Club de Lectura "Ao pé da letra"



AO PÉ DA LETRA 2025 / 2026

12 DE SETEMBRO

ARRINCA UNHA NOVA AVENTURA! 

O vindeiro luns 15 de setembro abrirá as súas portas a BiblioAntioquía coas pilas cargadísimas para outro curso de lecturas, conmemoracións e actividades que non vas querer perder por nada do mundo.

 A partir da semana que vén, poderedes levar os libros que máis vos gusten para ler onde vos apeteza e tamén daremos a coñecer todas as andanzas nas que vos ides poder embarcar con nós. Deixámosvos por aquí un pequeno adianto do que vos agarda tralas portas da BiblioAntioquía:

    Retomamos os Clubs de Lectura, que son moito máis que ler un libro...

   É compartir tempo con compañeiros e compañeiras aos que tamén lles encanta ler.

   É falar, rir e comer algo rico mentres comentamos o que máis nos gustou (ou o que nos fixo rabiar) das páxinas.

   É descubrir historias sorprendentes que, quizais, non descubrirías pola túa conta...

   Sen esquecernos dalgún agallasiño que recibiredes tamén, claro!

 Imos ter dous clubs de lectura diferentes, agrupados por niveis:

    Un para o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO e outro para 4º da ESO, 1º e 2º de BAC.

 Se che apetece formar parte desta experiencia, pasa pola biblio e inscríbete. E trae un amigo ou unha amiga contigo, cantos máis mellor!


 A lectura sabe mellor cando é compartida!

16 DE SETEMBRO 
NON FAGAS UN "POMBO" E ÚNETE AOS CLUBS DE LECTURA DO INSTI


Se queres deixarte "influenciar" polas celebridades que admiras, sobre todo no ámbito da lectura, desde a Biblioantioquía recomendámosche que escollas ben... 

Na entrada do insti, tes algúns exemplos de persoas famosas que si recoñecen o valor e importancia dos libros. E non só iso, teñen os seus propios clubs de lectura
Se a Dua Lipa, Emma Roberts ou a mesmísima raíña consorte de Inglaterra, entre moitas outras, lles parece un plan xenial comentar a súa última lectura con amigos, amigas e followers... algo terá, non? 
Pois deixa de pensalo e ven descubrilo anotándote nos clubs de lectura da BiblioAntioquía
Recorda que temos dous, segundo o curso no que te atopes: 
- Un para 1º, 2º e 3º da ESO 
- Outro para 4,º da ESO, 1º e 2º de BAC






29 DE OUTUBRO

ARRINCAN AS REUNIÓNS DO CLUB DE LECTURA "AO PÉ DA LETRA" DE 4º DA ESO E BACHARELATO

Xa tivo lugar a primeira reunión do noso Club de Lectura: "Ao pé da letra", para alumnado de 4º da ESO e Bacharelato, e as primeiras impresións non poderían ser mellores! Entre risas, debates e moita curiosidade, os participantes comezaron a explorar os mundos fascinantes que os agardan nas páxinas dos libros que teñen por diante este curso.

A profe Anaís, responsable do club e sempre disposta a guiarnos polo intrincado camiño do pensamento crítico, liderou a sesión inaugural. 

O primeiro trimestre estará dedicado a A granxa dos animais de George Orwell e A lotaría de Shirley Jackson, libros a partir dos que se falará sobre conformismo, poder, tradición e violencia. Sen dúbida, unhas lecturas que prometen debate intenso e reflexión profunda.

O plan de lecturas do curso 25/26 continúa así:

  • 2º trimestre: A transformación de Franz Kafka e A porta pechada de Jean-Paul Sartre, para falar de identidade, diferenza, liberdade e sentido.
  • 3º trimestre: A parábola do sementador de Octavia Butler e Os que marchan de Omelas de Ursula K. Le Guin, abordando distopías, futuro e control social.

Podedes ver nas fotos a emoción dos nosos lectores e lectoras, preparados para enfrontarse a historias que os farán pensar, debater e, sobre todo, disfrutar da lectura.


3 DE NOVEMBRO
"AO PÉ DA LETRA" VERSIÓN MINI: XA SE REUNIU O CLUB DE LECTURA DOS PEQUENOS!

Hai xa case un par de semanas que se reuniu por primeira vez o club de lectura que xunta aos membros máis novos da comunidade educativa do noso IES. Unha versión de "Ao pé da letra" que está conformado, principalmente, por alumnado de primeiro da ESO e co que nesta primeira sesión, pois empezouse polo principio. 

Lembramos ou aprendimos que é iso dun club de lectura e tamén tivemos oportunidade de facer valer a nosa opinión: primeiro, a man alzada, votando os nosos xéneros e formatos favoritos; e despois, dunha maneira máis ordeada, cubrindo un cuestionario coas nosas preferencias lectoras. 

Con todos os datos recollidos, as profes Tania e María elaborarán unha lista de libros que levarán á próxima reunión para escoller, entre todas e todos, o primeiro título que imos ler! Cal será? Que emoción!!! 

Moi pronto na BiblioAntioquía...




9 DE XANEIRO

FELIZ 2026! VOLVEMOS ATRÁS NO TEMPO PARA LEMBRAR A MATILDA



Moi feliz 2026 de parte da BiblioAntioquía para toda a comunidade educativa do Cidade. Regresamos ás aulas coas baterías cargadas despois da pausa das vacacións de Nadal. Seguro que moitas e moitos de vós aproveitastes estes días para poñervos ao día coas vosas lecturas!

Antes de poñernos "a tope" con todo o que traemos preparado para este novo ano, imos botar unha olladiña a unha das últimas actividades celebradas na biblio antes de marcharmos ao noso máis ca merecido descanso: a reunión do club de lectura “Ao pé da letra” do alumnado de 1º da ESO. O último xoves lectivo de decembro xuntámonos para comentar o primeiro libro que lemos este curso: "Matilda".

Animados por un pouco de chocolate e algunhas chuches, o alumnado participante puxo en común a súa experiencia lectora arredor desta fantástica obra de Roald Dahl. Resumimos en tres palabras o noso episodio favorito, unimos algunhas citas célebres coas personaxes que as pronunciaron, debatimos sobre aspectos destacados da novela —como cal lles pareceu o adulto máis inxusto dos que aparecen— e mesmo ideamos algún final alternativo para a Trunchbull. Unha sesión ben aproveitadiña!

Vémonos na próxima!


20 DE XANEIRO
AS PROFES LEN "EL REBAÑO" DE PABLO RIVERO

Onte tivemos a nosa primeira cita no club de lectura de profes! Durante o recreo, reunímonos para comentar El rebaño, de Pablo Rivero, unha obra que nos sorprendeu e xerou un monte de conversacións.

Falamos das personaxes, das situacións e das reflexións que nos suscitou a lectura. Foi un encontro moi distendido, no que compartimos impresións, rimos e descubrimos puntos de vista diferentes sobre a historia.

El rebaño é un thriller inquietante que se le a toda velocidade. Nesta novela, Rivero fai unha crítica, narrada ao máis puro estilo cinematográfico, á necesidade humana de pertencer a un grupo.

Estamos emocionadas de continuar con este club e de ir descubrindo xuntas novas lecturas que nos inspiren e nos fagan pensar. A próxima parada será Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, a autora á que a RAG escolleu como homenaxeada para o Día das Letras Galegas deste 2026.


8 DE ABRIL 
DE VOLTA Á FRAGA DE ESMELLE CON BEGOÑA CAAMAÑO

Xusto antes de marchar para as vacacións de Semana Santa, as profes que formamos parte do Club de Lectura Ao pé da letra reunímonos na BiblioAntioquía para comentar a nosa última lectura: Morgana en Esmelle, da autora viguesa Begoña Caamaño.

Esta novela, obra da que neste 17 de maio será a escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas, gustou moito. As profes comentaron os seus pareceres e alabaron a forma na que Caamaño recolle o relevo de Cunqueiro á hora de escribir, en galego, sobre a materia de Bretaña. Un relevo que, ademais, Begoña soubo levar tamén ao seu terreo e dotar dunha perspectiva feminista que fai da obra unha lectura case obrigada.

Recomendámosvos moito a súa lectura. Hai exemplares na biblio!!

Na próxima sesión comentaremos a ópera prima da novelista marinense Lucía Solla, Comerás flores, grandemente gabada por público e crítica.


15 DE ABRIL 
ALBA GUZMÁN VISITA O NOSO CENTRO NUNHA XORNADA DE LECTURA E INSPIRACIÓN


Esta mañá tivemos a sorte de recibir no centro a visita da escritora ourensá Alba Guzmán, autora de A vinganza de Paquiño Jackson, lectura escollida para o Club de Lectura de 1º e 2º da ESO, “Ao pé da letra”.

Foi un encontro moi especial no que o alumnado puido conversar directamente coa autora e descubrir moitos segredos dunha novela que nos fixo rir coa súa divertida historia de zombies e as múltiples referencias á cultura dos anos 80 que aparecen ao longo das súas páxinas.

Ademais de falar sobre as personaxes, a inspiración da obra (as anécdotas de seu pai e avós) e o proceso creativo, Alba Guzmán respondeu con humor a todas as preguntas do alumnado. Tamén compartiu con eles aspectos moi interesantes sobre o funcionamento do mundo editorial: como nace un libro, que pasos segue ata publicarse e como é o camiño dunha persoa que decide dedicarse á escritura. Incluso se falou de cartos, un tema que ás veces non nos atrevemos a preguntar, pero que sen dúbida xera moita curiosidade.

A autora, que compaxina a súa faceta literaria cos seus estudos e traballo na Universidade de Vigo, animou especialmente a todo o alumnado de 1º da ESO, ao que se fixo extensiva esta sesión especial do noso Club de Lectura, a participar en concursos, certames e actividades literarias sempre que teñan ocasión.

A visita rematou coa sinatura dos exemplares de Paquiño Jackson e coa entrega dun agasallo moi especial que nos trouxo Alba: unhas pegatinas chulísimas de Paquiño acompañado da Marela, xa nas súas versións zombies.


Desde a BiblioAntioquía agradecemos enormemente a visita de Alba Guzmán, a súa xenerosidade e a súa capacidade para conectar co alumnado. Sen dúbida, foi unha experiencia enriquecedora que nos deixou con máis ganas de ler… e tamén de escribir.


29 DE MAIO 
PROFESORAS E ALUMNADO COMPARTEN A LECTURA DE “COMERÁS FLORES” NA ÚLTIMA REUNIÓN DE “AO PÉ DA LETRA” 

A semana pasada reuniuse, por última vez neste curso, o club de lectura de adultas “Ao pé da letra”. Nesta ocasión, as participantes comentaron “Comerás flores”, a ópera prima da autora marinense Lucía Solla Sobral, unha novela que está dando moito que falar e que aborda cuestións tan delicadas como as relacións desiguais ou a violencia psicolóxica dentro da parella.

Esta sesión foi especialmente enriquecedora, xa que, ademais das profesoras que adoitan participar nestes encontros, uníronse tamén dous alumnos de 1.º de Bacharelato que leron a obra na materia de Lingua Galega e Literatura.

Profesoras e alumnado compartiron impresións sobre unha novela que, en xeral, gustou moito polo seu estilo fresco e accesible, así como pola maneira en que trata temas universais que interpelan a calquera: o amor, a morte, a amizade ou a identidade.

Sen dúbida, "Comerás flores" é unha excelente recomendación para quen aínda non escolleu a súa primeira lectura deste verán.

18 DE XUÑO
O ALUMNADO DE "AO PÉ DA LETRA" CONVÉRTESE EN CREADOR DE BANDA DESEÑADA

Na última reunión do Club de Lectura Ao pé da letra da BiblioAntioquía, o alumnado achegouse ao mundo da banda deseñada a través dunha selección de lecturas procedentes principalmente do xornal O Papagaio. As historias, contadas mediante a combinación de texto e imaxe, permitiron descubrir diferentes formas de narrar e expresarse, ao tempo que gozaban dunha lectura amena e atractiva.



Despois de comentar as obras lidas e analizar algúns dos recursos propios da banda deseñada, chegou o momento de poñer en práctica todo o aprendido. O alumnado converteuse en guionista e ilustrador, creando as súas propias historietas con moita imaxinación, humor e creatividade.



O resultado deste traballo pode verse estes días na biblioteca do centro, onde están expostas as diferentes creacións. A mostra é unha excelente oportunidade para coñecer o talento do noso alumnado e comprobar como a lectura pode servir de inspiración para crear novas historias.



Parabéns a todas e todos os participantes polo seu esforzo e pola calidade dos traballos realizados! Animámosvos a achegarvos á biblioteca para gozar desta exposición.

19 DE XUÑO
ATA O CURSO QUE VÉN, LECTORAS E LECTORES!

Neste último día de clase puxemos o broche final ás actividades do Club de Lectura Ao pé da letra cun pequeno encontro na BiblioAntioquía.

Ao longo do curso, as nosas lectoras e lectores participaron con entusiasmo nas distintas propostas do club, compartindo lecturas, opinións e experiencias arredor dos libros. Como recoñecemento á súa implicación e compromiso, fixémoslles entrega dun diploma e dun pequeno agasallo que lles servirá para lembrar os bos momentos vividos durante este ano.

Foi unha ocasión especial para celebrar todo o aprendido, as historias descubertas e os momentos compartidos na biblioteca. Queremos agradecer a cada participante a súa ilusión, curiosidade e ganas de ler, que son as que dan vida ao noso club de lectura.

Despedímonos ata o vindeiro curso, desexando que o verán veña cargado de novas lecturas, aventuras e descubrimentos entre as páxinas dos libros.

Grazas por formar parte de Ao pé da letra!


AO PÉ DA LETRA 2024 / 2025

Benvidos e benvidas a un novo ano de lecturas con oso club Ao Pé da Letra!

E este curso é unha benvida especial, pois estamos de estrea. Velaquí tes o logo do club de lectura que, a partir de agora, figurará nas lecturas que vaiamos sumando.


Antes de comezar, e aínda que algúns xa formades parte desta pequena familia lectora, temos que invitar de novo a quen se queira unir. Por eso, verás este cartaz na túa clase durante un tempiño. 

Se os libros son os teus amigos, se te apetece compartir experiencias ao abeiro da lectura, anótate! Abofé que repetirás!

En calquera caso, Sempre que queiras, estamos abertos á túa incorporación ás nosas xuntanzas.

 

 ARRANCAMOS!

Outubro empeza con Ao Pé da Letra a toda máquina. Reunimos o día 7 as seccións de alumnado do club e pasamos un anaco entretido comentando gustos, intereses, aficións e rematamos coa elección dos libros para abrir un ano de lecturas.

Para os máis noviños:

Co alumnado xa iniciado, empezamos con:


Dámonos un prazo dunha semana para reunirnos de novo para o reparto dos libros.

Cos adultos iniciamos o camiño compartindo un xantar literario no que falamos das lecturas que fixemos este verán. E trala sobremesa, xurdiu a proposta para esta primeira avaliación:

Esta proposta de lectura conta con versión dixital en E-LBE. 

 

14 DE OUTUBRO

Primeira sesión cos máis novos do club de lectura. 

A xuntanza serviunos para facer unha interpretación da portada e para unha lectura en común do primeiro capítulo. A partir de aí, a imaxinación espertou para contestar a un par de cuestións: que esperas do libro? Que cres que vai suceder nesta historia? As respostan foron moi curiosas e, aínda que non ían desencamiñados, non lles faltarían as sorpresas. Para a próxima cita do mes que vén, agardamos que o libro estea lido e que atendan a nosa petición de investigar un pouquiño sobre o autor, Neil Gaiman.

Mesmo plan coa rapazada de 3º e 4º ESO. A lectura das primeira liñas do libro impactaron, quedaron ganas de seguir lendo. A diferenza do outro club, aquí plantexamos unha proposta diferente no que respecta ao autor. Neste caso, non lles solicitamos información de  César Fernández García, pedímoslles que investigaran un pouquiño sobre a figura de Gustavo Adolfo Bécquer.
 

5 DE NOVEMBRO

Sesión de tertulia sobre La última bruja de Trasmoz. Falamos da interesante e desgraciada vida de Bécquer e fixemos un percorrido paralelo entre a biografía do autor e os feitos da novela. 

Na investigación sobre o autor, atoparon este interesantísimo documento audiovisual titulado Bécquer desconocido:

En xeral, pareceulles unha noveliña entretida e fácil de ler, aínda que algo previsible. Eso si, valoraron moi positivamente a oportunidade de achegarse a unha figura do temario de 4º dunha forma tan oricinal. E entre comentario e comentario, chegaron á conclusión de que non era a única novela que leran relacionada cun personaxe literario ou cun literato directamente. E así foi como o que se iniciou coma unha tertulia, se volveu unha busca entre os fondos da biblioteca para crear un itinerario de lectura besaedo na metaliteratura. A actividade gustoulles tanto que prometeron repetir a experiencia con outros libros.

 

A proposta seguinte é Dr Jekyll e Mister Hyde, lectura pola que preguntaba o alumnado de 4º despois dunha clase de Latín. Consideramos que é un clásico que lles pode resultar atractivo e  ao que se lle pode sacar partido pola cantidade de versións cinematográficas que se poden visionar. Agardamos unhas semaniñas para unha nova xuntanza.


7 DE NOVEMBRO 

Nova sesión en novembro con Ao Pé da Letra- 1º e 2º ESO. Co libro xa lido, comeza a tertulia, o diálogo e o intercambio de experiencias. A principal conclusión á que chegaron os rapaces e rapazas é que se trata dunha historia que parece un conto, pero que realmente se convirte nunha historia escalofriante que non os deixou indiferentes. Comentamos, tamén, a versión cinematográfica, pois algún xa viran o filme, e manifestan que estaba ben, pero non lles acabou de gustar porque daba medo. Mira o trailer a ver que che parece a ti...


Antes de rematar o encontro, propuxemos unha lectura diferente: 

Un manga cun contido chamativo, pero con temas moi próximos a eles: bullying, amizade, compañeirismo,…  

 

12 DE NOVEMBRO 
Sesión para entrega de libros de Mi amigo Capricornio, acompañada dunha pequena conversa sobre o manga como xénero e sobre outras lecturas en banda deseñada, cómic ou novela gráfica. Desta vez non imos esperar moito, Non estamos agobiados cos exames e é un libro que se le moi rápido.


25 DE NOVEMBRO
Sesión para tertulia sobre Mi amigo Capricornio. Centrámonos sobre todo na análise de personaxes, en tratar de empatizar e comprender as súas actitudes e comportamentos. Que farías ti se foses Naoto? Que opinas de que Yüya arrastre a Naoto a unha fuxida condenada ao fracaso? Que farías ti se che chega un xornal a casa cunha data que aínda no se cumpriu? 

Un manga cunha temática realmente seria, pero o que máis chamou a atención da rapazada foi a cabra que o aire fai chegar ao balcón do protagonista.

No intermedio entre as clases da mañá e da tarde, quedamos coa rapazada para falar do libro de RL Stevenson. A tertulia sobre este clásico foi acompañada da visualización dun filme relativamente moderno e ambientado na actualidade. A versión era previsible, máis tendo en conta que o orixinal xa estaba lido. 

Chegamos ás conclusión de que o libro era moitísimo mellor que a versión visualizada. E tamén chegamos á conclusión de que, ás veces, na adolescencia tamén teñen o /a seu/súa Hyde, aínda que non cheguen nin por asomo ao asasinato.

 Próxima lectura, que xa deicaremos para xaneiro:


2, 4 e 9 DE DECEMBRO 
Como proposta novidosa, en relación coas dúas lecturas, acurtamos os tempos entre sesións para facer un trballiño no que explotar a creatividade para poñela ao servixo da lectura. Así chegou ao club o scrapbooking literario. Pegatinas, gomets, recortes, citas dos libros,… convertíronse en instrumentos para dar unha volta máis ás dúas lecturas, pois aproveitamos as xuntanzas para comparar e opinar.

Os recreos non nos chegaron e tivemos que quedar un luns despois de comer e antes das clases da tarde.

      
   

 

E para a volta de Nadal,  pasamos de un manga a un cómic galego:


13 DE XANEIRO

Sesión para a tertulia de Ao Pé da Letra adultos. Movémonos entre pratos e relatos para analizar A memoria da choiva de Pedro Feijoó, unha obra complexa e longa, moi longa, na que nos mergullamos na vida de Rosalía de Castro a través dunha historia do século XXI. Dende logo, o que nos quedou claro é que o traballo de documentación para a redacción do libro foi inmenso, de feito, contar entre nós con profes de Galego axudounos a delimitar que era certo e que non.


E despois de Rosalía, pasamos a unha lectura moi actual: La mala costumbre de Alana Portero. 
20 E 27 DE XANEIRO 
 
Un lobo dentro de Pedro Mañas, foi unha obra dura para reflexionar sobre o acoso escolar, sobre como a nosa contorna nos convirte no que somos. E sobre todo, para entender que as bromas poden deixar de ser bromas e que as vitimas as veces se volven verdugos. Este sector do clube, experto en itinerarios lectores, mergullouse de novo nos seus recordos de lecturas e nos andéis da biblioteca para deseñar outro itinerario lector.
 

 Quedamos para ver filme Cobardes o luns 27.
 
 
22 E 23 DE XANEIRO

Aldara e a lenda do cervo branco foi unha obra que lles resultou vibrante e moi atractiva e coa que puideron descubrir aspectos da vida do rural galego da nenez dos seus avós. Aldara ten esa parte de aventura que tanto lles gusta, o componente máxico que tanto lles atrae e unha forte dose de realidade que, aínda que sexa de lonxe, axúdalles a empatizar.

Febreiro na Limia é Entroido e bastantes distraccións xera como para engadir unha máis, ainda que sexa tan interesante coma a lectura. Así que chegou o momento de facer unha paradiña a espera dunha actividade na que adoitamos participar: as Tertulias Literarias do Liceo, organizadas polo Concello de Ourense.

 

3 DE MARZO

Retomamos a vida do club de lectura coa reunión conxunta das dúas seccións de alumnado. O obxectivo é informalos da proposta do Concello de Ourense para a tertulia en galego. Esa será a próxima lectura.

Explicámoslles como funcionan as tertulias, que debatirán con xente da súa idade e que terán a oportunidade de coñecer ao autor e de que lles asine o libro.

En canto cheguen os exemplares, darémosllos en man, incluído aos pequenos que estean interesados, pois calcúlase que a data da tertulia coincidirá co intercambio con Francia.
 

24 DE MARZO

Facemos unha reunión previa á tertulia no Liceo agora que a data está próxima. Falamos do autor, Alberto Mancebo, da súa labor literaria e do seu traballo coma presentador do Telexornal fin de semana na TVG. Sacamos múltiples temas dos que falar: medio ambiente, familia, valores, violencia, supervivencia,...


A lectura é unha cuestión transversal na educación, por iso, hai certas actividades que integramos nas aulas tratando de achegarnos a máis lectores, probando outras experiencias, coma neste caso un monográfico de Astérix en inglés, especialmente destinado ao alumnado de 1º ESO. 

Velaquí aos que conquistamos...


 

3 DE ABRIL 

Indolente de Alberto Mancebo, proposta de lectura para participar na Tertulia do Liceo de Ourense unificou aos grupos de alumnado. Aínda que estas tertulias están destinadas a cursos superiores, abrímonos á posibilidade de levar aos lectores máis ávidos de 1º e 2º ESO, sobre todo porque a data prevista para a xuntanza coincidía co intercambio a Francia e a mayoría dos integrantes de Ao Pé da Letra - 3º e 4º ESO participaban nel. Os intres compartidos cos demais estudantes descubríronnos a unha pequena gran lectora e tertuliana.

 O encontro posterior con Alberto Mancebo foi espectacular. O feito de velo camiñar entre a rapazada deulle dinamismo á actividade, a conversa con el foi próxima, agradable e divertida. 


 7 DE ABRIL

Chegamos á recta final de curso e á última proposta por separado para Ao Pé da Letra 3º- 4º;  El efecto Frankenstein de Elia Barceló. A novela móvese entre a fantasía, a aventura, o amor; unha viaxe no tempo e Víctor Frankenstein polo medio. Os ingredentes eran espectaculares para esta nova e moi entretida visión do personaxe de Mary Shelley.

Levámolo de vacacións de Semana Santa á espera de que nos chegara unha proposta máis en castelán para as tertulias do Liceo. 

7 DE MAIO

En maio tivemos o último xantar literario de Ao Pé da Letra adultos. O obxectivo foi comentar a obra Alana Portero. Resultounos unha obra intensa, pero á vez unha mostra marabillosa do proceso de aceptación dun mesmo cando non se é o que a sociedade marca. Non nos faltou empatía coa protagonista, valoramos positivamente o estilo único da autora plagado de referencias mitolóxicas, de particulares e fermosas metáforas. E lembramos outros tempos coa música.


Sorprendeunos saber tamén que esta era precisamente a obra en castelán que elixiran para a tertulia en castelán do Liceo de Ourense. Parecíanos unha obra tremendamente cruda para eles e elas, pero non contababamos con que esta xente nova nos dera unha lección na tertulia en Ourense. 
 
12 DE MAIO
Aproveitamos a tertulia de sobremesa habitual deste grupo para repartir exemplares de La mala costumbre. E como lle gusta a este grupo, non faltou o cine, esta vez en forma de conversa e con pequenos retazos de filmes clásicos, que remataron co trailer da nova visión de Guillermo del Toro.
 

12 DE XUÑO
 

En plena recta final de curso, cos exames encima e cun desprazamento a Ourense que nos levaba e nos traía por Maceda, nos fallamos á Tertulia do Liceo. E, sendo para os adultos do club unha obra intensa e dura, a visión do mundo dos adolescentes, a aceptación dos demais parece evolucionar facorablemente, e enfocaron a novela cunha trascendencia moito máis levadeira ca que nós lle deramos. Desta vez non houbo sorte, Alana Portero non veu, estaba ocupadísima e nin sequera houbo saúdo ou agradecemento en forma de vídeo. Outra vez será...
 

 
E para quitar ferro á unha temática tan complexa e pechar a lectura por todo o alto, creamos a playlist da protagonista, esa que a acompañaba no seu cuarto ou nas discotecas que visitaba. Unha lista de éxitos que non lles resultaban tan descoñecidos.

E tampouco lles faltou un itinerario lector reivindicando a diversidade.

 UNS CANTOS RECREOS DE XUÑO

Hojas en blanco manchadas de vida, de Becca Neta é a obra que empregamos para o que nós chamamos literatura de proximidade. Trátase dun libro de poemas en verso libre, escrito por unha rapaza d’A Limia no que reflexiona sobre a vida, o amor, a familia,… A poesía soe ser un xénero difícil de afrontar e entre todos, é maís sinxelo, de aí que esta fose a última lectura proposta para o alumnado ao completo de Ao Pé da Letra. Tratouse máis dunha lectura común comentada en varios recreos que dunha lectura persoal ao uso. Foi unha mágoa que as actividades se acumulasen na recta final de curso e que a cita con Rebeca tivese que ser adiada, pero o ano que vén retomarémola.

PREPARÁNDONOS PARA PECHAR 

Ademais de animación á lectura para fomentar o seu espírito crítico, propuxémoslles a 1º e 2º ESO un book review en inglés, co que puideron valorar algunhas das lecturas que realizaron ao longo do curso, ben no club de lectura, ben en materias coma Galego ou Castelán. Os resultados foron de felicitación:



UNHA PETICIÓN ESPECIAL

Labor fundamental do club de lectura é mediar entre os libros e a rapazada. Por iso, cando Marta a profe de castelán, nos pediu axuda para facer chegar ao alumnado de 1º ESO o xénero teatral, puxémonos en marcha. Segue a ligazón e averigua como o resolvemos.

OBRADOIRO DE TEATRO

CAPÍTULO DE AGRADECEMENTOS

E para pechar definitivamente este curso de lectura, é preciso lembrar que este ano escolar tampouco faltou a colaboración de Óscar Soto nas súas clases para animar a lectura de clásicos.  Nos cursos anteriores colaboraba co club de lectura cos seus 20 minutos cos clásicos un recreo ao mes na biblioteca ou na aula de clásicas. Actualmente, a súa colaboración realízaa dende a súa aula, onde a partir dos mitos fala dos argumentos universais: 

Impagable a labor de Óscar con esta biblioteca e coa lectura. Grazas!

CAMIÑO DO VERÁN...

E para verán, aquí vos deixamos unhas cantas propostas...


E un libro que ben podería ser a primeira lectura dunha sección temática do club de lectura. Pero este é un tema do que falaremos en setembro.


Bo verán e boas lecturas!
 

 
CURSO 2023-2024
Retoma un curso máis a súa labor o noso Club de Lectura "Ao pé da Letra" con importantes novidadeS. A primeira delas é a creación dun logo que a partir de agora nos acompañará nas nosas experiencias lectoras.

Se xa nos coñeces - ou non -, se che gusta ler ou simplemente tes curiosidade, xa podes integrarte nunha experiencia para compartir, para convivir e para disfrutar ao abeiro dos libros.






CURSO 2022-2023

Volvemos a esta lapela do blog BiblioAntioquía para recopilar a información relacionada co Club de Lectura "Ao pé da Letra". En calquera caso, non deixaremos de incluír na páxina principal os eventos salientables que se produzan ao abeiro deste clube. Engadiremos aquí as ligazóns para facilitar o acceso a detalles.
Durante este curso, "Ao pé da Letra" contará con tres seccións: 1º e 2º ESO, 3º- 4º ESO / 1º BAC e adultos. Ademais, engadimos un par de novidades, como son a colaboración de María Novoa Dopozo, alumna de 1º BAC, que actuará de co-responsable da súa sección do club, e as propostas do alumnado de 2º ESO para as lecturas dos máis novos de "Ao pé da Letra". Polo demais, seguiremos na liña marcada en cursos previos: reunións periódicas no horario de comedor dos luns para compartir xantar, opinións e moito máis. 

Este é un club aberto a novas incorporacións. Estamos aquí e na BiblioAntioquía no momento en que a túa motivación lectora nos precise ou no intre en que te queiras unir a nós.

OUTONO LECTOR
Non agardamos máis! Con outubro chegan as primeiras propostas:



Todo o tempo do mundo de David Pérez Iglesias é unha lectura recurrente no noso club de lectura. Esta foi a obra seleccionada para os novos integrantes, unha novela máis ca recomendada polo alumnado de 2ºESO, que a leu o curso pasado. De forma paralela,  2º ESO lerá La trenza de Laetitia Colombani.

Arrancamos cos máis pequenos. O que non saben é a sorpresa que lles agarda en 2023...



Abrimos o club de 3º- 4º ESO e 1º BAC con Golpes de luz de Ledicia Costas. As Tertulias Literarias de Ourense serán a nosa primeira saída.





Manuel Esteban é o autor protagonista deste curso para os adultos. Comezamos con O meu nome é ninguén.



O QUE NOS PRESTA LER EN INVERNO!
Primeiras reunións de lectura e xantar cos lectores e lectoras do IES Cidade de Antioquía.





Volvemos de Nadal cunha visita programada ao Liceo de Ourense. Despois de ler Golpes de luz toca encontro nas Tertulias de Ourense con Ledicia Costas. Se queres máis información, clica aquí...




Chegan as novas lecturas:

1º E 2º ESO



3º - 4º ESO E 1º BAC




CLUB DE ADULTOS



LER EN PRIMAVERA
Imos chegando ao final, pero as actividades non acaban nos nosos clubes de lectura. Esta semana puxemos rumbo a Celanova para vivir unha experiencia lectora diferente, emocionante e divertida. Aquí está toda a información:

BIBLIOANTIOQUÍA : CELANOVA: PUNTO DE ENCONTRO LECTOR (bibliotecacidadedeantioquia.blogspot.com)



Estas serán as últimas lecturas:

                         3º - 4º ESO / 1º BAC                                               ADULTOS

Os clubes pechan o ano dunha forma especial. Por un lado, o alumnado lector da sección 3º e 4º ESO /1º BAC propuxo un best seller para concluír o curso e o club de adultos prepárase para o roteiro de Olga Novo, que contará coa presenza da autora.


E XA CASE EN VERÁN...
Celebramos as últimas reunións deixando un ano máis as portas abertas.




O club de lectura de adultos pecha o curso cun roteiro da man de Olga Novo. Clica aquí e desfruta dun paseo visual por Vilarmao, pola vida e pola poesía desta autora lucense.
 

FELIZ VERÁN E BOAS LECTURAS!

Aquí deixamos a primeira proposta para 2023-2024.









Curso 2019-2020

Igual que fixemos o ano pasado, as novas dos clubes de lectura expoñerémolas na páxina principal. 
Aquí só faremos algunha reseña puntual sobre os libros e actividades que se programaron para este curso.
Continuamos cos dos clubes de anos anteriores e, ademais, estamos agardando que nos inclúan no clube de letras proposto pola Consellería.
Ata o momento, o clube de lectura de persoas adultas xa se reuniu para planificar o ano:
  • O club xa ten nome, Arroz con cháchara.
  • A primeira lectura será El informe de Brodeck, de Philippe Claudel

INFORME DE BRODECK, EL (Letras de Bolsillo)

  • A segunda será Feliz idade de Olga Novo
Seguiremos a informar!



CURSO 2018-2019

Durante este curso, decidimos incluír as entradas referidas ós clubes de lectura na páxina principal, por lle dar máis visibilidade. Aquí imos facer un resumo do que levamos feito  este ano:
O alumnado leu e reuniuse para falar de:
  • 1ºESO: Todo o tempo do mundo de David Pérez Iglesias; O que sei do silencio, de Andrea Maceiras; 22 segundos de Eva Mejuto
  • 2º ESO, Club de poesía: de Carlos Negro, Penúltimas tendencias, Aplicación instantánea, Makinaria
  • 3º, 4º e 1º de Bach. Tertulias en Ourense, Mejor la ausencia de Edurne Portela, Deixe a súa mensaxe despois do sinal de Arantxa Portabales,
O clube de lectura do profesorado, en común cos veciños do IES  Lagoa de Antela leu:
  • La Uruguaya de Pedro Mairal
  • O ano da lebre, de Arto Paasilinna
  • O caderno de erros de Cándido Paniagua.
  • La ley del menor de Ian Mcewan.








EL DESORDEN QUE DEJAS
27/04/20017


O xoves 27 de abril o alumnado do club coñeceu en Ourense ao autor de El desorden que dejas, Carlos Montero e foi o gañador do XX Premio de Primavera de novela 2016. 


el desorden que dejas (premio primavera de novela 2016)-carlos montero-9788467047264Y tú, ¿cuánto vas a tardar en matarte? é a inquietante pregunta que atopa escrita nun papel dentro do seu bolso a protagonista deste triler psicolóxico no seu primeiro día de traballo. A partir de aí, inicia a súa busca de respostas, o que se acabará convertindo nunha obsesión. Interesante, como se puxo de manifesto na reunión no Liceo de Ourense de alumnado que leu o libro.

O alumnado do nos club de lectura ompartiu mesa, mantel e tertulia co alumnado de Allariz, Maceda, Ribadavia e a nosa veciñanza do IES. Lagoa de Antela. 
Finalmente unímonos ao alumnado de Ourense en tertulia co autor.




XUNTANZA CON MARÍA SOLAR EN OURENSE


O alumnado que participa no clube de lectura viaxou a Ourense para participar na tertulia literaria organizada polo concello de Ourense coa autora de As horas roubadas, María Solar. 
Tamén asistiron os clubes de lectura do IES Lagoa de Antela, San Mamede, o Ribeiro e Allariz. 

A autora respondeu ás dúbidas e inquedanzas que a lectura espertou nos lectores e lectoras. 
No coloquio o tema que máis debate ofreceu foi o da violencia de xénero, as súas causas e posibles solucións, os valores que deberían fomentarse, a liberdade etc.






CLUB DE
LECTURA DE PROFES


a ferida do vento-anton riveiro coello-9788498657357

O venres, día 10 de marzo, achegouse a Xinzo Antón Riveio Coello, autor do libro A ferida do vento, última lectura do clube de lectura de profes do IES Cidade de Antioquía e Lagoa de Antela.
Ademais, un grupo de alumnas de 2º de bacharelato uniuse ó clube e participou intensamente no coloquio sobre a obra, ambientada en Xinzo.

O acto tivo lugar no Museo do Entroido de Xinzo. Aproveitamos  para recomendar encarecidamente a súa visita e, por suposto, agradecerlle a súa acollida.







.











PRIMEIRA ACTIVIDADE CURSO 2016-2017

O alumnado do clube de lectura do noso centro participou nunha xuntanza con outros clubes -Allariz, Viana do Bolo e Maceda-, e a autora do libro que leron no trimestre anterior: Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas. 
Tamén se achegaron ata Radio Allariz onde lles fixeron unha entrevista.
Aquí podedes ver fotos das dúas actividades:
















PREPARANDO A NOVA SAÍDA DO CLUB AO PÉ DA LETRA...

Para ir facendo boca algunha imaxe da actividade anterior





1 comentario: