mércores, 15 de abril de 2026

ALBA GUZMÁN VISITA O NOSO CENTRO NUNHA XORNADA DE LECTURA E INSPIRACIÓN


Esta mañá tivemos a sorte de recibir no centro a visita da escritora ourensá Alba Guzmán, autora de A vinganza de Paquiño Jackson, lectura escollida para o Club de Lectura de 1º e 2º da ESO, “Ao pé da letra”.

Foi un encontro moi especial no que o alumnado puido conversar directamente coa autora e descubrir moitos segredos dunha novela que nos fixo rir coa súa divertida historia de zombies e as múltiples referencias á cultura dos anos 80 que aparecen ao longo das súas páxinas.

Ademais de falar sobre as personaxes, a inspiración da obra (as anécdotas de seu pai e avós) e o proceso creativo, Alba Guzmán respondeu con humor a todas as preguntas do alumnado. Tamén compartiu con eles aspectos moi interesantes sobre o funcionamento do mundo editorial: como nace un libro, que pasos segue ata publicarse e como é o camiño dunha persoa que decide dedicarse á escritura. Incluso se falou de cartos, un tema que ás veces non nos atrevemos a preguntar, pero que sen dúbida xera moita curiosidade.

A autora, que compaxina a súa faceta literaria cos seus estudos e traballo na Universidade de Vigo, animou especialmente a todo o alumnado de 1º da ESO, ao que se fixo extensiva esta sesión especial do noso Club de Lectura, a participar en concursos, certames e actividades literarias sempre que teñan ocasión.

A visita rematou coa sinatura dos exemplares de Paquiño Jackson e coa entrega dun agasallo moi especial que nos trouxo Alba: unhas pegatinas chulísimas de Paquiño acompañado da Marela, xa nas súas versións zombies.


Desde a BiblioAntioquía agradecemos enormemente a visita de Alba Guzmán, a súa xenerosidade e a súa capacidade para conectar co alumnado. Sen dúbida, foi unha experiencia enriquecedora que nos deixou con máis ganas de ler… e tamén de escribir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario