domingo, 5 de outubro de 2014

Lecturas de verán (I)



Miriam pediunos adiar o seu comentario sobre a súa lectura de verán, La Ladrona de libros. 
No seu lugar vou comentar eu unha das  lecturas que me acompañaron nos días de sol e praia.
Non son eu moi amiga dos best-sellers. Prefiro agardar un par de...décadas, como mínimo, para deixarme seducir por un libro.
Neste caso, foi unha boa amiga  e boa lectora a que mo meteu entre as mans. Ó cabo duns minutos xa non o puiden soltar. E ese paréceme o principal mérito da obra: a intrincada trama empúrrate a querer saber máis e máis da historia. Unha historia ben estruturada e ligada a pesares da constante viaxe do presente ó pasado; a información vainos chegando en pequenas doses e cada vez que parece que a resolución está ó noso alcance, esvara entre os  nosos dedos e volta a empezar. Deste xeito a trama envólvenos e atrápanos  ata  rematar a última das súas 600 páxinas.
Unha nena desaparecida vinte anos atrás, un escritor de éxito no seu retiro da América profunda, outro escritor abraiado polo seu primeiro éxito editorial, segredos agochados tralas portas das casas dun pequeno pobo.... Eses son os ingredientes que compoñen este rico pastel. Pero aínda hai máis: reflexións sobre o oficio de escritor -cada capítulo comeza cunha recomendación do escritor experimentado ó seu discípulo-, sobre o amor, a amizade, a irracionalidade do ser humano....
Quizais a resolución sexa excesivamente rebuscada, quizais ás veces a narración e as descricións se enleen de máis, dando a sensación de que o narrador esquece que xa falou de algo, pero o resultado paréceme moi satisfactorio.
Recoméndoo a quen lle gusten as historias con suspense sen moitas máis pretensións. Moi boa para as vacacións, non require especial concentración e permite -se a curiosidade vos deixa- collelo e deixalo sen atrancos.
Por certo: ó longo do verán coincidín con moita xente -especialmente na praia- que o estaba lendo en linguas diversas. Éxito editorial do mundo globalizado.
Remato recollendo algúns extractos  da novela que poderían acabar nun libro de citas:



  • Y en ese instante me di cuenta, gracias a esa chica de quince años, de que probablemente nunca había conocido el amor. Que seguramente mucha gente no había conocido nunca el amor. Que en el fondo se conformaban con buenos sentimientos, que se enterraban en la comodidad de una vida vulgar y que se perdían sensaciones maravillosas, que son probablemente las únicas que justifican la existencia.
  • Después de los hombres, habrá otros hombres. Después de los libros, hay otros libros. Después de la gloria, hay otras glorias. Después del dinero, hay más dinero. Pero después del amor, Marcus, después del amor, no queda más que la sal de las lágrimas.
  • La verdad no cambia nada de lo que puede uno sentir por otro. Es el gran drama de los sentimientos.
  • Un buen libro, Marcus, es un libro que uno se arrepiente de terminar.


Agora é o turno de Yolanda Matos. Cóntanos o teu LIBRO DO VERÁN


Ningún comentario:

Publicar un comentario