xoves, 23 de abril de 2026

MULLERES ANÓNIMAS NA LITERATURA: QUEN ESCRIBE CANDO NINGUÉN PODE ASINAR?

Con motivo do Día do Libro (23 de abril), na nosa Hora de Ler achegámonos a un tema tan interesante como necesario: o das mulleres anónimas na literatura. A partir dun texto que nos convidou a reflexionar, descubrimos que moitas das historias que lemos ao longo do tempo poderían ter sido escritas por mulleres… aínda que nunca o soubemos.

A escritora Virginia Woolf afirmou unha vez: “Atrévome a adiviñar que Anónimo, que escribiu tantos poemas sen asinalos, era miúdo unha muller”. Esta frase serviunos de punto de partida para entender unha realidade histórica: durante séculos, as mulleres tiveron que agochar a súa identidade para poder escribir.

Ao longo da historia, moitas autoras empregaron diferentes recursos para evitar o rexeitamento social:

  • Publicar sen nome (anonimato)

  • Empregar iniciais

  • Escoller alcumes masculinos

  • Publicar baixo o nome do marido ou doutros homes

Estas estratexias non eran unha elección libre, senón unha necesidade nun contexto no que a literatura era considerada un espazo masculino.

Durante a lectura, coñecemos exemplos salientables:

  • Mary Shelley publicou Frankenstein sen asinar na súa primeira edición.

  • Jane Austen ocultouse tras a expresión “by a lady” para evitar críticas.

  • As irmás Brontë empregaron nomes masculinos: Currer, Ellis e Acton Bell.

  • George Eliot (Mary Ann Evans) tamén recorreu a un pseudónimo masculino.

Incluso hoxe en día, seguen existindo casos de escritoras que usan iniciais ou nomes neutros para evitar prexuízos no mundo editorial.

A lectura tamén nos levou a reflexionar sobre a actualidade. Aínda que se avanzou moito, os datos mostran que:

  • Hai menos mulleres publicadas ca homes.

  • Existen xéneros literarios máis asociados a homes ou a mulleres.

  • O recoñecemento (premios, canon literario…) segue sendo desigual

Nesta Hora de Ler non só lemos: tamén descubrimos, cuestionamos e damos voz a quen durante moito tempo non a tivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario