martes, 27 de abril de 2021

PedaLEO

 





O día do libro botou a rodar este proxecto que pretende combinar o coidado do corpo e da mente, o coidado do medio, e a animación á lectura. 

O eixo conector de todo isto é a BICICLETA  como medio de transporte limpo, alternativo aos transportes que utilizan combustibles contaminantes e moi arraigado na comarca da Limia. 

Estase a encher a nosa biblioteca de  bicicletas cargadas de libros, bicicletas saúdables e motivadoras para disfrutar de dúas actividades que poden ser a imaxe do lema universal MENS SANA IN CORPORE SANO.


Organizado pola biblioteca mais o club de letras, coa colaboración da comunidade educativa.





venres, 23 de abril de 2021

FELIZ DÍA DO LIBRO!!!



O noso alumnado quere felicitarvos o Día do libro coas súas recomendacións literarias. Prestádelle moita atención!!



Día das Letras: Poemar o mar; Memorias dun neno labrego. 1º de ESO en acción

 O alumnado de 1º de ESO, xunto coa súa profe, Asun Caneda, fixeron esta fermosa homenaxe ás nosas letras. 

Bo traballo!




martes, 13 de abril de 2021

Conexión poética

  María marchou do instituto no curso do confinamento, case sen podermos despedirnos como é debido. Ela e todo o grupo de 2º de bacharelato. 

Xusto antes de marchar para as nosas casas, soubemos que escribía poesía e que, oh marabilla, acababa de publicar un libro. Case sen tempo para reaccionar, pensamos en compralo, lelo, compartilo. 

Agora, un ano despois, témola connosco virtualmente. Xa compartiu un rato de poesía en vivo co alumnado de 1º de bacharelato. Hoxe tócalle a 2º de Bacharelato. Emocionante. Faremos crónica

Na nosa biblioteca temos varios exemplares. Bulide que marchan!

Un aperitivo:






martes, 6 de abril de 2021

Mulleres in-visibles. Poetas: Safo


 E despois de Rosalía, chegou Safo dende Lesbos






Gabriel Tizón: O importante non importa

 

O fotógrafo Gabriel Tizón, que en dúas ocasións visitou o IES Cidade de Antioquía, publicou un novo libro que bate nas nosas conciencias xa só co título.

Para non esquecer O IMPORTANTE, en todo momento.





martes, 9 de marzo de 2021

Vós sodes as protagonistas

Camiños para a igualdade

 Lola cóntanos a súa experiencia no fútbol, "Unha chica nun equipo de chicos. Eu cambiaría..."
 E Eva fálanos da presenza das mulleres no seu traballo, nun campo -a automoción-, no que a presenza feminina non era moi habitual. 




Moitas reflexións contra a discriminación resumidas nas frases finais de Eva: a mellor vacina contra a desigualdade, a violencia e a ignorancia é a educación. 

Mentes abertas contra os prexuizos!

luns, 8 de marzo de 2021

POR TODAS AS MULLERES, LEVÁNTOME!!!

 Esta é a homenaxe que Bibliocidade lle dedica a todas as mulleres neste 8 de marzo tan especial. Levántate sempre, por todas as mulleres, todos os días. Grazas ao alumnado participante, por serdes activistas e por poñer voz a este marabilloso poema de Maya Angelou.



xoves, 4 de marzo de 2021

Certame de relato breve "Todos os dereitos. Todas as mulleres. Todos os días

Convocado polo Concello de Xinzo de Limia
 I CERTAME DE RELATO BREVE“TODOS OS DEREITOS. TODAS AS MULLERES. TODOS OS DÍAS”

 En conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Organizado pola Concellaría de Igualdade do Concello de Xinzo de Limia. 
  • Participantes O certame diríxese a todas as persoas que desexen participar, con independencia da súa idade, do seu sexo, da súa nacionalidade ou do seu lugar de residencia. 
  • Temática Todas as obras presentadas versarán sobre o feminismo e a súa historia, o valor da igualdade e da non discriminación por razón de sexo, a axenda pendente das mulleres, as mulleres no mundo e as mulleres que fixeron e fan historia. Non se admitirán contidos que inclúan linguaxe malsoante, alusións a terceiras persoas, mensaxes discriminatorias ou que puideran ser considerados apoloxía do odio.
  •  Condicións: 
    • Os traballos deberán ser inéditos, en galego, e non presentados, co mesmo ou con outro título, a ningún outro certame pendente de resolución. 
    • O estilo será narrativa, tipo relato curto, cunha extensión que non poderá superar as dúas páxinas en letra Arial de 12 puntos con interliñado normal. 
    • O relato deberá estar escrito con linguaxe non sexista. 
    • O relato non poderá levar sinatura....

Máis info, na Biblioteca do centro ou no Concello

martes, 2 de marzo de 2021

E chegou Rosalía



Aínda estabamos repartindo vacinas contra o mal de amores, e chegou Rosalía, e instalouse ás nosas portas, ofrecendo pílulas poéticas sen data de caducidade!




E tras ela, chegarán mulleres poetas, medio agochadas por causa do seu xénero, que faremos visibles en corpo e obra.




 

martes, 23 de febreiro de 2021

Día da poesía. ENFIANDO UN POEMA

 Imos crear entre toda a comunidade educativa un poema para estrear o Día da poesía. 

Anímaste? Deixa aquí os teus versos (un ou dous) que non é preciso enlazar cos anteriores.

Con todos eses versos enfiaremos un poema MOI NOSO

(Para ter unha idea do que pretendemos, aquí tedes un modelo)



Portas case abertas

  

Despois de cinco meses traballando a porta cerrada, a biblioteca reábrese exclusivamente para o préstamo de materiais, pero con limitacións:

  1. O acceso sempre se realizará de modo controlado e cun máximo de 4 usuari@s por quenda.
  2. Cada grupo ten o seu horario:

LunsMartesMércoresXovesVenres
1º ESO2º ESO3º ESO4º ESOCICLOS + BACH




    3. As normas de seguridade deben ser cumpridas sempre

  • desinfección de mans na entrada,
  • cumprimento das normas de espazo, deixando a distancia de seguridade entre usuarios, 
  • ao rematar o uso, deixar no lugar habilitado os libros que non se leven en préstamo para proceder á súa corentena.






martes, 9 de febreiro de 2021

ENTROIDO RECOLLIDO


As máscaras acáellen ben ó Entroido, así que este ano non puidemos evitar que se nos metan no instituto, 


Onte chorabamos por el, pero....




HOXE ESTÁ VIVO, VIVO, VIVO!!!!











 

martes, 2 de febreiro de 2021

RECEITAS AMOROSAS

 O buzón das receitas contra o maldeamores agora está máis preto de vós! Só tedes que pensar, escribir, enviar.... 

Seguro que hai un cento de pacientes agardando a vosa axuda!




martes, 26 de xaneiro de 2021

WANGARI E AS ÁRBORES DA PAZ

 Coñecedes a esta muller? No ano 2004 recibiu o Premio Nobel da Paz, un recoñecemento á súa entrega á ecoloxía. Comezou con pequenas accións que poden servir de exemplo a quen, como ti, coma min, moitas veces pensamos que NON PODEMOS FACER NADA!


O alumnado do Cidade de Antioquía, coñece ben a súa historia, e elaborou esta preciosa exposición, ás portas de Biblioantioquia.



 

 

Este precioso libro, recolle a súa historia. Libros, árbores, mulleres...que bos ingredientes para este manxar!



venres, 22 de xaneiro de 2021

Amor, amor, amor. Tamén en tempos difíciles

 Anímaste a compartir a túa fórmula máxico-médica contra o MAL DE AMORES?

Herbas, beberaxes, músicas, lecturas, imaxes... todos os ingredientes poden ser efectivos ante un corazón roto. 



martes, 19 de xaneiro de 2021

Adiante, 2021

 O IES Cidade de Antioquía empeza o ano con alegría, bos desexos e sobre todo, MOITA FORZA!





Saúde e boas lecturas!





martes, 22 de decembro de 2020

ISO QUE VÓS NOS DADES. MIL GRAZAS.


É 21 de decembro. Pensabamos hai uns meses que non poderiamos chegar ata aquí. E conseguímolo entre tod@s. Pero, sobre todo, lográmolo porque o noso alumnado foi un exemplo de responsabilidade e de civismo. Por iso queremos agradecervos o voso comportamento impecable. Fomos un GRAN EQUIPO e seguirémolo sendo, sempre, para loitar contra calquera adversidade.
Estamos orgullosos de vós. E así volo queremos agradecer. Cun vídeo moi divertido, que fixemos pensando en VÓS para darvos as grazas de todo corazón por devolvernos a esperanza. Sodes marabillosos e marabillosas, O MELLOR ALUMNADO DO MUNDO.

venres, 18 de decembro de 2020

En tinta negra. Premio do I Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual

En tinta negra
—Completa as seguintes oracións empregando a forma correcta de “ca”, “cá” ou “que a”.
A voz da profesora de galego escóitase con claridade en toda a aula. Retiro a tapa do meu bolígrafo azul e escribo o número do exercicio nunha esquina do caderno, trazando un círculo ao seu redor.
—Xiana, por favor, le o primeiro apartado e complétao ti xa.
Cando escoito o meu nome escorrerse entre os seus beizos, aclaro a gorxa para falar e busco coa ollada o texto que teño que ler. Collo aire e pronuncio as palabras que veñen escritas en tinta negra no libro de texto de primeiro de bacharelato.
—A moza de Laura é máis alta ca ela.
A mestra indícame que a resolución do exercicio é correcta e avanza coa seguinte oración, pero eu quedo parada mentres as súas palabras se esvaecen nos meus oídos.
Volvo recorrer coa mirada a liña que acabo de ler en voz alta. Repásoa unha e outra vez, co temor de que nesta ocasión as letras cambiasen de posición. Pero seguen aí. Exactamente iguais. A moza de Laura. Non podo evitar que se me escape un sorriso. Porque está escrito. Por primeira vez está escrito no meu libro do instituto. Acaricio suavemente a banda de tea de cores que descansa arredor do meu pulso e volvo prestar atención á clase, aínda saboreando na punta da lingua a sensación de que cada vez chegamos máis lonxe.

Alma Alonso

I Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual 
Xov, 24/09/2020 - 10:39 
logo

O xornal Nós Diario, en colaboración coas asociacións Arelas, Avante LGTBI+ Lugo e Sete Outeiros, e mais a Rede Museística Provincial de Lugo, convocan o I Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual. Poderán cursos todas as persoas maiores de idade e as persoas menores de idade con autorización expresa de quen posúa a súa custodia legal.

Pódense consultar aquí as bases da convocatoria.

luns, 7 de decembro de 2020

ES CONSCIENTE DOS RESIDUOS QUE PRODUCIMOS CADA DÍA?


 Todos os días xeramos moitísimos residuos, pero non somos conscientes de enorme cantidade que supoñen e do que contaminan no medio ambiente. Para visibilizar este problema, desde o Departamento de Física e Química levamos a cabo unha actividade de concienciación que se enmarcou dentro da Semana Europea da Prevención de Residuos. Podedes ver os resultados no documento PDF que se adxunta. Ídevos sorprender!!! 




GRAN CONCURSO DE NADAL 2020!!!

 


martes, 1 de decembro de 2020

Aí vén o Nadal!





 Como cada ano, o departamento de Plástica coa axuda do de Inglés e o apoio da Biblioteca, presenta o tradicional concurso de POSTAIS.

Aquí tes as bases: 

  • Técnica libre
  • Tamaño: 1/2 folio A5
  • Data de entrega: antes do 17 de decembro
  • Lugar: buzón de Nadal á porta da Biblioteca
Bota a voar o teu maxín e deseña a túa postal! 


martes, 24 de novembro de 2020

BIBLIOANTIOQUIA CONTRA A VIOLENCIA

 Vanse enchendo os nosos espazos de achegas en linguas diversas, con sentires diversos, con perspectivas diversas. Todas cunha meta común: construír unha parede na que topen as actitudes violentas.









mércores, 18 de novembro de 2020

Día mundial diante da violencia contra a muller

 








25 DE NOVEMBRO

Día internacional da eliminación da violencia contra a muller

É posible que só oíras falar da República Dominicana como lugar de vacacións, que non coñezas ás irmás Mirabal e que non saibas que opoñerse á dictadura de Rafael Leónidas Trujillo no seu país fixo que acabaran os seus días nun coche no fondo dun precipicio.

Por desgracia, miles de mulleres a día de hoxe seguen asomadas a outro precipicio igual de inquietante. Por eso, no IES Cidade de Antioquía, cada 25 de Novembro damos un paso adiante e conmemoramos o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller para rendir o noso propio tributo a todas esas mulleres que perderon a vida e solidarizarnos con todas aquelas que sofren pola lacra do maltrato. Por eso, invitámoste a participar no concurso “Carta aberta fronte a violencia contra a muller ”.

A finalidade é que escribas unha carta a un maltratador, a esa vítima que cala, á que se rebela,, á familia que a sofre, á testemuña que pecha os ollos e segue o seu camiño... Ti elixe un destinatario e faite oír, nós seremos o teu altofalante.

BASES:
Presentar en folio blanco ou de cor, pero folio!
Extensión mínima: 25 
– 30 liñas a ordenador ou a man, sempre que letra sexa lexible. Idioma: castelán ou galego.

Categorías I: 1o ESO – 2o ESO.
Categoría II: 3o ESO 
– 4o ESO – FPB.
Categoría III: BACHARELATO E FORMACIÓN PROFESIONAL.

Data límite para participar: 23 de Novembro de 2020.
Entregar na biblioteca ou á persoa responsable da titoría do teu grupo.