luns, 24 de novembro de 2025

CONMEMORAMOS A MÚSICA CON ANÉCDOTAS SORPRENDENTES


O xoves 20 de novembro, adiantándonos á celebración do Día da Música (22 de novembro), o alumnado do noso IES gozou dunha lectura chea de curiosidades, anécdotas rechamantes e datos sorprendentes sobre artistas, cancións e momentos históricos do mundo musical.

Descubrimos, por exemplo, que os Beatles agocharon un asubío ultrasónico no final de A Day in the Life que só escoitan os cans, que o órgano máis grande do mundo está en Atlantic City e ten máis de 33.000 tubos, ou que a canción Billie Jean de Michael Jackson foi o primeiro vídeo dun artista negro emitido por MTV.

Tamén houbo espazo para historias humanas e emocionantes: como a amizade entre Marilyn Monroe e Ella Fitzgerald, grazas á cal a cantante puido actuar nun local no que, por cuestións raciais, non a deixaban entrar; ou a forza e o optimismo de Freddie Mercury, que deu sentido á icónica The Show Must Go On mesmo nos seus últimos días.

Rimos coa extravagancia de anécdotas como a de Franz Lizt, que enviaba rizos do pelo… aínda que en realidade eran do seu can, ou coa de Axl Rose, contratado para fumar cigarros nun experimento científico. E sorprendéronnos datos como que o instrumento máis vendido da historia é a harmónica, ou que Prince tocaba 27 instrumentos no seu primeiro álbum.

Para rematar, abrimos un pequeno debate musical:

  • Que anécdota foi a máis sorprendente?
  • Coñeciamos a todos os artistas mencionados?
  • Cal é o noso cantante ou banda favorita?

Foi unha sesión divertida, variada e moi participativa, perfecta para celebrar que a música nos acompaña, nos emociona e nos conecta.

O Día da Música continúa na BiblioAntioquía!



Ningún comentario:

Publicar un comentario