martes, 14 de abril de 2026

AS CORES DA CREATIVIDADE: A HORA DE LER CELEBRA O DÍA MUNDIAL DA ARTE

Esta semana, na nosa Hora de Ler, viaxamos ata o fascinante mundo da arte para celebrar o seu Día Mundial, que se conmemora cada 15 de abril. A data non foi escollida ao azar: coincide co nacemento de Leonardo da Vinci, un dos grandes xenios da historia, símbolo da creatividade, da curiosidade e do talento universal.

Ao longo da lectura descubrimos que a arte é moito máis ca cadros fermosos ou esculturas impresionantes. A arte serve para expresar emocións, para facer pensar, para denunciar inxustizas e tamén para conservar a memoria dos pobos. Por iso, a UNESCO destaca a importancia da educación artística nas escolas e o valor da cultura para construír unha sociedade máis inclusiva.

Nesta ocasión, puxemos a mirada na nosa propia terra e fixemos un pequeno percorrido pola arte galega. Visitamos ao enigmático Mestre Mateo, creador do maxestoso Pórtico da Gloria; lembramos a Castelao, capaz de unir literatura e debuxo para defender a dignidade do pobo galego; descubrimos a modernidade e valentía de Maruja Mallo; admiramos a forza creativa de Luís Seoane e Laxeiro; e rematamos con Isaac Díaz Pardo, figura esencial para entender a unión entre tradición e modernidade en Galicia.

Como sempre, a lectura tamén nos deixou preguntas para pensar: pode a arte cambiar o mundo? Importa máis o que quere dicir quen crea ou o que entende quen observa? Serve só para decorar ou tamén para transformar a realidade?

Na BiblioAntioquía pensamos que a resposta está clara: a arte acompáñanos, inspíranos e axúdanos a comprender mellor quen somos. E quen sabe… talvez entre o alumnado que participa cada semana na Hora de Ler se atope o próximo gran artista galego ou galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario