venres, 31 de outubro de 2025

BIBLIOANTIOQUÍA EN MODO TERROR: ENTRA SE TE ATREVES!



A BiblioAntioquía transformouse para recibir o Samaín! Durante estas semanas, o noso espazo encheuse de cabazas, morcegos, fantasmiñas e moitos detalles espeluznantes que crean un ambiente único para ler e deixarse sorprender.




Pouco a pouco, esta escenificación terrorífica foi invadindo outros espazos do IES e culminou coa decoración das portas das aulas, que quedaron ben fantasmais e —como xa sabedes— terán premio! Estade moi atentas e atentos ao blog!



Non deixedes pasar a ocasión de visitar a biblio estas semanas: deixade que o Samaín vos contaxie, alimentade a vosa curiosidade, explorade cada recuncho e gozade dunha experiencia diferente entre libros e cabazas.
Agardámoste na biblio… se te atreves!




mércores, 29 de outubro de 2025

ARRINCAN AS REUNIÓNS DO CLUB DE LECTURA "AO PÉ DA LETRA" DE 4º DA ESO E BACHARELATO


Xa tivo lugar a primeira reunión do noso Club de Lectura: "Ao pé da letra", para alumnado de 4º da ESO e Bacharelato, e as primeiras impresións non poderían ser mellores! Entre risas, debates e moita curiosidade, os participantes comezaron a explorar os mundos fascinantes que os agardan nas páxinas dos libros que teñen por diante este curso.

A profe Anaís, responsable do club e sempre disposta a guiarnos polo intrincado camiño do pensamento crítico, liderou a sesión inaugural. 


O primeiro trimestre estará dedicado a A granxa dos animais de George Orwell e A lotaría de Shirley Jackson, libros a partir dos que se falará sobre conformismo, poder, tradición e violencia. Sen dúbida, unhas lecturas que prometen debate intenso e reflexión profunda.

O plan de lecturas do curso 25/26 continúa así:

  • 2º trimestre: A transformación de Franz Kafka e A porta pechada de Jean-Paul Sartre, para falar de identidade, diferenza, liberdade e sentido.

  • 3º trimestre: A parábola do sementador de Octavia Butler e Os que marchan de Omelas de Ursula K. Le Guin, abordando distopías, futuro e control social.

Podedes ver nas fotos a emoción dos nosos lectores e lectoras, preparados para enfrontarse a historias que os farán pensar, debater e, sobre todo, disfrutar da lectura.


luns, 27 de outubro de 2025

CANDO O TRABALLO EN AGRARIA SE FAI ARTE DE SAMAÍN



O pasado venres, o alumnado do ciclo medio Dual de Produción Agropecuaria do noso centro puxo en práctica as súas habilidades vendendo cabazas, sementes, plantel e tomates cherry cultivados por eles mesmos nas propias instalacións do IES. Produtos ecolóxicos e de quilómetro 0 que, ademais, poden ter un uso ben divertido: a decoración para Samaín! 

Desde a BiblioAntioquía, queremos darvos algunhas ideas para que aproveitedes ao máximo as cabazas que adquiristes e lle deades un toque orixinal á casa nesta época tan espeluznante:

  • Cabazas talladas: O clásico que nunca falla. Podes facer caras divertidas, asustadizas ou mesmo formas abstractas. Lembra poñer unha vela LED no interior para un efecto seguro e espectacular.
  • Cabazas pintadas: Se non queres tallar, a pintura é a opción ideal. Podes crear personaxes de películas, monstros simpáticos ou decorar con patróns e cores que combinen co teu estilo.
  • Centros de mesa: Pequenas cabazas combinadas con follas secas, velas e piñas crean unha decoración perfecta para a mesa de Samaín.
  • Cabazas con texturas e elementos naturais: Engade cintas, teas, purpurina ou elementos como ramas e herbas secas para un efecto máis creativo e orixinal.

A actividade do venres é un exemplo de como o traballo en equipo e a iniciativa poden dar bos froitos… literalmente! Así que, se vos animades, este Samaín podedes apoiar aos nosos estudantes e, ao mesmo tempo, encher a casa de cor e diversión coas súas cabazas.








sábado, 25 de outubro de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES: LER É UN ACTO DE LIBERDADE


O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas Escolares cunha lectura moi especial durante a nosa Hora de ler. O alumnado do IES achegouse á realidade da censura de libros nas escolas públicas dos Estados Unidos, a través dun texto no que descubrimos como case 7.000 títulos foron vetados no último ano.
Entre eles figuran obras tan coñecidas como O conto da criada de Margaret Atwood, A laranxa mecánica de Anthony Burgess ou O amor nos tempos do cólera de Gabriel García Márquez. Mesmo o escritor Stephen King se converteu no autor máis prohibido do país, con 87 títulos retirados das bibliotecas escolares.
Tras a lectura, abrimos un pequeno debate sobre o dereito a ler e a importancia de manter as bibliotecas como espazos de liberdade, reflexión e pensamento crítico. Porque unha biblioteca é moito máis ca un lugar cheo de libros: é un espazo onde as ideas poden expresarse libremente e onde cada lector e lectora ten o poder de escoller o que quere descubrir.
Desde a BiblioAntioquía seguimos reivindicando que ler é un acto de liberdade e que os libros —todos os libros— nos axudan a pensar, a sentir e a entender o mundo con ollos máis abertos.



venres, 24 de outubro de 2025

CELEBREMOS AS BIBLIOTECAS: ESPAZOS DE RESISTENCIA ANTE AS INXUSTIZAS

O ser humano, ás veces, que non sempre, ten a capacidade de extraer algún aspecto positivo das desgrazas que el mesmo sofre e provoca. A principios dos anos 90, a rexión dos Balcáns, no sur de Europa, escribía algunhas das liñas máis amargas da súa historia recente. Unha sucesión de terribles guerras mantivo aos habitantes dos países que a forman, enfrontados. Ademais de todos os episodios horribles de morte dos que foron vítimas inocentes os seus habitantes, houbo un acontecemento que aínda que tamén catastrófico, inspiraría, anos máis tarde, a efeméride que conmemoramos hoxe: o Día das Bibliotecas.

O 24 de outubro de 1992 foi destruída a Biblioteca Nacional de Saraievo, en Bosnia. As bombas arrasaron coa metade dos seus fondos entre os que había máis de 700 manuscritos e incunables (libros anteriores ao ano 1500) que a humanidade perdeu para sempre. Inspirados e espantados por este tremendo atentado contra a cultura, a Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, decidiu dedicar este día a honrar cada ano ás bibliotecas ca fin de promover e valorar a súa función na sociedade.

Para poñer o noso gran de area nesta homenaxe que tan de preto nos toca, o equipo da BiblioAntioquía deseñou a exposición “Libros para escapar da violencia” á que lle podedes botar un ollo na entrada do instituto. Nesta mostra inclúense diferentes exemplos de como os libros e a cultura son lugares poderosos nos que atopar refuxio e que se converten en verdadeiros espazos de resistencia e rebeldía ante as inxustizas.




mércores, 22 de outubro de 2025

AGRADECEMOS A HANNAH AREDT, FILÓSOFA ALEMÁ, AS SÚAS ENSINANZAS NO DÍA MUNDIAL DA ÉTICA. PENSEMOS POR NÓS MESMOS!

 


Cada semana, A hora de ler vai, paseniño, descubríndonos anécdotas, personaxes e persoeiros ben interesantes e que, definitivamente, pagan moito a pena. É o caso de Hannah Arendt, a quen, aproveitando o Día Mundial da Ética, que se celebra cada ano o terceiro mércores de outubro, recordamos polas súas importantísimas ensinanzas.

Se cadra máis ca nunca, neste momento que nos tocou vivir, é importante darlles un repaso. O pasado venres lemos un texto no que lembramos as ferramentas nas que esta pensadora do século XX insistía nos seus escritos: a capacidade de pensar por nós mesmos, a imparcialidade, o consenso, o debate racional, a exposición de ideas e a persuasión non violenta. Estes son os únicos ingredientes que está demostrado que funcionan contra os gobernos totalitarios.

Seguiremos lendo para pensar con liberdade!

Mentres, podes ampliar os teus coñecementos sobre a filosofía de Arendt co texto que lemos o pasado venres. Deixámoscho aquí abaixo.


venres, 17 de outubro de 2025

PREPARÁMONOS PARA UN SAMAÍN MARABILLOSAMENTE TERRORÍFICO!

Entramos xa de cheo na spooky season e o equipo da BiblioAntioquía preparou tantas actividades para a celebración do Samaín que é practicamente imposible que non atopes algo que encaixe contigo!

Toma nota, porque de seguro algunha destas propostas che interesa:

    Microrrelatos de medo. Saca o teu lado máis creativo e escribe unha historia terrorífica en calquera dos idiomas que se imparten no centro: galego, castelán, inglés, francés ou portugués! Condensa ben o misterio, os sustos e o sangue…. porque a túa historia non pode superar as oito liñas.

    Concurso de decoración de portas terroríficas. Fai equipo coa túa clase e convertide a porta da vosa aula nunha obra de arte do terror!! A porta máis escalofriantemente bonita levarán premio!

    Spooky pictures: concurso de fotografías terroríficas. As profes de inglés non lle teñen medo a nada, é por iso que a través do seu departamento piden instantáneas que sexan completamente aterradoras.

*Terás ata o vindeiro 29 de outubro para presentarte a calquera destes concursos. Achegáte á biblio no recreo se é que te atreves a participar…  Avisamos de que non son aptos para medorentos… Ti saberás o que fas… Aínda que bueno, o peor que pode pasar é que leves un agasallo!

    Pasarela de pesadelo. Disfrázate coa apariencia máis espeluznante da que sexas capaz e atrévete a presentarte desa guisa no insti o 30 de outubro! 

 


mércores, 15 de outubro de 2025

ESTE PAQUETE ESTÁ CHORANDO... É UN BEBÉ! LEMOS SOBRE O DÍA MUNDIAL DO CORREO

 


O 9 de outubro do ano 1874 estableceuse na capital de Suíza, Berna, a Unión Postal Universal. Trátase dun organismo das Nacións Unidas pensado para xestionar e mellorar os servizos postais en todo o mundo. É debido ao aniversario desta organización que agora celebramos, cada 9 de outubro, o Día Mundial do Correo. Poder enviar e recibir correspondencia verdadeiramente revolucionou a vida dos seres humanos. É este un invento que, como tantos outros, lle debemos á civilización romana, e foi o protagonista da Hora de ler do pasado venres.

Nos textos que lemos desta volta coñecemos estas orixes grecorromanas dos servizos postais e como foron evolucionando ata chegar ao que son hoxe en día. Fixemos unha viaxe no tempo na que houbo parada no Antigo Exipto, o Medievo, a chegada a América e o século XIX. Indagando nesta última centuria foi onde descubrimos o máis sorprendente: a unha parella de Ohio ocorréuselle enviar o seu bebé por correo aos avós! E o máis abraiante de todo, como a criatura non pesaba máis de 5 quilos, puideron facelo!

Tamén coñecemos a unha heroína de guerra, a pomba mensaxeira Cher Ami, que foi unha verdadeira sobrevivente! Tanto que o seu corpo desecado ocupa un lugar de honra no Salón da Fama das Pombas Mensaxeiras... Entrouche a curiosidade? Aquí che deixamos os textos para que descubras o porqué!


martes, 7 de outubro de 2025

QUE HORA É? É HORA DE LER!


O pasado venres, a rapazada da ESO do noso IES inaugurou a
hora de ler deste curso 2025/2026. E foi por todo o alto! Con motivo da celebración do Día Mundial dos Animais, lemos dous textos cunha vaca e un par de monas como protagonistas.

Estas criaturas acometeron unhas aventuras máis ca épicas! E, por suposto, ben dignas de ser a estrea do noso anaquiño de lectura semanal. Grazas á vaca Blossom, o doutor Jenner foi quen de desenvolver a primeira vacina da historia, a da varíola. Nestas primeiras lecturas, tamén coñecemos a interesante viaxe de Able e Miss Baker. Elas foron os primeiros seres vivos que conseguiron volver con vida á Terra despois dunha viaxe espacial!

Moitas cousas interesantes aprendemos coa hora de ler! E isto non foi máis que o principio... Este venres máis!

Sen non puideches vir a clase ou queres darlle unha relectura a estas magníficas anécdotas, deixámoschas aquí debaixo. Que as desfrutes!


luns, 6 de outubro de 2025

BIBLIOPATAS: AS NOSAS MASCOTAS TAMÉN LEN


Cada 4 de outubro conmemórase o Día Mundial dos Animais. Esta efeméride lembra a importancia de coidar e respectar a todos os seres vivos cos que compartimos o planeta.

Na Biblioantioquía non quixemos ser menos nunha data tan sinalada e fixemos a nosa particular homenaxe aos bichiños que conviven connosco: as nosas mascotas.

Na entrada do instituto atoparedes unha pequena exposición con fotografías destes membros tan especiais das nosas familias e non nunha actitude calquera: lendo! Din por aí que todo se pega, e nós, grandes lectoras e lectores, contaxiamos este marabilloso hábito aos nosos cans, gatos, cabalos e mesmo tartarugas!

Non a perdas!








venres, 3 de outubro de 2025

PÁRATE POLOS DEREITOS HUMANOS


De seguro estás de acordo con que “todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos”, con que “deben comportarse fraternalmente uns con outros”, ou con que todos temos “dereito á vida, á liberdade e á seguridade”. O resto da humanidade pensou o mesmo e eses son os primeiros artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Este documento foi firmado polos países da ONU hai 77 anos, despois das atrocidades vividas e perpetradas por seres humanos, contra outros seres humanos, durante a Segunda Guerra Mundial.

Por desgraza, que case todos os países estivesen conformes con estes principios e que foran acordados hai xa tantos anos, non está garantindo que estes dereitos, tan básicos, sexan respectados. O exemplo máis lamentable é o das persoas que sofren diariamente nas 56 guerras que se manteñen activas no mundo: Gaza, Ucraína, Congo, Myanmar... Nestes lugares, esta lista de dereitos perdeu xa case todo o seu valor.


Ca fin de que toda a comunidade educativa aprenda sobre esta temática, algúns profes do Cidade de Antioquía cos que colaborou a BilioAntioquía, prepararon unha mesa informativa na entrada do insti coa que seguro te topaches ao entrar ou saír. Igual xa o fixeches, pero se aínda non, faino: Párate.

Párate a ler e a informarte sobre as realidades doutros adolescentes coma ti, cuxas vidas, familias, estudos, afeccións, de repente se viron truncadas porque existen outros intereses que, desafortunadamente, están por riba dos seus propios dereitos coma seres humanos.

Ademais, este venres 3 de outubro, reunímonos tamén na entrada, fronte á mesa informativa, para ler un manifesto e un precioso relato que podes descubrir máis abaixo. 
O Cidade de Antioquía pediu: PAZ PARA GAZA!


Podes ler o manifesto premendo aquí e o relato "A guerra non pide permiso" neste outro enlace