venres, 30 de setembro de 2022

20' CON ESOPO

 Centro di gravità permanente, de Franco Battiato. Está foi a canción coa que Óscar Soto inaugurou as sesións mensuais de 20' con clásicos. A súa elección estaba sobradamente xustificada: as obras clásicas son ese "centro de gravidade permanente" que non podemos obviar porque a súa presenza é continua. Cantas liñas daqueles tempos son un espello da actualidade! Foron uns visionarios ou simplemente o ser humano non ten nada de orixinal?

Abrimos camiño coas Fábulas de Esopo. Lectura a lectura fomos caendo na conta de que hai aprendizaxes impagables que non valoramos como corresponde. 

Apenas uns minutos e saímos da BiblioCidade con unha sensación agradable e unha chea de coñecementos. 



Próxima sesión: Viaxe á Lúa con Luciono de Samosanta.



mércores, 21 de setembro de 2022

COMO LER CON ELBE

 Se queres ler con ELBE, estes son os pasos que debes seguir:

Antes de nada, pasa pola BiblioAntioquía e solicita o teu contrasinal e a túa clave.

No teu móbil, táblet, ou ordenador, accede á tenda on line que empregues habitualmente para adquirir aplicativos (App Store, Google Play ou similares) e introduce o seguinte: BEGA-ELBE2. Recoñecerás o aplicativo por esta imaxe:







Unha vez descargada no dispositivo, clica nela e introduce contrasinal e clave. O aplicativo dirixirate a unha páxina para que engadas unha dirección de correo electrónico e para que cambien o contrasinal.

Completada esta operación, volve ao aplicativo e rexístrate ca nova clave (o contrasinal mantense porque é o teu número de usuario da biblio). Aparecerá unha pantalla tal que así:

 

 

Clica na lupa, escribe o título que buscas e se hai sorte, xa podes ler con ELBE2!



É un aplicativo intuitivo e fácil de manexar, pero se tes dúbidas ou algún problema no proceso, pasa pola biblio e axudarémoste.

 

martes, 20 de setembro de 2022

A BIBLIOTECA: UN ESPAZO PARA CREAR

Abrimos o curso cunha interesante proposta destinada a explotar o lado artístico do IES Cidade de Antioquía. 

Xa sabes que nas datas especiais a biblioteca vístese de festa. Agora ti podes ter un papel principal.




Gústache debuxar? 

Tes talento para a decoración? 

Cres que tes ideas que aportar á BiblioCidade?

Non dubides en dar un paso adiante e achegarte ao noso espazo. 

Este é o teu momento!



20' COS CLÁSICOS

Inauguramos este curso unha actividade mensual de animación á lectura da man de Óscar Soto, profesor de Latín e Grego do noso IES.

O último venres de cada mes, achegaranos a un clásico e mostraranos que, por extraño que nos pareza, os clásicos foron uns adiantados ao seu tempo.

Primeira parada:






sábado, 17 de setembro de 2022

UN CURSO DE CINE

 Non o sabes? Este curso ímolo pasar de cine!

Oíches falar do Festival CineCidade? Sabes que é un "Antioquiño"?  Acabarás querendo un...

Seguiremos informando por aquí.

xoves, 15 de setembro de 2022

ELBE2

 A BiblioAntioquía forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia (PLAMBE) e, como tal, temos acceso a unha plataforma de lectura dixital gratuita chamada ELBE. Queres empregala para os teus momentos de lecer ou para conseguir as lecturas obrigatorias?

Pasa pola BiblioAntioquía e dirémosche como facelo.

Se tes moitas ganas de coñecer esta plataforma, aquí tes un adianto:

PLAMBE INFORMA SOBRE ELBE2

mércores, 14 de setembro de 2022

NON TE CONFUNDICHES

 Claro que non te confundiches, este segue sendo o blog da túa biblioteca.

Como podes comprobar, estreamos imaxe: máis “limpa”, máis dinámica, máis moderna, máis acorde co espazo real da BIblioAntioquía… Non si?

Aínda que a imaxe cambia, non modificamos os obxectivos deste blog. Seguimeros informando de todo o que teña que ver coa biblioteca e co noso centro. E non creas que esto quedará aquí, porque a BiblioAntioquía tamén cambiará por algo o noso eslogan é…

Le, imaxina, crea… Vive a BiblioAntioquía!

luns, 12 de setembro de 2022

CLUB DE LECTURA "AO PÉ DA LETRA"

 Pertences xa ao noso club de lectura?

Queres formar parte del?

É a lectura unha das actividades do teu tempo de lecer?

Pasa por Vicedirección e anótate para formar parte de "Ao pé da Letra"

BIBLIOTECAS DE AULA

Abrimos este curso recordándovos que, contades en cada clase cunha pequena biblioteca de aula da que facer uso na Hora de Ler, en gardas ou noutros momentos de lecer. Esta biblioteca de aula será revisada e renovada periodicamente. Deixamos nas vosas mans a responsabilidade de coidar e custodiar os exemplares. Agradecemos que sigades as instruccións que se detallan nos carteis se vos atrae algún título e queredes levalo á casa.

Bo curso e boas lecturas!


    









sábado, 10 de setembro de 2022

QUE É KOHA


Dende o curso pasado, a BiblioAntioquía conta cun novo programa de xestión. Trátase de KOHA, un proxecto que se garda na nube e que nos permite traballar na biblioteca dende calquera punto e equipo do IES. Estamos a falar dun aplicativo que permite axilizar a circulación de libros e que ofrece múltiples posibilidades que revirten nun maior aproveitamento do tempo que pasamos na biblio. Ademais, contamos cunha ligazón que permite consultar o noso catálogo actualizado a tempo real. Precisamente se clicas na orixinal paisaxe con libro integrado que ves á dereita accederás a el.

Aínda que o curso pasado foi un reto, porque a selección do noso IES como centro experimental produciuse cando xa a dinamización estaba organizada, conseguimos saír adiante con todo. Revisión do catálogo, revisión de andeis libro a libro (e de paso expurgo), recatalogación de exemplares, código para quen os quixera pegar (seguro que ti tamén pegaches algún),… Puxemos a biblioteca do revés sen que se notara moito e sen que deixara de funcionar. Agora xa só quedan flecos e algún que outro departamento que nos abrirá as portas ao longo deste curso para completar a migración.

Daniel López Garrido, o profe que máis códigos pegou, botarémoste de menos! Que este curso te agasalle cun bo destino, a ser posible, migrado a Koha!







venres, 9 de setembro de 2022

DE VOLTA Á BIBLIOCIDADE!

Despedimos o curso pasado xogando nunha scape room na biblioteca chea de sorpresas e con algún que outro susto.  

Volvemos este 2022-2023 coa clara intención de convertir esta vosa biblioteca nun espazo aberto, creativo e cheo de actividades nas que vós, o alumnado, seredes protagonistas. 

O camiño promete... Disfrutade da BiblioAntioquía!