luns, 27 de marzo de 2017

Reto lector

A editorial Galaxia proponnos un reto ben interesante: trátase de ler dous libros da editorial, coleccións Árbore, Coste Oeste ou Literaria, e animar a outras persoas a lelos.

  • Como? Mediante un video de ata dous minutos, para cada un dos libros, no que contedes o contido, o que vos gustou e as razóns polas que o recomendades
  • Que se valora?  A claridade na exposición, o poder de persuasión e a creatividade na elaboración do video.
  • Cal é o prazo? Ata o 31 de maio de 2017
  • Quen se pode presentar? Estudiantes de entre 12 e 16 anos.
  • Cal é o premio? Ademais do gusto de ver os vosos videos circulando polo espazo lector, podedes ganar: 1 Ipad de última xeración e lotes de libros.
Aquí tedes as bases completas. Se tedes dúbidas, preguntade ás vosas profes de lingua ou a alguén da biblioteca. 

Animádevos a participar! Aquí tedes unha escolma mínima de posibilidades:




mércores, 15 de marzo de 2017

Clube de lectura

 O venres, día 10 de marzo, achegouse a Xinzo Antón Riveio Coello, autor do libro A ferida do vento, última lectura do clube de lectura de profes do IES Cidade de Antioquía e Lagoa de Antela.
Ademais, un grupo de alumnas de 2º de bacharelato uniuse ó clube e participou intensamente no coloquio sobre a obra, ambientada en Xinzo.

O acto tivo lugar no Museo do Entroido de Xinzo. Aproveitamos  para recomendar encarecidamente a súa visita e, por suposto, agradecerlle a súa acollida.


a ferida do vento-anton riveiro coello-9788498657357






luns, 13 de marzo de 2017

8 de marzo. Día das mulleres

A nosa biblioteca enfeitouse para ocasión: paneis informativos, imaxes de mulleres científicas, escritoras ou políticas, a cor lila por todas partes...




Chegou o día e saímos ó patio amosarnos negras como a pena por tanta muller morta pola violencia machista. Os homes tamén están do noso lado.
Ademais, o alumnado de matemáticas coa súa profesora Eva, sorprendeunos cunha expo-actividade sobre a matemática Sophie Germain



Mirade que traballos máis que chulos:







Recordamos tamén que neste mesmo blog, se picades na etiqueta mulleres, podedes ver que temos xa unha boa traxectoria celebrando este día. Hai moita info que segue sendo boa para recordarnos a situación da muller a través da historia.


Parabéns a todas e todos por participar e facer visibles as mulleres!

luns, 6 de marzo de 2017

Marchou o Entroido!

E a biblioteca do Cidade de Antioquía acolleu unha nova exposición realizada polo alumnado.
Desta volta, puidemos informarnos das tradicións ourensáns tan arraigadas nos nosos pobos para celebrar o Entroido.


E, como non, o venres, paseáronse por aquí moitas máscaras antes de acudir ó gran desfile de Xinzo.