sábado, 28 de xaneiro de 2017

Premio para o noso compañeiro Marcos Fernández! Parabéns!

La Región, 27/01/2017

Xinzo fixo entrega do galardón literario infantil Carlos Casares

O gañador, Marcos Fernández, relata a historia dun neno que vive en Siria e que escapa da guerra 





Marcos Fernández estudante de 1º da ESO do Instituto Cidade de Antioquía de Xinzo, recolleu onte o Primeiro Premio Literario Xuvenil Carlos Casares. O protagonista do seu relato é Samer, un rapaz de 11 anos que naceu en Damasco, a capital de Siria. "Un día estaba vendo as noticias, e saiu información da guerra de Siria", conta este pequeno escritor. "Gustoume para escribir o relato, pero é algo que me da moita pena", engade.

A historia de Samer, é unha historia que conmove e que conciencia, pero que tamén está chea de esperanza: "Samer e a súa familia escapan da guerra en busca dunha nova vida", conta Marcos.

A sensibilidade coa que este rapaz da Limia abordou a historia de Samer conmoveu aos membros do xurado deste certame: "Marcos tratou unha temática de plena actualidade, moi dura ", explica Alfonso Carlos Lois, coordinador da Casa da Cultura de Xinzo e membro do xurado do certame.

O concurso, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Xinzo, celebrouse o pasado ano co gallo do Día das Letras Galegas. Marcos foi o vencedor na categoría infantil, xa que o ano pasado aínda cursaba primaria.

Na entrega de premios, que tivo lugar en xullo, este rapaz "desperto e interesado polos temas de actualidade que o rodean", segundo destacan del algúns dos seus mestres, atopábase de viaxe cos seus pais, polo que non puido recoller o seu premio: un diploma, unha placa e un vale de 200 euros para material escolar. Dende o Concello decidiron facer un segundo acto de entrega. "Ocurríusenos que o mellor xeito de que Marcos recibise o seu galardón fose en presenza dos seus compañeiros e dos seus pais", explica Luis Miguel Gil, edil de cultura.

Uns pais que asistiron orgullosos ao evento. "Estamos moi contentos, Marcos participou con moita ilusión", sinala a súa nai.Aseguran que educan ao seu fillo na solidaridade. E é que Marcos ten un desexo:"Que todos sexamos iguais e todos teñamos o mesmo, non uns mais e outros menos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario