Curso 2024/2925. Setembro. Seguimos cos Polos Creativos e con mil interrogantes. Que dotación teremos? Cando chegará? Como podemos integrar os Polos na vida do noso centro? Iniciamos un proxecto común?
E pouco a pouco imos resolvendo interrogantes. E os Polos Creativos vanse facendo oco na vida escolar. Ampliamos materiais, sobre todo kits singulares, engadimos dispositivos e facemos crecer as experiencias.
Nesta ligazón e poderás coñecer os materiais que hai á nosa disposición:
E un deses kits foi estrenado polo alumnado de 2º ESO B. Velaquí o resultado:
Tocando a fin da primeira avaliación empezan a chegar dispositivos interesantes, como a cortadora láser, que está a ser un dos elementos predilectos, co permiso da máquina de chapas na que invertimos a título particular, coa colaboración da biblioteca, a final do curso pasado.
O certo é que a cortadora láser é moito máis ca unha cortadora e, grazas á formación recibida, son moitos os traballos que temos feito con ela. Desde pequenas caixas, a grabados en diferentes materiais:
Pouco despois chegou a radio, que de inicio se instalou, por acústica e por falta de espazos alternativos, na aula de música.
Tamén recibimos a impresora en 3D. E entón, con esta acumulación de dispositivos, xurdiu un novo interrogante. Poderían os Polos Creativos contar cun espazo propio? E si, de momento si, a pesar de que o espazo neste centro non sobra. Aula 1, sala de Polos Creativos.
Aínda queda moito que mellorar e fáltanos decoración, pero podemos garantir que a sala sufriu xa un cambio radical.
Kits singulares, impresora 3D, cortadora láser, radio,... E que proxecto poremos en marcha co que os diferentes docentes podan sacar proveito?
E, entón, miramos ao redor e descubrimos que na Límia hai recunchos históricos sobre os que investigar e cos que traballar. Así foi como decidimos reproducir a escala a Torre de Pena para a súa impresión en 3D. E comezamos o camiño:
Unha maquetiña para facer unha aproximación ao terreo:
Unha visita á Torre de Pena para obter fotos cun dron, que rematou cunha andaina ao mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras:
Estamos, a mes de maio, coa xestión das imaxes para seguir adiante co proxecto.
Por outra banda, a cortadora láser segue a ser un xoguetiño moi produtivo. De feito, convertiuse no instrumento co que se deseñaron os agasallos de graduación para o alumnado de 2º de Bacharelato: un caderno no que marcamos "a lume" unha bonita frase e un chaveiro personalizado.
OUTRO PROXECTO QUE NACE...
O apagón de aquel luns que nos deixou sen clase un martes adiou unha esperada formación: a relacionada coa radio escolar. Unha semana despois do previsto, polo centro pasou José Roberto Prieto Carracedo, profesor de Música do IES Ferro Couselo, que nos ofreceu unha panorámica moi motivadora do que pode ser unha radio escolar coma recurso educativo. Tan interasante foi a súa intervención, que xa fixemos unha enquisa na que se decidiu o nome da nosa emisora. Voces do Antioquía xa está en marcha. O próximo paso será deseñar un logo, pero eso será o próximo curos e estará en mans do noso alumnado.
INICIANDO A AVENTURA DOS POLOS CREATIVOS - CURSO 2023/2024
A nosa biblioteca pretende contribuír á difusión das actividades que se implementan no instituto, de modo que sempre que nos piden axuda, aquí estamos para o que se precise. Desta vez son os Polos Creativos os que petan na nosa porta. Por este motivo, abrimos este curso unha nova páxina no blog da BiblioAntioquía para reflectir aquí todo o traballo que se desenvolve no marco dos Polos Creativos.
Antes de comezar, deixamos aquí unhas ligazóns nas que atopar información sobre que son e como funcionan os Polos Creativos na aprendizaxe do alumnado galego:
Tras unha primeira aproximación aos Polos Creativos, o seguinte paso é coñecer á coordinadora deste proxecto innovador. Falamos de Mar Espinosa, profesora de Física e Química do IES Cidade de Antioquía, que conta co respaldo dun grupo de traballo no que se integran docentes de diferentes áreas: Matemáticas, Linguas, Agraria, Electrónica, Tecnoloxía, Economía,...
O día 17 de outubro celebrouse en Santiago de Compostela unha xornada de acollida aos novos centros implicados neste programa na que estivo presente a coordinadora do centro. Porén, ao longo dos primeiros meses de curso (ata xaneiro), Mar tamén recibiu formación didáctica para a coordinación dos Polos Creativos: tecnoloxías dixitais aplicables a DUA, transformación de espazos, xestión, creación e documentación de contidos,... A esto, únense as sesións nas que centros pioneiros comparten as súas experiencias ou aproximacións ao material que recibiremos proximamente. Por outra banda, a formación complétase coa parte técnica (marzo e abril), cunha sesión de robótica e impresión 3d e con outra relativa ao funcionameto do plotter de corte e grabadora láser.
Tras estas sesións formativas, chega o momento da coordinación do centro, que permitiu unha primeira aproximación ao que pretende ser o ensino da man dos Polos Creativos. Primeiramente, fíxose un repaso das actividades que foron propostas na xornada de acollida de Santiago. A continuación, procedemos á planificación de actividades en función do material que se recibirá e, dado que o material ía tardar, buscamos a maneira de comezar cos medios cos que xa conta o instituto.
No mes de xaneiro recibimos uns kits singulares - os primeiros - cos que se empezou a traballar co alumnado:
Foi tempo despois para unha aproximación ao material e para a formación do grupo de traballo.
En primeiro lugar, Mar compartiu a información obtida no CFR de Ourense con respecto á robótica e á impresora 3D.
Días máis tarde, recibimos no centro a visita de José Manuel Rodríguez Gaioso, que falou da radio, unha tarde amena chea de anécdotas que se fixo curta.
Un par de semanas despois, chegou a última sesión de formación, que correu a cargo de Adolfo Feda Piñeiro, un xoven talento do audiovisual de Celanova que nos montou un auténtico set de rodaxe e edición nunha das aulas de informática. Aprendemos a crear un guion literario e técnico, perdémoslle o medo ás cámaras, aprendimos a manexar a técnica chroma e xogamos a ser editores de vídeo. Sen dúbida, unha tarde á que lle sacaremos moito rendemento cando por fin contemos coa nosa dotación de material.
Aquí deixamos unha mostra do traballo realizado nesta sesión:
Para rematar o curso e co gallo de crear un agasallo conmemorativo para a graduación do alumnado de 2º de Bacharelato, montamos un pequeno obradoiro para a elaboración de chapas, no que participaron activamente alumnos e alumnas de 1º ESO... Unha experiencia para repetir!
Para rematar o curso, só quedan as xornadas de reflexión e de peche.
Ningún comentario:
Publicar un comentario