domingo, 16 de outubro de 2022

SAMAÍN ESTÁ AQUÍ!

 A BiblioCidade organiza os habituais concursos por Samaín. Vótalle unha ollada aos carteis e non esquezas que ti podes colaborar na decoración. Esperámoste entre o 17 e o 27 de outubro nos recreos para que convirtas con nós a biblioteca nun lugar terrorífico.








xoves, 13 de outubro de 2022

FRIDA KAHLO: UNHA MULLER (IN)VISIBLE

 Outro ano - e xa van tres - que o noso manequín toma protagonismo. Nesta ocasión iniciamos o proxecto con Frida Kahlo.



venres, 30 de setembro de 2022

20' CON ESOPO

 Centro di gravità permanente, de Franco Battiato. Está foi a canción coa que Óscar Soto inaugurou as sesións mensuais de 20' con clásicos. A súa elección estaba sobradamente xustificada: as obras clásicas son ese "centro de gravidade permanente" que non podemos obviar porque a súa presenza é continua. Cantas liñas daqueles tempos son un espello da actualidade! Foron uns visionarios ou simplemente o ser humano non ten nada de orixinal?

Abrimos camiño coas Fábulas de Esopo. Lectura a lectura fomos caendo na conta de que hai aprendizaxes impagables que non valoramos como corresponde. 

Apenas uns minutos e saímos da BiblioCidade con unha sensación agradable e unha chea de coñecementos. 



Próxima sesión: Viaxe á Lúa con Luciono de Samosanta.



mércores, 21 de setembro de 2022

COMO LER CON ELBE

 Se queres ler con ELBE, estes son os pasos que debes seguir:

Antes de nada, pasa pola BiblioAntioquía e solicita o teu contrasinal e a túa clave.

No teu móbil, táblet, ou ordenador, accede á tenda on line que empregues habitualmente para adquirir aplicativos (App Store, Google Play ou similares) e introduce o seguinte: BEGA-ELBE2. Recoñecerás o aplicativo por esta imaxe:







Unha vez descargada no dispositivo, clica nela e introduce contrasinal e clave. O aplicativo dirixirate a unha páxina para que engadas unha dirección de correo electrónico e para que cambien o contrasinal.

Completada esta operación, volve ao aplicativo e rexístrate ca nova clave (o contrasinal mantense porque é o teu número de usuario da biblio). Aparecerá unha pantalla tal que así:

 

 

Clica na lupa, escribe o título que buscas e se hai sorte, xa podes ler con ELBE2!



É un aplicativo intuitivo e fácil de manexar, pero se tes dúbidas ou algún problema no proceso, pasa pola biblio e axudarémoste.

 

martes, 20 de setembro de 2022

A BIBLIOTECA: UN ESPAZO PARA CREAR

Abrimos o curso cunha interesante proposta destinada a explotar o lado artístico do IES Cidade de Antioquía. 

Xa sabes que nas datas especiais a biblioteca vístese de festa. Agora ti podes ter un papel principal.




Gústache debuxar? 

Tes talento para a decoración? 

Cres que tes ideas que aportar á BiblioCidade?

Non dubides en dar un paso adiante e achegarte ao noso espazo. 

Este é o teu momento!



20' COS CLÁSICOS

Inauguramos este curso unha actividade mensual de animación á lectura da man de Óscar Soto, profesor de Latín e Grego do noso IES.

O último venres de cada mes, achegaranos a un clásico e mostraranos que, por extraño que nos pareza, os clásicos foron uns adiantados ao seu tempo.

Primeira parada:






sábado, 17 de setembro de 2022

UN CURSO DE CINE

 Non o sabes? Este curso ímolo pasar de cine!

Oíches falar do Festival CineCidade? Sabes que é un "Antioquiño"?  Acabarás querendo un...

Seguiremos informando por aquí.

xoves, 15 de setembro de 2022

ELBE2

 A BiblioAntioquía forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia (PLAMBE) e, como tal, temos acceso a unha plataforma de lectura dixital gratuita chamada ELBE. Queres empregala para os teus momentos de lecer ou para conseguir as lecturas obrigatorias?

Pasa pola BiblioAntioquía e dirémosche como facelo.

Se tes moitas ganas de coñecer esta plataforma, aquí tes un adianto:

PLAMBE INFORMA SOBRE ELBE2

mércores, 14 de setembro de 2022

NON TE CONFUNDICHES

 Claro que non te confundiches, este segue sendo o blog da túa biblioteca.

Como podes comprobar, estreamos imaxe: máis “limpa”, máis dinámica, máis moderna, máis acorde co espazo real da BIblioAntioquía… Non si?

Aínda que a imaxe cambia, non modificamos os obxectivos deste blog. Seguimeros informando de todo o que teña que ver coa biblioteca e co noso centro. E non creas que esto quedará aquí, porque a BiblioAntioquía tamén cambiará por algo o noso eslogan é…

Le, imaxina, crea… Vive a BiblioAntioquía!

luns, 12 de setembro de 2022

CLUB DE LECTURA "AO PÉ DA LETRA"

 Pertences xa ao noso club de lectura?

Queres formar parte del?

É a lectura unha das actividades do teu tempo de lecer?

Pasa por Vicedirección e anótate para formar parte de "Ao pé da Letra"

BIBLIOTECAS DE AULA

Abrimos este curso recordándovos que, contades en cada clase cunha pequena biblioteca de aula da que facer uso na Hora de Ler, en gardas ou noutros momentos de lecer. Esta biblioteca de aula será revisada e renovada periodicamente. Deixamos nas vosas mans a responsabilidade de coidar e custodiar os exemplares. Agradecemos que sigades as instruccións que se detallan nos carteis se vos atrae algún título e queredes levalo á casa.

Bo curso e boas lecturas!


    









sábado, 10 de setembro de 2022

QUE É KOHA


Dende o curso pasado, a BiblioAntioquía conta cun novo programa de xestión. Trátase de KOHA, un proxecto que se garda na nube e que nos permite traballar na biblioteca dende calquera punto e equipo do IES. Estamos a falar dun aplicativo que permite axilizar a circulación de libros e que ofrece múltiples posibilidades que revirten nun maior aproveitamento do tempo que pasamos na biblio. Ademais, contamos cunha ligazón que permite consultar o noso catálogo actualizado a tempo real. Precisamente se clicas na orixinal paisaxe con libro integrado que ves á dereita accederás a el.

Aínda que o curso pasado foi un reto, porque a selección do noso IES como centro experimental produciuse cando xa a dinamización estaba organizada, conseguimos saír adiante con todo. Revisión do catálogo, revisión de andeis libro a libro (e de paso expurgo), recatalogación de exemplares, código para quen os quixera pegar (seguro que ti tamén pegaches algún),… Puxemos a biblioteca do revés sen que se notara moito e sen que deixara de funcionar. Agora xa só quedan flecos e algún que outro departamento que nos abrirá as portas ao longo deste curso para completar a migración.

Daniel López Garrido, o profe que máis códigos pegou, botarémoste de menos! Que este curso te agasalle cun bo destino, a ser posible, migrado a Koha!







venres, 9 de setembro de 2022

DE VOLTA Á BIBLIOCIDADE!

Despedimos o curso pasado xogando nunha scape room na biblioteca chea de sorpresas e con algún que outro susto.  

Volvemos este 2022-2023 coa clara intención de convertir esta vosa biblioteca nun espazo aberto, creativo e cheo de actividades nas que vós, o alumnado, seredes protagonistas. 

O camiño promete... Disfrutade da BiblioAntioquía!

luns, 20 de xuño de 2022

E O CLUB DE LECTURA 2021-2022 CHEGOU AO SEU FINAL...

 Que lástima tan grande ter que rematar o club de lectura... Este luns a mediodía tivemos a última xuntanza na que o alumnado de 4.º de ESO e o alumnado de 1.º ESO puxeron en común as dúas últimas lecturas que foron estas.



Tras o xantar fixemos a tertulia que rematou cunha sorpresa: un agasallo de lectura para o verán, agardando que algún ou algunha de vós a propoña como lectura de club para o próximo curso. E se aínda temos tempo, o último día de clase visionaremos un documental sobre A Cidade dos Muchachos de Ourense, na que se inspira o libro de Alberto Canal, O trapecista da malla de rombos.




FELICES LECTURAS DE VERÁN!! AGARDO QUE VOS GUSTEN!!!


domingo, 12 de xuño de 2022

O HONOR DE COÑECER A DAVID TRUEBA

 Foi un honor, con todas as letras, poder conversar con David Trueba sobre a súa novela El Rio baja sucio. Encantounos a novela e aínda máis nos marabillou poder falar co autor sobre os misterios desta historia na que dous adolescentes loitan por salvar o seu lugar de vacacións. 

Quedamos abraiadas pola súa humildade e pola súa intelixencia. Trueba soubo conectar con todas nós e deixounos moitas ganas de seguir léndoo. Por exemplo, a súa novela Tierra de Campos, que é unha recomendación extraordinaria para o verán.







venres, 27 de maio de 2022

A BIBLIOCIDADE TEN VISITA!

 


Cantos segredos garda a nosa biblioteca! 

As veces, cando as visitas son importantes, gústanos compartilos...



xoves, 26 de maio de 2022

UNHA VISITA MOI ESPECIAL

 Hai dúas semanas o noso alumnado atravesou de novo as portas do Carlos Casares para tender unha ponte co alumnado de sexto de Primaria, que para o ano formará parte da familia do Cidade. E onte foi o turno de recibilos a elas e a eles no noso centro. 

Para facelo como se merecen,  Bibliocidade organizou unha exposición moi especial, na que navegamos desde Harry Potter ata Marvel, da novela ambientada na época medieval ou na Antigüidade clásica, á máis futurista. 

Agardamos que vos gustase. E lembrade: as portas de Bibliocidade están sempre abertas para vós. Esperamos vervos por aquí o próximo curso para compartir lecturas e moitas experiencias máis.








mércores, 11 de maio de 2022

TENDENDO PONTES

 A onde foi o alumnado de Oratoria de 2.º ESO C onte 10 de maio? Pois ao seu antigo colexio, o CEIP Carlos Casares para levar a cabo dúas actividades marabillosas.

Por unha banda, transmitiron ilusión e ledicia aos máis pequeniños do cole ccontándolles contos que foron preparados con moito agarimo. 

Despois, sentáronse enfrente de todos os alumnos e alumnas de 6.º de Primaria para explicarlles como vai ser o seu paso ao instituto. Durante semanas estiveron preparando unha exposición moi clara e ilustrativa dos grandes cambios que supón o instituto para llos explicar ao noso futuro alumnado. 

As dúas actividades foron un exemplo magnífico de como falar en público, ante un auditorio do máis complicado. Pero Xiana, Paula, Alba, Pablo, Carla e Sara estiveron á altura e superaron a proba con sobresaliente. Parabéns!!!








https://drive.google.com/file/d/1oawvdwxSqjSomhaqWknXbeYoDy1YDekn/view?usp=sharing


martes, 3 de maio de 2022

PINTANDO ÁRBORES CON PINCEIS. O NOSO COMPROMISO COS OBXECTIVOS DA AXENDA 2030

 Hoxe martes 3 de maio o IES Cidade de Antioquía encheuse de cor e de compromiso medioambiental. En colaboración coa Afundación realizamos dous obradoiros encamiñados a facernos reflexionar sobre a necesidade de dar un xiro drástico para salvar o noso Planeta.

Nun dos obradoiros participaron os alumnos e alumnas de 1.º e de 3.º ESO para decorar as súas propias bolsas de tea que substituirán ás de plástico que tanto danan o medio ambiente.

Por outra banda, o grupo de 3.º ESO B e unha parte do alumnado do ciclo de Agraria e Forestais participou na creación dun inmenso mural que desde agora nos mirará desde unha das paredes do noso patio e que nos lembrará a importancia do coidado da terra e o agradecemento polos froitos que nos dá.

Aquí deixamos algunhas mostras do traballo feito con tanto agarimo.








UN ÉXITO ROTUNDO

 Hai iniciativas que triunfan e que nos fan sacar o mellor de nós mesmos. Foi o caso do mercadillo destinado a recaudar diñeiro para os refuxiados procedentes de Ucraína. O noso alumnado volcouse na compra de libros. Sen dúbida, foi esta unha iniciativa na que a lectura e a solidariedade se deron a man e que repetiremos noutras ocasións.

Moitas grazas por colaborar!  Fostes un exemplo de compromiso! 




luns, 2 de maio de 2022

MIL GRAZAS Á FANTÁSTICA COMUNIDADE EDUCATIVA DO IES CIDADE DE ANTIOQUÍA

 

Dende a BiblioCidade queremos agradecer á nosa comunidade educativa a súa colaboración nesta feira solidaria a beneficio da infancia ucraína. Grazas polas doazóns, grazas polas compras, grazas por estar aí cada recreo,… Grazas a vós conseguimos 198,90 euros cos poremos o noso granciño de area para que os nenos e nenas de Ucrania sintan que, dalgunha forma, estamos ao seu carón.

Adicamos un especial agradecemento a Ana Belén Figueira, profesora de Inglés, alma e motivación desta primeira feira do libro de segunda man.

Xa estamos pensando na segunda edición. Volveremos con outro obxectivo solidario antes de que remate 2022.

luns, 25 de abril de 2022

CLUBS DE LECTURA NA SEMANA DO LIBRO

 Nesta semana tan animada de libros e lecturas, os nosos clubes literarios tiveron máis actividade ca nunca. 

O alumnado de 1.º ESO tivo a súa xuntanza en torno á novela Mi hermana vive sobre de la repisa de la chimena de Annabel Pitcher. Esta lectura deunos moito xogo porque trata temas que son moi cercanos ao noso alumnado: o acoso escolar, a separación dos pais, a morte, a amizade, o racismo, as relacións fraternais, o alcolismo... En fin, que as dúas horas que lle dedicamos á tertulia, unha vez máis, quedaron moi curtas para todo o que nos tiñamos que contar.


Por outra banda, levamos varios días nos que en 1.º de Bacharelato estamos facendo un club de lectura en torno á obra de teatro de Juan Mayorga, El chico de la última fila. Por fin, esta semana chegoulle o turno á película que se realizou a partir desta obra teatral (En la casa). Esta actividade permítenos tender unha ponte entre a literatura e o cine e, ademais, achéganos ao xénero teatral, tan esquecido nas nosas clases.



SEMANA DO LIBRO: COMPROMISO E LECTURA

 Cando entres no instituto esta semana verás que hai libros por todas partes porque estamos de celebración: esta é a Semana do Libro.

Non podes perderte o noso mercado solidario, no que poderás mercar libros a prezos moi asequibles e así axudar ás ONG que están traballando en Ucraína. Pásate nos recreos que leva contigo unha boa lectura coa que, ademais, farás a túa contribución a esta causa tan necesaria.



Cando pases polo noso mercado solidario fíxate ben porque alí ao lado poderás gozar dunha exposición fantástica de libros infantís, e non tan infantís, desplegables ou con troquelados, que son unha auténtica obra de arte.


E por último, tamén alí pegadiño, está o noso concurso concurso de Pasapalabra literario. Participa, porque hai premio!!



AS MIL VIDAS DUN LIBRO

Clica e déixate atrapar por unha exposición que nos recordou que os libros son compañeiros de vida de valor incalculable.