mércores, 4 de febreiro de 2026

HOXE NENAS, MAÑÁ MULLERES NA CIENCIA



O vindeiro mércores, 11 de febreiro, celebraremos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Esta data foi proclamada pola Organización das Nacións Unidas no ano 2015 e ten como obxectivo dar a coñecer o traballo das mulleres que se dedican ás áreas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).

Ao visibilizar estes referentes femininos, preténdese fomentar que as nenas e as adolescentes escollan estas carreiras profesionais de maneira libre e convencida, seguindo o exemplo de grandes científicas que abriron camiño nestes ámbitos tradicionalmente masculinizados.

No IES Cidade de Antioquía xa sacamos as batas e as probetas. As nosas rapazas de 1.º de Bacharelato, guiadas pola profe Mar, estiveron esta semana no laboratorio para desenvolver un experimento ben interesante. Xuntas conseguiron producir a chamada “chuvia de ouro”, unha vistosa precipitación de cor amarela que se produce ao combinar ioduro de potasio e nitrato de chumbo, ambos disoltos en auga.


Actividades coma esta lembran a importancia de achegar a ciencia ás aulas desde unha perspectiva igualitaria e de animar ás nosas alumnas a imaxinarse como futuras científicas, investigadoras ou enxeñeiras.