Agardámoste na biblio… se te atreves!
venres, 31 de outubro de 2025
BIBLIOANTIOQUÍA EN MODO TERROR: ENTRA SE TE ATREVES!
Agardámoste na biblio… se te atreves!
mércores, 29 de outubro de 2025
ARRINCAN AS REUNIÓNS DO CLUB DE LECTURA "AO PÉ DA LETRA" DE 4º DA ESO E BACHARELATO
Xa tivo lugar a primeira reunión do noso Club de Lectura: "Ao pé da letra", para alumnado de 4º da ESO e Bacharelato, e as primeiras impresións non poderían ser mellores! Entre risas, debates e moita curiosidade, os participantes comezaron a explorar os mundos fascinantes que os agardan nas páxinas dos libros que teñen por diante este curso.
A profe Anaís, responsable do club e sempre disposta a guiarnos polo intrincado camiño do pensamento crítico, liderou a sesión inaugural.
O primeiro trimestre estará dedicado a A granxa dos animais de George Orwell e A lotaría de Shirley Jackson, libros a partir dos que se falará sobre conformismo, poder, tradición e violencia. Sen dúbida, unhas lecturas que prometen debate intenso e reflexión profunda.
O plan de lecturas do curso 25/26 continúa así:
- 2º trimestre: A transformación de Franz Kafka e A porta pechada de Jean-Paul Sartre, para falar de identidade, diferenza, liberdade e sentido.
- 3º trimestre: A parábola do sementador de Octavia Butler e Os que marchan de Omelas de Ursula K. Le Guin, abordando distopías, futuro e control social.
Podedes ver nas fotos a emoción dos nosos lectores e lectoras, preparados para enfrontarse a historias que os farán pensar, debater e, sobre todo, disfrutar da lectura.
luns, 27 de outubro de 2025
CANDO O TRABALLO EN AGRARIA SE FAI ARTE DE SAMAÍN
O pasado venres, o alumnado do ciclo medio Dual de Produción Agropecuaria do noso centro puxo en práctica as súas habilidades vendendo cabazas, sementes, plantel e tomates cherry cultivados por eles mesmos nas propias instalacións do IES. Produtos ecolóxicos e de quilómetro 0 que, ademais, poden ter un uso ben divertido: a decoración para Samaín!
Desde a BiblioAntioquía, queremos darvos algunhas ideas para que aproveitedes ao máximo as cabazas que adquiristes e lle deades un toque orixinal á casa nesta época tan espeluznante:
- Cabazas talladas: O clásico que nunca falla. Podes facer caras divertidas, asustadizas ou mesmo formas abstractas. Lembra poñer unha vela LED no interior para un efecto seguro e espectacular.
- Cabazas pintadas: Se non queres tallar, a pintura é a opción ideal. Podes crear personaxes de películas, monstros simpáticos ou decorar con patróns e cores que combinen co teu estilo.
- Centros de mesa: Pequenas cabazas combinadas con follas secas, velas e piñas crean unha decoración perfecta para a mesa de Samaín.
- Cabazas con texturas e elementos naturais: Engade cintas, teas, purpurina ou elementos como ramas e herbas secas para un efecto máis creativo e orixinal.
sábado, 25 de outubro de 2025
DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES: LER É UN ACTO DE LIBERDADE
venres, 24 de outubro de 2025
CELEBREMOS AS BIBLIOTECAS: ESPAZOS DE RESISTENCIA ANTE AS INXUSTIZAS
O ser humano, ás veces, que non sempre, ten a capacidade de extraer algún aspecto positivo das desgrazas que el mesmo sofre e provoca. A principios dos anos 90, a rexión dos Balcáns, no sur de Europa, escribía algunhas das liñas máis amargas da súa historia recente. Unha sucesión de terribles guerras mantivo aos habitantes dos países que a forman, enfrontados. Ademais de todos os episodios horribles de morte dos que foron vítimas inocentes os seus habitantes, houbo un acontecemento que aínda que tamén catastrófico, inspiraría, anos máis tarde, a efeméride que conmemoramos hoxe: o Día das Bibliotecas.
O 24 de outubro de 1992 foi destruída a Biblioteca Nacional de Saraievo, en Bosnia. As bombas arrasaron coa metade dos seus fondos entre os que había máis de 700 manuscritos e incunables (libros anteriores ao ano 1500) que a humanidade perdeu para sempre. Inspirados e espantados por este tremendo atentado contra a cultura, a Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, decidiu dedicar este día a honrar cada ano ás bibliotecas ca fin de promover e valorar a súa función na sociedade.
Para poñer o noso gran de area nesta homenaxe que tan de preto nos toca, o equipo da BiblioAntioquía deseñou a exposición “Libros para escapar da violencia” á que lle podedes botar un ollo na entrada do instituto. Nesta mostra inclúense diferentes exemplos de como os libros e a cultura son lugares poderosos nos que atopar refuxio e que se converten en verdadeiros espazos de resistencia e rebeldía ante as inxustizas.
mércores, 22 de outubro de 2025
AGRADECEMOS A HANNAH AREDT, FILÓSOFA ALEMÁ, AS SÚAS ENSINANZAS NO DÍA MUNDIAL DA ÉTICA. PENSEMOS POR NÓS MESMOS!
Cada semana, A hora de ler vai, paseniño, descubríndonos anécdotas, personaxes e persoeiros ben interesantes e que, definitivamente, pagan moito a pena. É o caso de Hannah Arendt, a quen, aproveitando o Día Mundial da Ética, que se celebra cada ano o terceiro mércores de outubro, recordamos polas súas importantísimas ensinanzas.
Se cadra máis ca nunca, neste momento que nos tocou vivir, é importante darlles un repaso. O pasado venres lemos un texto no que lembramos as ferramentas nas que esta pensadora do século XX insistía nos seus escritos: a capacidade de pensar por nós mesmos, a imparcialidade, o consenso, o debate racional, a exposición de ideas e a persuasión non violenta. Estes son os únicos ingredientes que está demostrado que funcionan contra os gobernos totalitarios.
Seguiremos lendo para pensar con liberdade!
Mentres, podes ampliar os teus coñecementos sobre a filosofía de Arendt co texto que lemos o pasado venres. Deixámoscho aquí abaixo.
venres, 17 de outubro de 2025
PREPARÁMONOS PARA UN SAMAÍN MARABILLOSAMENTE TERRORÍFICO!
Entramos xa de cheo na spooky season e o equipo da BiblioAntioquía preparou tantas actividades para a celebración do Samaín que é practicamente imposible que non atopes algo que encaixe contigo!
Toma nota, porque de seguro algunha destas propostas che interesa:
• Microrrelatos de medo. Saca o teu lado máis
creativo e escribe unha historia terrorífica en calquera dos idiomas que se
imparten no centro: galego, castelán, inglés, francés ou portugués! Condensa
ben o misterio, os sustos e o sangue…. porque a túa historia non pode superar as
oito liñas.
•
Concurso de decoración de
portas terroríficas. Fai equipo coa túa clase e
convertide a porta da vosa aula nunha obra de arte do terror!! A porta máis
escalofriantemente bonita levarán premio!
• Spooky pictures: concurso de fotografías terroríficas. As profes de inglés non lle teñen medo a nada, é por iso que a través do seu departamento piden instantáneas que sexan completamente aterradoras.
*Terás ata o vindeiro 29 de outubro para presentarte a calquera destes concursos. Achegáte á biblio no recreo se é que te atreves a participar… Avisamos de que non son aptos para medorentos… Ti saberás o que fas… Aínda que bueno, o peor que pode pasar é que leves un agasallo!
•
Pasarela de pesadelo. Disfrázate coa apariencia máis espeluznante da que sexas capaz e
atrévete a presentarte desa guisa no insti o 30 de outubro!
mércores, 15 de outubro de 2025
ESTE PAQUETE ESTÁ CHORANDO... É UN BEBÉ! LEMOS SOBRE O DÍA MUNDIAL DO CORREO
O 9 de outubro do ano 1874 estableceuse na
capital de Suíza, Berna, a Unión Postal Universal. Trátase dun organismo das
Nacións Unidas pensado para xestionar e mellorar os servizos postais en todo o
mundo. É debido ao aniversario desta organización que agora celebramos, cada 9
de outubro, o Día Mundial do Correo. Poder enviar e recibir
correspondencia verdadeiramente revolucionou a vida dos seres humanos. É este
un invento que, como tantos outros, lle debemos á civilización romana, e foi o
protagonista da Hora de ler do pasado venres.
Nos textos que lemos desta volta coñecemos estas orixes grecorromanas dos servizos postais e como foron evolucionando ata chegar ao que son hoxe en día. Fixemos unha viaxe no tempo na que houbo parada no Antigo Exipto, o Medievo, a chegada a América e o século XIX. Indagando nesta última centuria foi onde descubrimos o máis sorprendente: a unha parella de Ohio ocorréuselle enviar o seu bebé por correo aos avós! E o máis abraiante de todo, como a criatura non pesaba máis de 5 quilos, puideron facelo!
Tamén coñecemos a unha heroína de guerra, a pomba mensaxeira Cher Ami, que foi unha verdadeira sobrevivente! Tanto que o seu corpo desecado ocupa un lugar de honra no Salón da Fama das Pombas Mensaxeiras... Entrouche a curiosidade? Aquí che deixamos os textos para que descubras o porqué!
martes, 7 de outubro de 2025
QUE HORA É? É HORA DE LER!
Estas criaturas
acometeron unhas aventuras máis ca épicas! E, por suposto, ben dignas de ser a
estrea do noso anaquiño de lectura semanal. Grazas á vaca Blossom, o doutor
Jenner foi quen de desenvolver a primeira vacina da historia, a da varíola.
Nestas primeiras lecturas, tamén coñecemos a interesante viaxe de Able e Miss
Baker. Elas foron os primeiros seres vivos que conseguiron volver con vida á
Terra despois dunha viaxe espacial!
Moitas cousas
interesantes aprendemos coa hora de ler! E isto non foi máis que o principio...
Este venres máis!
Sen non puideches vir a clase ou queres darlle unha relectura a estas magníficas anécdotas, deixámoschas aquí debaixo. Que as desfrutes!
luns, 6 de outubro de 2025
BIBLIOPATAS: AS NOSAS MASCOTAS TAMÉN LEN
Cada 4 de outubro conmemórase o Día Mundial dos Animais. Esta efeméride lembra a importancia de coidar e respectar a todos os seres vivos cos que compartimos o planeta.
Na Biblioantioquía non quixemos ser menos nunha data tan sinalada e fixemos a nosa particular homenaxe aos bichiños que conviven connosco: as nosas mascotas.
Na entrada do instituto atoparedes unha pequena exposición con fotografías destes membros tan especiais das nosas familias e non nunha actitude calquera: lendo! Din por aí que todo se pega, e nós, grandes lectoras e lectores, contaxiamos este marabilloso hábito aos nosos cans, gatos, cabalos e mesmo tartarugas!
Non a perdas!
venres, 3 de outubro de 2025
PÁRATE POLOS DEREITOS HUMANOS
De seguro estás de acordo con que “todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos”, con que “deben comportarse fraternalmente uns con outros”, ou con que todos temos “dereito á vida, á liberdade e á seguridade”. O resto da humanidade pensou o mesmo e eses son os primeiros artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Este documento foi firmado polos países da ONU hai 77 anos, despois das atrocidades vividas e perpetradas por seres humanos, contra outros seres humanos, durante a Segunda Guerra Mundial.
Por desgraza, que case todos os países estivesen conformes con estes principios e que foran acordados hai xa tantos anos, non está garantindo que estes dereitos, tan básicos, sexan respectados. O exemplo máis lamentable é o das persoas que sofren diariamente nas 56 guerras que se manteñen activas no mundo: Gaza, Ucraína, Congo, Myanmar... Nestes lugares, esta lista de dereitos perdeu xa case todo o seu valor.
Ca fin de que toda a comunidade educativa aprenda sobre esta temática, algúns profes do Cidade de Antioquía cos que colaborou a BilioAntioquía, prepararon unha mesa informativa na entrada do insti coa que seguro te topaches ao entrar ou saír. Igual xa o fixeches, pero se aínda non, faino: Párate.
Párate a ler e a informarte sobre as realidades doutros adolescentes coma ti, cuxas vidas, familias, estudos, afeccións, de repente se viron truncadas porque existen outros intereses que, desafortunadamente, están por riba dos seus propios dereitos coma seres humanos.
O Cidade de Antioquía pediu: PAZ PARA GAZA!
Podes ler o manifesto premendo aquí e o relato "A guerra non pide permiso" neste outro enlace.
martes, 16 de setembro de 2025
NON FAGAS UN "POMBO" E ÚNETE AOS CLUBS DE LECTURA DO INSTI
venres, 12 de setembro de 2025
ARRINCA UNHA NOVA AVENTURA!
O vindeiro luns 15 de setembro abrirá as súas portas a BiblioAntioquía coas pilas cargadísimas para outro curso de lecturas, conmemoracións e actividades que non vas querer perder por nada do mundo.
•
Retomamos
os Clubs de Lectura, que son
moito máis que ler un libro...
◦ É compartir tempo con compañeiros e
compañeiras aos que tamén lles encanta ler.
◦ É falar, rir e comer
algo rico mentres comentamos o que máis nos gustou (ou o que nos
fixo rabiar) das páxinas.
◦ É descubrir historias sorprendentes que,
quizais, non descubrirías pola túa conta...
◦ Sen esquecernos dalgún agallasiño que recibiredes
tamén, claro!
• Un para o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO e
outro para 4º da ESO, 1º e 2º de BAC.
A
lectura sabe mellor cando é compartida!
venres, 20 de xuño de 2025
venres, 13 de xuño de 2025
KID MOUNT NO CIDADE DE ANTIOQUÍA
Hoxe pasou polo instituto - polo seu instituto - un artista emerxente d'A Limia: Kid Mount. E aos que lle demos clase nalgunha ocasión énchenos de alegría que volva nada máis e nada menos que para dar un concerto.
Aínda recordo a última vez que cruzou as portas do Antioquía sendo alumno. Foi nun mes de xuño, recén rematada a ABAU, regresabamos de Ourense e, cando lle ofrecín deixalo na casa, díxome que tamén ía ao centro. Ao baixar do coche frente ao instituto mostrábase non sei dicir se nervioso ou emocionado, non podía crer que fose a pisar por última vez o instituto. A reflexión era a máis frecuente nestes casos: levaba anos vendo aquel edificio coma un sitio pouco agradable ao que tiña que ir e agora daba vertixe marchar, porque a fin de contas sempre soubo que estaba nun lugar seguro.
E marchou a Compostela para vivir a fermosa vida universitaria que lle trouxo - á vista está - máis ca libros. E dende aquí, ímolo seguindo, en redes sociais, a través de You Tube,... Non nos falta orguio, porque el mesmo confesou nunha entrevista que a súa primeira canción escribíraa no Antioquía. Despois dun recreo escoitando música, nunha clase de Filosofía comezou a súa labor como compositor. O que deron de si as clases de José Luis!
Sexa coma sexa, Manuel, porque para nós sempre serás Manuel, xa sabes que tes abertas as portas do noso centro e do noso corazón. Volve cando queiras...
KID MOUNT EN YOU TUBE
mércores, 11 de xuño de 2025
PRÉSTAMOS DE VERÁN
luns, 26 de maio de 2025
OBRADOIRO DE TEATRO
O alumnado de 1º ESO creou uns artesanais fanzines sobre o xénero teatral. Neles non só recolleu artisticamente a definición de teatro, as características e os principais subxéneros teatrais, senón que tamén anotou títulos de obras de teatro cos/as autores/as, fragmentos de obras teatrais e incluso breves escenas teatrais da súa propia autoría.
Como colofón ao estudo do teatro e á realización desta tarefa asistiu a un obradoiro teatral da man de Manuel Fontemoura, profe, autor, adaptador, director e demais de Teatro Aneis. Grazas a este obradoiro, os alumnos e as alumnas convertéronse en dramaturgos/as, actores e actrices, encargados/as de atrezo, técnicos/as de iluminación e de son... pasando así por todos os labores do oficio teatral dende a creación do texto ata a súa posta en escena. E, por suposto, lles ofreceu unha visión nova para a lectura do teatro, con agarimos, coma se fose unha novela.
luns, 19 de maio de 2025
CAIXAS MISTERIOSAS
Unha das actividades que relacionamos habitualmente coa lectura é o deseño das caixas misteriosas, unha iniciativa na que o alumnado pon en marchas as súas aprendizaxes para crear traballos multidisciplinares moi atractivos nos que lucir as súas competencias. No novo espazo de exposición da BiblioAntioquía poderedes ver unha mostra do logros acadados. Merece a pena!
E as grazas a nosa Marta de Castelán que fixo posible esta exposición..













.jpg)

.png)










.jpg)
.jpeg)
.jpeg)













.jpeg)
.jpeg)
