gorila que chegou a aprender máis de mil signos da linguaxe de signos americana e que tamén comprendía numerosas palabras en inglés.

Porén, non todo o que descubrimos foi agradable. Os gorilas están ameazados pola caza furtiva, a destrución dos seus hábitats, a fragmentación dos ecosistemas e as enfermidades, entre outros factores. A súa situación lembrounos que coñecer unha especie tamén é unha maneira de comprender por que é tan importante protexela.

E aínda nos quedaba unha última sorpresa.

A lectura levounos ata Diane Fossey, Jane Goodall e Biruté Galdikas, tres mulleres pioneiras que, entre as décadas de 1950 e 1970, dedicaron a súa vida a estudar os grandes simios no seu hábitat natural. Coñecidas como os «Ángeles de Leakey», as tres contribuíron a transformar a maneira de estudar os primates e abriron camiños nunha disciplina científica que daquela estaba dominada polos homes.

E así, entre datos curiosos, preguntas e algunha que outra sorpresa, comezamos este curso a nosa Hora de Ler.

E esta foi só a primeira viaxe!