xoves, 24 de setembro de 2026

UNHA HORA ENTRE GORILAS

Este luns 21 de setembro, a primeira hora da mañá, inauguramos as sesións da Hora de Ler deste curso cunha viaxe un pouco especial. Non tivemos que coller ningún avión nin atravesar a selva: abriunos as portas directamente a ela un dos animais máis fascinantes do planeta, o gorila.

A escusa foi precisamente, o Día do Gorila, que se celebra cada 24 de setembro. E, como sempre que comezamos unha nova lectura, a primeira pregunta foi sinxela: canto sabemos realmente destes animais?

A medida que avanzamos no texto fomos coñecendo un pouco mellor estes enormes primates: que existen dúas especies principais, o gorila occidental e o gorila oriental; que os machos poden chegar a medir 1,8 metros e pesar máis de 100 quilos; ou que poden consumir 30 quilos de vexetación ao día.

Pero se houbo algo que chamou especialmente a nosa atención foi descubrir que os gorilas son animais moito máis intelixentes do que ás veces imaxinamos. Comunícanse mediante sons e xestos, poden aprender linguaxe de signos e resolver problemas complexos. E coñecemos a historia de Koko, a gorila que chegou a aprender máis de mil signos da linguaxe de signos americana e que tamén comprendía numerosas palabras en inglés.

Porén, non todo o que descubrimos foi agradable. Os gorilas están ameazados pola caza furtiva, a destrución dos seus hábitats, a fragmentación dos ecosistemas e as enfermidades, entre outros factores. A súa situación lembrounos que coñecer unha especie tamén é unha maneira de comprender por que é tan importante protexela.

E aínda nos quedaba unha última sorpresa.

A lectura levounos ata Diane Fossey, Jane Goodall e Biruté Galdikas, tres mulleres pioneiras que, entre as décadas de 1950 e 1970, dedicaron a súa vida a estudar os grandes simios no seu hábitat natural. Coñecidas como os «Ángeles de Leakey», as tres contribuíron a transformar a maneira de estudar os primates e abriron camiños nunha disciplina científica que daquela estaba dominada polos homes.

E así, entre datos curiosos, preguntas e algunha que outra sorpresa, comezamos este curso a nosa Hora de Ler.

E esta foi só a primeira viaxe!


Ningún comentario:

Publicar un comentario