mércores, 27 de xuño de 2018

ROTEIRO LITERARIO DA NOVELA O TRAPECISTA DA MALLA DE ROMBOS

O clube de lectura Ao pé da letra rematou o curso cunha actividade excepcional: despois de ler a novela de Alberto Canal O trapecista da malla de rombos  viaxamos á cidade-estado de Benposta, Cidade dos Muchachos para coñecer o marco real no que se inspira a novela. Alí fomos guiados por Francisco Muradás, un dos pouco habitantes que quedan nesta cidade que hai anos tivo a súa propia moeda, o seu hospital, o seu estudo de radio e televisión e que, sobre todo, foi acubillo de moitos nenos e nenas abandonados pola sociedade. O proxecto do padre Silva esmoreceu porque foi presa das débedas económicas e porque os políticos viron nos seus terreos un lugar idóneo para construír un campo de fútbol...
En Benposta tamén recibimos a visita de Alberto Canal, autor da novela. Con el conversamos sobre a súa obra e da súa man viaxamos ao pasado para recordar a excepcionalidade do plan deseñado polo padre Silva. 
Rematamos o día viaxando ata Celanova para visitar a Casa de Curros, o mosteiro de San Rosendo e a magnífica biblioteca do IES Celso Emilio Ferreiro que, por se non o sabiades, foi sede da Cidade dos Muchachos durante seis anos, antes de asentarse nos terreos de Benposta.
Para os que non teñades idea do que é a Cidade dos Muchachos e o seu circo, lede a novela e ide pronto a visitala. Non vos defraudará. Ogallá algún día se recupere o proxecto marabilloso do Padre Silva.






mércores, 20 de xuño de 2018

Concurso coca cola "Novos Talentos"

Laura Valeria Gutiérrez Caneda, alumna de 2º de E.S.O., e usuaria de Biblioantioquía, acadou un dos merecidísimos premios no concurso deste ano.
Os galardóns foron entregados nun restaurante da Coruña, nun acto adubiado con culleres de pao e arrecendos a exquisitos manxares.

Parabéns, Laura Valeria!!! Agardamos novos éxitos!