Xa tivo lugar a primeira reunión do noso Club de Lectura: "Ao pé da letra", para alumnado de 4º da ESO e Bacharelato, e as primeiras impresións non poderían ser mellores! Entre risas, debates e moita curiosidade, os participantes comezaron a explorar os mundos fascinantes que os agardan nas páxinas dos libros que teñen por diante este curso.
A profe Anaís, responsable do club e sempre disposta a guiarnos polo intrincado camiño do pensamento crítico, liderou a sesión inaugural.
O primeiro trimestre estará dedicado a A granxa dos animais de George Orwell e A lotaría de Shirley Jackson, libros a partir dos que se falará sobre conformismo, poder, tradición e violencia. Sen dúbida, unhas lecturas que prometen debate intenso e reflexión profunda.
O plan de lecturas do curso 25/26 continúa así:
- 2º trimestre: A transformación de Franz Kafka e A porta pechada de Jean-Paul Sartre, para falar de identidade, diferenza, liberdade e sentido.
- 3º trimestre: A parábola do sementador de Octavia Butler e Os que marchan de Omelas de Ursula K. Le Guin, abordando distopías, futuro e control social.
Podedes ver nas fotos a emoción dos nosos lectores e lectoras, preparados para enfrontarse a historias que os farán pensar, debater e, sobre todo, disfrutar da lectura.


Ningún comentario:
Publicar un comentario