martes, 29 de marzo de 2022

OBRADOIRO POÉTICO CON MARÍA LADO: POESÍA E SOSTIBILIDADE

 Que tarde de luns tan fantástica tivemos en 1.º ESO o 28 de marzo!!! A poeta María Lado chegou cargadiña de flores silvestres para mergullarnos no mundo da poesía. Pero, ademais, María soubo conectar a poesía co coidado do medio ambiente, para facernos conscientes de que este noso Planeta necesita da nosa axuda. As flores silvestres coas que nos agasallou foron o punto de partida para xuntar poesía con ecoloxía. CHEGOU A PRIMAVERA AO CIDADE DE ANTIOQUÍA!!!





SOMOS UN CLUB DE LECTURA... DIFERENTE

 O luns 28 de marzo o Club de lectura de 1.º ESO tivo o seu segundo xantar-xuntanza para poñer en común a lectura Diferente, de Eloy Moreno. Aínda que desta vez non houbo película, o tempo fíxose curto para reflexionar sobre tantos sentimentos e emocións que espertou en nós esta novela. A  todas e a todos nos encantou e cremos que despois de lela somos mellores persoas. Recomendámosvola!!! Está na nosa biblioteca!! Sería unha lectura estupenda para as vacacións de Semana Santa.



domingo, 27 de marzo de 2022

VISITA Á BIBLIOTECA NODAL DE OURENSE E AO ARQUIVO PROVINCIAL

 O día 23 de marzo o alumnado de 3.º e 4.º ESO tivo a oportunidade de  visitar a biblioteca pública de Ourense e tamén o Arquivo histórico. 

Esta visita estivo organizada pola Departamento de Lingua castelá e Literatura e a súa planificación enmárcase dentro das actividades de Bibliocidade.

O noso alumnado quedou marabillado pola amplitude, deseño, fondos e dinamización da biblioteca nodal de Ourense. O certo é que Rosa, a súa directora, nos fixo un percorrido moi interesante polos diferentes espazos. É un luxo contar cunha biblioteca así. Estamos convencidos de que ao noso alumnado lle quedaron moitas ganas de regresar a ela para aproveitala a fondo.

Despois desta visita, achegámonos ao Arquivo histórico. Alí agardábannos para facer unha visita guiada polo espectacular edificio que o alberga, para pasar despois a un obradoiro de escritura medieval. Velaquí tendes as fotos nas que estamos traballando ao estilo dos monxes nun scriptorium medieval!!





CLUB DE LECTURA. TERTULIAS DO CONCELLO DE OURENSE

 Por fin chegou o día das Tertulias organizadas polo Concello de Ourense!! E nelas participaron cinco alumnas de 3.º ESO: Noa, Marta, Chiara, Eva e Sabela. O libro escollido nesta ocasión foi a novela de David Trueba El río baja sucio. O certo é que o libro deu moito xogo, tanto na preparación da tertulia como na posta en común que fixemos no Liceo de Ourense a tarde do 24 de marzo. 

Xunto co alumnado do IES Lagoa de Antela, Divino Maestro e os IES 12 de Outubro e O Couto, discutimos sobre Martín e Tomás, os personaxes principais da historia, pero tamén conversamos sobre os modelos de familia, a relación entre irmáns e entre fillos e pais/nais, sobre a corrupción e tamén sobre ecoloxía. A hora e media que tiñamos marcada como tempo límite fíxose curta!!

Nas fotos poderedes observar o ben que o pasamos e o moito que gozamos preparando a nosa intervención na tertulia.

Mil grazas as alumnas que participaron. Foi unha experiencia xenial!!





luns, 21 de marzo de 2022

GROLIÑOS DE VERSOS

 Groliños de versos é a actividade que eleximos este ano para celebrar o Día da Poesía. O alumnado de 1º e 2º ESO decorou vasos de cartón e encheunos dun contido moi especial: poesía. 

A idea é pasar polo expositor, botar unha ollada e ler. Se alguén quere levar un vaso ou un poema, pode facelo, sempre que deixe no seu lugar outro vaso ou outro poema. 

Atréveste a encher un vaso cos teus propios versos?






POESÍA PARA QUEN A QUEIRA



martes, 8 de marzo de 2022

PROFE: NON PERDICHES O TEMPO. 8 DE MARZO DE 2022

Hoxe 8 de marzo cremos que é o día no que esta carta que fixo o noso alumnado de 1.º ESO hai un mes con motivo do Festival de Eurovisión debe estar no noso Blog. Porque para nós a loita polos dereitos  da muller e por lograr unha sociedade libre de machismos non entende de "días de celebración". Sempre, sexa o día que sexa, en calquera mes, estaremos preparadas e preparados para reivindicar a nosa liberdade e a nosa dignidade. 
Esta carta é unha homenaxe ben merecida para todo o profesorado que nas súas aulas traballa na coeducación e guía ao seu alumnado para convertelo en persoas responsables, respectuosas e xustas. Está claro: nunca se perde o tempo, pouco a pouco imos deixando pouso, aínda que ás veces a realidade nos asuste.



8 de marzo: Bibliocidade celebra o Día da Muller

 Se entras no Cidade de Antioquía hoxe 8 de marzo, atoparás xusto na entrada unha homenaxe ás nosas avoas e un montón de obras con nome de muller ou sobre a muller. Pero non o esquezamos: 8 de marzo deben ser todos os días, porque a loita ha de ser diaria, constante, persistente.

Para homenaxear ás nosas mulleres escritoras e ás nosas lectoras, desde a biblioteca fixemos este vídeo. Agardamos que vos guste. E lembra: "Xuntas, somos imparables".





QUERIDAS AVOAS

 

                                  

Este 8 de marzo, no IES Cidade de Antioquía quixemos rendir tributo ás mulleres máis especiais que coñecemos: as avoas. Polo cariño, polos bicos e brazos, polos coidados, polos aloumiños, por tantas cousas que nos dades cada día, este ano vós sodes as protagonistas.

Acompañamos o manequín e a árbore das avoas cunha exposición de fondos.