Lecturas de verán (XIII)
Recollo moi agradecida o testemuño de Xosefa, e como xa lle dixen, o meu será un libro en galego porque aínda ningún dos participantes falou dun libro nesa lingua e quero abrir a veda para falar de libros noutras linguas... inglés, francés, portugués, italiano, xaponés... Ben vedes todo o que temos nesta biblioteca...
Dende que comezara esta sección do blog das “Lecturas de verán” temía que me tocara porque me costa escoller un só libro...
O verán pasado optei pola tradución e achegueime á literatura italiana a través da novela de Flavio Soriga titulada Sardinia Blues; unha historia ambientada na illa de Sardeña e nas aventuras de verán de tres amigos que se volven xuntar despois dos seus desamores... pero, agora, gustaríame achegarvos unha suxestión para o verán que xa se ve no horizonte...
Trátase da última novela dunha marabillosa escritora galega chamada María Reimóndez, obra coa que gañou o Premio Xerais en 2014. Actual, áxil, realista e envolvente...
As súas páxinas son protagonizadas por Saínza Combarro, unha xornalista galega que nos traslada aos distintos conflitos que quere denunciar a través das crónicas que transmite para a BBC.
O que me enganchou... como a protagonista demostra toda a forza para denunciar os problemas do mundo e deixar os propios nun segundo lugar, como defende a verdade e a liberdade das persoas, e en particular das mulleres que sempre sofren dobremente a violencia do conflito e do entorno. Saínza vive situacións límite e evoluciona ata convertirse na mellor mostra e defensa de todas as mulleres xornalistas que polo mundo nos achegan o que está acontecendo.
Evidentemente tamén adoro o refuxio de Saínza e como dende a distancia e a seguridade deste primeiro mundo da nosa terra galega sempre mira máis alá e retoma con forza o seu labor...
Déixovos o enlace ao blog da novela que vos recomendo por se así vos animades tamén a lela. http://www.mariareimondez-escritora.com/obra/o-ciclo-dos-elemento/dende-o-conflito/
Claro, é crítica e dura co noso mundo e egoísmo e dá moito para pensar... Tal vez poidamos incluso propola para o noso Club de Lectura...
Anímomos a lela xa que o final da novela non é exactamente igual ao que se presentou ao premio e pode ter algunha sorpresa que nos leve a seguir lendo...
E para seguir lendo... nomino a dúas profes Asun e Dominga para que tamén elas nos recomenden algo para o verán que se vai achegando.
Ningún comentario:
Publicar un comentario