mércores, 28 de marzo de 2018

O IES CIDADE DE ANTIOQUÍA POLA IGUALDADE

O noso centro está convencido de que é imprescindible traballar nas aulas a igualdade de xénero. A sociedade na que vivimos está demandando que se aborde este problema tan grave no ámbito educativo. Por iso, todos os departamentos didácticos, e a biblioteca por suposto, dedicamos esforzos a organizar actos que fagan reflexionar ao noso alumnado.
A biblioteca creou un posto provisional (que se mellorará co tempo e terá máis visibilidade) no que se ubican lecturas que fomentan a igualdade. Trátase de publicacións que desde a arte, a poesía ou a filosofía reflexionan sobre a desigualdade.
Pero quizais o acto estrela neste mes de marzo foi a mesa redonda que se organizou para debatir sobre a situación da muller na sociedade actual e que se dirixiu a alumnado de segundo ciclo, bacharelato e ciclos.
ESTE CAMIÑO É LONGO. A LOITA NON PODE SER FLOR DUN DÍA. DEBEMOS SER CONSTANTES E CONSCIENTES NESTA BATALLA QUE TEMOS QUE GAÑAR ENTRE TOD@S PARA CONSTRUÍR UNHA SOCIEDADE MÁIS XUSTA.




mércores, 7 de marzo de 2018

PREPARANDO O 8 DE MARZO

Mañá celebraremos o día da muller baixo o lema "Se nós paramos, para o mundo".
María Rosa e Douaa pasaron pola nosa biblioteca para preparar a mesa redonda que será o acto central no noso centro.
Mentres reflexionaban en voz alta sobre as súas intervencións de mañá, saíron á luz as súas experiencias como receptoras de micro e macro machismos: "así me gusta, que varras, como muller que es", "moitas mulleres non traballan para coidar as crianzas. Despois se queren separarse, non teñen traballo, seguen dependendo do home que é o que traballa".....






Mentres tanto, outro grupo acaba de colgar os carteis que farán que todo o centro se entere de que está a pasar.