mércores, 11 de febreiro de 2026

BIBLIO DISFRAZADA E OBRADOIRO DE PANTALLAS

Estamos na semana previa a unha das citas máis importantes de Xinzo: os días grandes do seu Entroido!

Ben sabemos o importantísimo que é lucir as nosas mellores galas nestas datas, así que a biblio tamén quixo poñerse á altura e xa se disfrazou para a ocasión, vestindo os seus andeis con novas lecturas recomendadas. Pasa a botarlles un ollo… seguro que atopas algunha que che encha o ollo!


Ademais, desde onte martes, nos recreos, a profe Rosalía ten montado un obradoiro na propia biblio para que todo o alumnado que o desexe poida crear a súa propia máscara de pantalla.

Isto xa cheira a Entroido!

Anímate e ven participar!

luns, 9 de febreiro de 2026

ARRANCA O ENTROIDO COS MANDAMENTOS DO MECO

Non te despistes, porque esta semana o Meco é quen manda! Presta moita atención ás súas ordes ao longo da semana…

Hoxe tocaba representar un país coa nosa vestimenta, e nos corredores do Antioquía puidemos gozar dunha auténtica viaxe polo mundo: veciños franceses, algún que outro mexicano e incluso un garda do mismísimo Buckingham Palace, directamente desde UK!

Xa estamos desexando vervos mañá cos vosos mandísDa cociña á pasarela!

Aquí debaixo quedan os mandamentos do Meco para o resto da semana.
Preparádevos… que isto acaba de comezar! 

venres, 6 de febreiro de 2026

Καλή Παγκόσμια Ημέρα Ελληνικής Γλώσσας

 Este mércores, na nosa sesión da Hora de Ler, achegámonos á lingua grega a través da lectura dun texto elaborado con motivo do 9 de febreiro, Día Internacional da Lingua Grega.

Ao longo da actividade descubrimos que o grego é unha lingua con máis de 3.500 anos de historia, clave no desenvolvemento da literatura, da ciencia e da filosofía occidentais. Desde Homero ata Platón e Aristóteles, o grego antigo foi o vehículo para expresar ideas que aínda hoxe seguen moi presentes na nosa cultura.

Falamos tamén da importancia do alfabeto grego, precursor do alfabeto latino que utilizamos na actualidade, e da orixe da palabra alfabeto, formada a partir de alfa e beta. Ademais, reflexionamos sobre a enorme influencia do grego no vocabulario científico e filosófico, con termos tan cotiáns como democracia, historia, bioloxía ou astronomía.

A sesión resultou especialmente atractiva cando vimos exemplos da presenza da mitoloxía grega na cultura actual, como na serie Os Cabaleiros do Zodíaco, que retoma deuses, heroes e constelacións da Grecia clásica para crear historias épicas coñecidas por moitas xeracións.

Con esta Hora de Ler non só celebramos unha data sinalada, senón que tamén comprendemos mellor ata que punto a lingua grega segue viva na nosa maneira de falar, pensar e entender o mundo.

mércores, 4 de febreiro de 2026

HOXE NENAS, MAÑÁ MULLERES NA CIENCIA



O vindeiro mércores, 11 de febreiro, celebraremos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Esta data foi proclamada pola Organización das Nacións Unidas no ano 2015 e ten como obxectivo dar a coñecer o traballo das mulleres que se dedican ás áreas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).

Ao visibilizar estes referentes femininos, preténdese fomentar que as nenas e as adolescentes escollan estas carreiras profesionais de maneira libre e convencida, seguindo o exemplo de grandes científicas que abriron camiño nestes ámbitos tradicionalmente masculinizados.

No IES Cidade de Antioquía xa sacamos as batas e as probetas. As nosas rapazas de 1.º de Bacharelato, guiadas pola profe Mar, estiveron esta semana no laboratorio para desenvolver un experimento ben interesante. Xuntas conseguiron producir a chamada “chuvia de ouro”, unha vistosa precipitación de cor amarela que se produce ao combinar ioduro de potasio e nitrato de chumbo, ambos disoltos en auga.


Actividades coma esta lembran a importancia de achegar a ciencia ás aulas desde unha perspectiva igualitaria e de animar ás nosas alumnas a imaxinarse como futuras científicas, investigadoras ou enxeñeiras.

xoves, 29 de xaneiro de 2026

PALABRAS E ACCIÓNS POLA PAZ

O profesor balear Llorenç Vidal tivo, nos anos 60, a idea de adicar un día —o 30 de xaneiro— a conmemorar nas escolas o Día da Non Violencia e da Paz. A data escollida non foi casualidade: tal día coma aquel, en 1948, o activista indio Mahatma Gandhi foi asasinado dun disparo por un extremista.

A nosa Hora de Ler desta última semana de xaneiro non podería ter tratado outro tema máis acaído e importante nestes días que nos toca vivir. Comezamos lendo algunhas curiosidades sobre a vida de Gandhi e continuamos coñecendo interesantes iniciativas que se celebran cada ano para honrar este día escolar, como a carreira Kilómetros de Solidariedade, que organiza Save the Children.

Despois da lectura, puidemos intercambiar algunhas ideas moi interesantes sobre os conflitos que existen agora mesmo no mundo, a importancia de estar informados sobre eles e tamén como podemos actuar nós para abordar os nosos propios conflitos nas aulas e fóra delas.

venres, 23 de xaneiro de 2026

COIDAR DO PLANETA É UN TRABALLO COMÚN!

Nunha xornada máis da nosa fantástica Hora de Ler, aproveitamos para practicar esta importantísima competencia e, ademais, para sermos un pouco máis conscientes da emerxencia climática na que estamos sumidos. Iso si, sempre centrándonos en que aínda podemos reverter esta situación e pensando en que podemos facer nós para contribuír a solucionala.

Tivemos a ocasión de ler unha presentación con datos que nos axudaron a comprender que coidar do medio ambiente é, precisamente, un traballo común. O vindeiro luns, 26 de xaneiro, conmemórase o Día Mundial da Educación Ambiental, e desde o Cidade reflexionamos con esta lectura sobre o consumismo que domina xa moitos aspectos da nosa vida: a moda que mercamos, a cosmética que usamos, os alimentos que comemos, a luz ou os combustibles fósiles.

Descubrimos tamén que aínda hai esperanza e como algunhas empresas se comprometen a poñer o seu gran de area para mellorar a situación. Un exemplo que nos comprometemos a imitar.

Rematamos a sesión cun debate no que discutimos como podemos ser respectuosos co medio ambiente como sociedade e que pode facer cada un de nós para preservar o noso entorno.

Se o perdiches ou queres darlle unha relectura, aquí che deixamos a presentación!

martes, 20 de xaneiro de 2026

AS PROFES LEN "EL REBAÑO" DE PABLO RIVERO


Onte tivemos a nosa primeira cita no club de lectura de profes! Durante o recreo, reunímonos para comentar El rebaño, de Pablo Rivero, unha obra que nos sorprendeu e xerou un monte de conversacións.

Falamos das personaxes, das situacións e das reflexións que nos suscitou a lectura. Foi un encontro moi distendido, no que compartimos impresións, rimos e descubrimos puntos de vista diferentes sobre a historia.

El rebaño é un thriller inquietante que se le a toda velocidade. Nesta novela, Rivero fai unha crítica, narrada ao máis puro estilo cinematográfico, á necesidade humana de pertencer a un grupo.

Estamos emocionadas de continuar con este club e de ir descubrindo xuntas novas lecturas que nos inspiren e nos fagan pensar. A próxima parada será Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, a autora á que a RAG escolleu como homenaxeada para o Día das Letras Galegas deste 2026.



venres, 16 de xaneiro de 2026

FELIZ DÍA DOS BEATLES!!

 Hoxe, 16 de xaneiro, celébrase o Día dos Beatles!


Moitos descubrimos onte esta curiosa efeméride grazas ao texto da Hora de Ler: 9 curiosidades sobre los Beatles, que vos compartimos hoxe nesta entrada por se alguén o perdeu.

Quizais non sabías onde se separou esta mítica banda de Liverpool, que eles foron os creadores do xesto dos “cornos” tan habitual en calquera concerto de rock, que algunhas das súas cancións foron prohibidas en Cuba ou México, ou mesmo a que cheiraban os seus concertos...

Se che picou a curiosidade, dálle unha lectura e descobre todas as respostas!

xoves, 15 de xaneiro de 2026

PARABÉNS, EDGAR! CONMEMORAMOS O 217 ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE POE

Estes días estamos de celebración na BiblioAntioquía! Un dos nosos escritores favoritos de todos os tempos, Edgar Allan Poe, está de aniversario. 

O vindeiro 19 de xaneiro cumpriranse 217 anos desde que este pioneiro da literatura policiaca e de terror chegou ao mundo en Boston, Massachusetts. Quixemos facerlle unha pequena homenaxe e poderás "cruzarte" con el no vestíbulo do insti, xunto con algunhas das súas obras máis célebres, por se aínda eres dos afortunados ou afortunadas que aínda pode descubrir e ler por vez primeira marabillas coma "O corvo" ou "O corazón delator". 

Non o perdas… quen sabe que segredos agocha!


martes, 13 de xaneiro de 2026

POÑEMOS VOZ AO SAMAÍN: AS VOSAS HISTORIAS COBRAN VIDA E METEN MOITO MEDO

As historias que escribistes para o concurso de microrelatos terroríficos de Samaín e que resultaron premiadas regresan para atormentarnos a todos, desta volta en formato audio. Grazas á colaboración dos profes Lisardo Quintas, que cedeu a súa voz, e Roberto de Andrés, que se encargou da parte técnica, temos á nosa disposición estas historias en formato podcast, perfectas para escoitar nas escuras noites de xaneiro, mentres limpamos ou estudamos. Que cada quen escolla o momento do día máis axeitado para pasar medo.

Aquí vos deixamos as gravacións. Só tedes que premer no título para poder escoitalas:

1º Premio: Pétunias por ton silence. Escrito e narrado por Cindy Novoa Chaparro, de 4º ESO C.

2º Premio: El huésped. Escrito por José Manuel González Ramírez, traducido ao galego e coa voz de Lisardo Quintas.

3º Premio: Ruídos. Unha obra de Mario Hurtado Rolán, de 2º de Xestión Forestal, tamén traducida e gravada por Lisardo Quintas.

venres, 9 de xaneiro de 2026

FELIZ 2026! VOLVEMOS ATRÁS NO TEMPO PARA LEMBRAR A MATILDA



Moi feliz 2026 de parte da BiblioAntioquía para toda a comunidade educativa do Cidade. Regresamos ás aulas coas baterías cargadas despois da pausa das vacacións de Nadal. Seguro que moitas e moitos de vós aproveitastes estes días para poñervos ao día coas vosas lecturas!

Antes de poñernos "a tope" con todo o que traemos preparado para este novo ano, imos botar unha olladiña a unha das últimas actividades celebradas na biblio antes de marcharmos ao noso máis ca merecido descanso: a reunión do club de lectura “Ao pé da letra” do alumnado de 1º da ESO. O último xoves lectivo de decembro xuntámonos para comentar o primeiro libro que lemos este curso: "Matilda".

Animados por un pouco de chocolate e algunhas chuches, o alumnado participante puxo en común a súa experiencia lectora arredor desta fantástica obra de Roald Dahl. Resumimos en tres palabras o noso episodio favorito, unimos algunhas citas célebres coas personaxes que as pronunciaron, debatimos sobre aspectos destacados da novela —como cal lles pareceu o adulto máis inxusto dos que aparecen— e mesmo ideamos algún final alternativo para a Trunchbull. Unha sesión ben aproveitadiña!

Vémonos na próxima!