mércores, 30 de setembro de 2026

A BIBLIOANTIOQUÍA VÍSTESE DE OUTONO... E DÁ A BENVIDA ÁS NOVAS INCORPORACIÓNS!

Xa se nota no aire, nos días que van sendo máis curtos, nas follas que comezan a cambiar de cor... e tamén na BiblioAntioquía!

Pouco a pouco, a nosa biblioteca vaise enchendo de follas, flores, ramas, cabaciñas, cogomelos e pequenos recunchos outonais que nos lembran que unha nova estación acaba de chegar. Porque se hai algo que nos gusta na Biblio é que tamén as paredes, os estantes e os pequenos detalles vaian cambiando ao longo do ano.



E este curso temos, ademais, un motivo moi especial para encher a biblioteca de plantas e flores: dámoslle a benvida ao alumnado do novo ciclo de Xardinaría e floraría do IES Cidade de Antioquía!







É unha alegría contar este ano con esta nova familia no noso centro e estamos desexando ver como medran os seus proxectos, as súas ideas e, por que non, tamén as plantas que vaian enchendo os nosos espazos de vida e de cor.

Así que, benvidos e benvidas! Agardamos que este sexa o primeiro de moitos cursos compartindo corredores, aulas... e tamén biblioteca.

Mentres tanto, nós xa estamos preparados para o outono.

Pasade pola Biblio e descubrídeo!





luns, 28 de setembro de 2026

QUE HAI DE NOVO, AMIGAS?

Nova semana e novos libros na BiblioAntioquía. De seguro pasaches xa un cento de veces polo noso estante de flamantes NOVIDADES e aínda non te paraches nunca un anaquiño para saber que hai de novo!

Pois lembra facelo a próxima vez que veñas pola biblio.

Porque aquí hai un pouco de todo: historias de amor e amizade, aventuras, misterio, novelas gráficas, clásicos, libros sobre mulleres que cambiaron o mundo, filosofía e mesmo algunha que outra historia que probablemente non sabías que necesitabas ler.

  • Que che apetece unha novela gráfica? Temos.
  • Que queres descubrir a historia dunha muller extraordinaria? Temos.
  • Que prefires unha aventura, un clásico ou unha historia de amor? Tamén temos.

E é que unha das cousas máis bonitas de que cheguen libros novos á biblioteca é precisamente esa: nunca sabes cal vai ser o que che estea esperando.

Así que xa sabes: a próxima vez que pases por diante do expositor de novidades, para un momentiño, bota unha ollada e déixate tentar.

Pode que a túa próxima lectura estea aí mesmo, na estantería que levas semanas pasando por alto.

E ti, cal levarías para casa?

xoves, 24 de setembro de 2026

UNHA HORA ENTRE GORILAS

Este luns 21 de setembro, a primeira hora da mañá, inauguramos as sesións da Hora de Ler deste curso cunha viaxe un pouco especial. Non tivemos que coller ningún avión nin atravesar a selva: abriunos as portas directamente a ela un dos animais máis fascinantes do planeta, o gorila.

A escusa foi precisamente, o Día do Gorila, que se celebra cada 24 de setembro. E, como sempre que comezamos unha nova lectura, a primeira pregunta foi sinxela: canto sabemos realmente destes animais?

A medida que avanzamos no texto fomos coñecendo un pouco mellor estes enormes primates: que existen dúas especies principais, o gorila occidental e o gorila oriental; que os machos poden chegar a medir 1,8 metros e pesar máis de 100 quilos; ou que poden consumir 30 quilos de vexetación ao día.

Pero se houbo algo que chamou especialmente a nosa atención foi descubrir que os gorilas son animais moito máis intelixentes do que ás veces imaxinamos. Comunícanse mediante sons e xestos, poden aprender linguaxe de signos e resolver problemas complexos. E coñecemos a historia de Koko, a gorila que chegou a aprender máis de mil signos da linguaxe de signos americana e que tamén comprendía numerosas palabras en inglés.

Porén, non todo o que descubrimos foi agradable. Os gorilas están ameazados pola caza furtiva, a destrución dos seus hábitats, a fragmentación dos ecosistemas e as enfermidades, entre outros factores. A súa situación lembrounos que coñecer unha especie tamén é unha maneira de comprender por que é tan importante protexela.

E aínda nos quedaba unha última sorpresa.

A lectura levounos ata Diane Fossey, Jane Goodall e Biruté Galdikas, tres mulleres pioneiras que, entre as décadas de 1950 e 1970, dedicaron a súa vida a estudar os grandes simios no seu hábitat natural. Coñecidas como os «Ángeles de Leakey», as tres contribuíron a transformar a maneira de estudar os primates e abriron camiños nunha disciplina científica que daquela estaba dominada polos homes.

E así, entre datos curiosos, preguntas e algunha que outra sorpresa, comezamos este curso a nosa Hora de Ler.

E esta foi só a primeira viaxe!


mércores, 23 de setembro de 2026

MERGÚLLATE NO OUTONO CON ESTES LIBROS!

Queridos e queridas:

Esta noite, cando deron as 2:05 da madrugada e a maioría durmiamos tranquilamente nas nosas camiñas, deu comezo o outono astronómico. Ou polo menos, iso din os cálculos do Observatorio Astronómico Nacional.

Temos por diante case noventa días, ata o vindeiro 21 de decembro, para podermos mergullarnos nas historias máis incribles que nos esperan nos estantes da BiblioAntioquía.

Porque, pensa: pode haber mellor plan para unha tarde de chuvia que a túa manta preferida e unha novela da que non poidas despegar os ollos?

Por se precisases algunha axudiña á hora de escoller os libros cos que encher estes días outonais, desde a BiblioAntioquía queremos facerche as nosas recomendacións. Hai un pouco de todo: acción, distopía, misterio, fantasía, historia, cómic, amizade, amor... Así que seguro que atopas algún que che apeteza levar contigo.

Aí van! Son para todos os gustos!



luns, 21 de setembro de 2026

ABRIMOS UNHA FIESTRA Á BIBLIOANTIOQUÍA!


Este curso estreamos o noso boletín mensual de noticias: «Unha fiestra á BiblioAntioquía». Co obxectivo de que as familias non perdan ningunha das actividades nas que participa o alumnado e o profesorado na nosa biblioteca escolar, a partir desta mesma semana compartiremos, cada mes, todas as novidades da BiblioAntioquía.

Neste primeiro número, correspondente ao mes de setembro, destacamos a invitación ás familias para que se unan ao Club de Lectura «Ao pé da letra» de adultos. Se vos gusta ler, non o dubidedes e enviade un correo electrónico a anabel_figueira@edu.xunta.gal. Estamos agardando por vós!

No seguinte enlace podedes consultar esta primeira edición do boletín, que a partir de agora recibiredes a través da mensaxería de Abalar.

👉 ENLACE AO BOLETÍN: https://boletinbiblioantioquia.my.canva.site/

luns, 14 de setembro de 2026

COMPARTE OS TEUS TALENTOS CO MUNDO! ÚNETE AO VOLUNTARIADO DA BIBLIOANTIOQUÍA

Este curso 2026/2027 vai arrancando pouco a pouco e na BiblioAntioquía estamos preparando unha programación á altura das circunstancias, destes novos comezos e de usuarios e usuarias tan esixentes coma vós. Pero, para poder ofrecervos as mellores actividades, imos necesitar da vosa axuda. Buscamos “profes” que nos axuden a impartir obradoiros. Escoita...

Se tes algunha habilidade, como o crochet, as manualidades, o debuxo ou calquera outra cousa que se che dea ben... e queres compartila co mundo, aquí es máis que benvido ou benvida. Encantaríanos contar contigo no equipo da BiblioAntioquía e ofrecer os teus talentos ao resto do alumnado. Se queres impartir algún obradoiro como profe ou ben asistir como alumnado, non dubides en preguntar na biblio!



mércores, 9 de setembro de 2026

COMEZA O CURSO... ¡E TAMÉN OS CLUBS DE LECTURA!


Desde a BiblioAntioquía queremos darvos a benvida a todos os membros da comunidade educativa que nos incorporamos esta mañá ás aulas despois do merecido descanso. A pesar de que o verán rematou, foi marabilloso e un motivo de moita ledicia tervos a todos e todas de volta no IES.

E como non pode ser doutra maneira, na BiblioAntioquía tamén nos imos a poñer a funcionar...¡pero xa! Arrancamos lembrándovos que temos Clubs de Lectura para o alumnado da ESO e Bacharelato (aos que dividiremos en dous grupos) e outro para persoas adultas, onde o resto seredes máis que ben recibidos.

Se vos intriga ou vos interesa isto dos Clubs, nos que, ademais de botar unha boa parolada sobre o que vaiamos lendo, tampouco faltarán lambetadas nin regaliños de vez en cando, xa vos podedes ir anotando. Lembrade que temos tres:

  • Un para 1º, 2º e 3º da ESO 

  • Outro para 4º da ESO, 1º e 2º de BAC

  • E tamén o de persoas adultas!

Unirse é moi fácil. As profes da Biblio irán preguntando polas aulas. E tamén vos podedes achegar vós ata alí, ¡¡que non mordemos!!

¡¡Animádevos!!


luns, 7 de setembro de 2026

TODO O MUNDO A FARMEAR AURA ACADÉMICA NA BIBLIOANTIOQUÍA!

 


Benvidos e benvidas á biblioteca, bros and sis, o spot definitivo para subir o nivel e non quedar stuck no ciclo de estudiar á última hora neste novo curso que comezamos. 

Sabemos que ás veces entrar aquí pode dar un pouco de cringe se tes a idea de que é un lugar aburrido, pero nada que ver. Aquí podes concentrarte nos teus proxectos para que non sexan mid e así  farmear aura académica. Se es dos que cree que aprobar sen abrir un libro é posible, pois …stay delulu, porque aquí temos todo o gear necesario (libros, Wi-Fi e silencio real) para que non entres en modo pánico antes dos exames.

Así, que solta o móbil un rato, agarra un libro e fai que o teu rendemento brille. Que esta visita sexa o main character moment deste curso! Estamos para calquera dúbida que teñades, así que preguntade sen medo. A darlle con todo!

P.D. Non pensedes que o equipo da biblio toleou...Pero fixemos os deberes este verán para ver se vos damos entendido dunha vez por todas... Agardamos non ser nós as que acabemos dando cringe...