As bibliotecas escolares son moito máis ca un lugar cheo de libros: son espazos para descubrir, aprender, investigar e compartir. Por iso, con motivo do Día das Bibliotecas Escolares, na BiblioAntioquía quixemos celebrar todo o que nos ofrecen estes espazos tan especiais.
Por unha banda, o alumnado de 1º da ESO participou nunha divertida xincana organizada polo profesor de Galego, Xoán. A través de diferentes probas e desafíos, as rapazas e os rapaces tiveron a oportunidade de coñecer mellor a nosa biblioteca, descubrir os seus recursos e familiarizarse co seu funcionamento. Unha maneira diferente de achegarse á biblio e comezar a facela súa!
Ademais, a nosa coordinadora asistiu en Santiago de Compostela á Xornada de Bibliotecas Escolares, un encontro formativo no que se abordaron algúns dos grandes retos e oportunidades que temos por diante. Entre os temas tratados estiveron o impacto da intelixencia artificial nas bibliotecas e na educación, o aproveitamento dos recursos dispoñibles na rede para buscar información e transformala en coñecemento, así como as posibilidades da banda deseñada como recurso para fomentar a lectura. A xornada tamén foi unha boa ocasión para descubrir novidades editoriais, coñecer novas propostas e regresar con ideas frescas para seguir enriquecendo os fondos da nosa biblioteca.
Porque unha biblioteca escolar está sempre en movemento: abrindo as súas portas, explorando novos camiños e buscando novas maneiras de espertar a curiosidade lectora.
Longa vida ás bibliotecas escolares!
.jpeg)
.jpeg)


.jpeg)
.png)
Ningún comentario:
Publicar un comentario