venres, 26 de xuño de 2026

UN VERÁN PARA ESCOITAR HISTORIAS

Chega o remate do curso e, con el, unha oportunidade perfecta para levar a lectura máis alá das páxinas. O alumnado de Proxecto Competencial de 1ºA e 1ºB da ESO preparou xunto co seu profe Roberto estes audiocontos, froito do seu traballo, da súa creatividade e da súa ilusión por compartir historias.

Convidámosvos a poñer os auriculares, buscar un recuncho tranquilo e deixarvos levar por estas narracións. Porque as boas historias tamén se poden escoitar... e o verán é un momento perfecto para facelo.

Desexámosvos unhas moi felices vacacións e agardamos que estes audiocontos vos acompañen nalgún intre destes días de descanso.

Feliz verán e felices lecturas... tamén cos oídos!


Podedes escoitar os audiocontos premendo AQUÍ.


venres, 19 de xuño de 2026

ATA O CURSO QUE VÉN, LECTORAS E LECTORES!

Neste último día de clase puxemos o broche final ás actividades do Club de Lectura Ao pé da letra cun pequeno encontro na BiblioAntioquía.

Ao longo do curso, as nosas lectoras e lectores participaron con entusiasmo nas distintas propostas do club, compartindo lecturas, opinións e experiencias arredor dos libros. Como recoñecemento á súa implicación e compromiso, fixémoslles entrega dun diploma e dun pequeno agasallo que lles servirá para lembrar os bos momentos vividos durante este ano.

Foi unha ocasión especial para celebrar todo o aprendido, as historias descubertas e os momentos compartidos na biblioteca. Queremos agradecer a cada participante a súa ilusión, curiosidade e ganas de ler, que son as que dan vida ao noso club de lectura.

Despedímonos ata o vindeiro curso, desexando que o verán veña cargado de novas lecturas, aventuras e descubrimentos entre as páxinas dos libros.

Grazas por formar parte de Ao pé da letra!

xoves, 18 de xuño de 2026

O ALUMNADO DE "AO PÉ DA LETRA" CONVÉRTESE EN CREADOR DE BANDA DESEÑADA

Na última reunión do Club de Lectura Ao pé da letra da BiblioAntioquía, o alumnado achegouse ao mundo da banda deseñada a través dunha selección de lecturas procedentes principalmente do xornal O Papagaio. As historias, contadas mediante a combinación de texto e imaxe, permitiron descubrir diferentes formas de narrar e expresarse, ao tempo que gozaban dunha lectura amena e atractiva.



Despois de comentar as obras lidas e analizar algúns dos recursos propios da banda deseñada, chegou o momento de poñer en práctica todo o aprendido. O alumnado converteuse en guionista e ilustrador, creando as súas propias historietas con moita imaxinación, humor e creatividade.



O resultado deste traballo pode verse estes días na biblioteca do centro, onde están expostas as diferentes creacións. A mostra é unha excelente oportunidade para coñecer o talento do noso alumnado e comprobar como a lectura pode servir de inspiración para crear novas historias.



Parabéns a todas e todos os participantes polo seu esforzo e pola calidade dos traballos realizados! Animámosvos a achegarvos á biblioteca para gozar desta exposición.

martes, 2 de xuño de 2026

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE: COIDEMOS O PLANETA

Esta semana, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, dedicamos a nosa sesión de Hora de Ler a reflexionar sobre os desafíos ambientais que afronta o noso planeta e sobre o papel que cada persoa pode desempeñar para contribuír a un futuro máis sostible.
 
Ao longo da lectura, descubrimos como os efectos do cambio climático xa forman parte da nosa realidade: os incendios forestais cada vez máis difíciles de controlar, as vagas de calor, as inundacións, a contaminación dos mares ou a aparición dos chamados refuxiados climáticos. Tamén analizamos como moitas das nosas accións cotiás teñen un impacto directo sobre o medio ambiente. 

Pero a lectura non se centrou só nos problemas. Tamén nos mostrou que existen moitas maneiras de pasar á acción: utilizar medios de transporte máis sostibles, reducir o consumo de enerxía, apostar por unha alimentación con máis produtos vexetais, consumir de forma responsable ou facer escoitar a nosa voz para impulsar cambios positivos. 

A sesión rematou cun pequeno debate no que o alumnado compartiu as súas opinións sobre cuestións como a concienciación ambiental da súa xeración, os hábitos contaminantes máis normalizados e os cambios que cada quen podería incorporar na súa vida diaria para coidar mellor do planeta.