Este venres 28, na Hora de Ler, dedicamos a sesión a coñecer un dos episodios máis duros e silenciados da historia recente de España: o Padroado de Protección á Muller, unha institución franquista que funcionou entre 1941 e 1984 e que actuou como un auténtico mecanismo de represión moral, social e política contra miles de mulleres.
A lectura guiounos polas estrictas normas do franquismo e polo modelo de “muller ideal” que o réxime pretendía impoñer: sumisa, abnegada, dedicada ao fogar e sempre baixo a sombra da moral católica. Calquera comportamento que se afastase dese patrón —chegar tarde, saír de noite, levar saia curta, non ir a misa, ter relacións prematrimoniais ou simplemente mostrar independencia— podía ser castigado.
Tamén coñecimos quen eran consideradas “mulleres caídas”, moitas veces rapazas moi novas, de 16 a 25 anos, denunciadas por veciños, familiares ou mestres. Sen xuízo nin defensa posible, eran enviadas a centros dirixidos por distintas congregacións relixiosas, onde a vida se baseaba en sufrimento, oración e traballo.
Coñecemos ademais testemuños das propias superviventes, que axudan a reconstruír a memoria dunha realidade que durante décadas permaneceu agochada.
Para rematar, abrimos un pequeno debate na aula sobre a institución, a idea actual de “muller ideal” e o que lles diríamos hoxe ás mulleres que pasaron por esta experiencia. As reflexións foron profundas e sensibles: unha mostra de que comprender o pasado é imprescindible para seguir avanzando.
Unha lectura dura, necesaria e moi enriquecedora na nosa Hora de Ler.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario