Desta volta, na nosa Hora de Ler, reflexionamos sobre o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha data proclamada pola Organización das Nacións Unidas en 2016 para visibilizar o papel das mulleres na ciencia e fomentar vocacións científicas entre as máis novas.
Chamounos a atención un dato: nas universidades galegas hai máis alumnas ca alumnos (case un 57 %), pero nas enxeñarías os rapaces representan arredor do 70 %. Isto lévanos a preguntarnos: por que segue existindo esta diferenza en determinadas carreiras STEM?
Un dos obxectivos desta xornada é crear referentes. E en Galicia témolos, e moi destacados:
Ángeles Alvariño, oceanógrafa ferrolá que descubriu 21 novas especies mariñas e foi pioneira en expedicións científicas internacionais.
Begoña Vila, astrofísica viguesa que traballa no telescopio espacial James Webb Space Telescope da NASA.
Ángela Ruiz Robles, inventora da Enciclopedia Mecánica, considerada un antecedente do libro electrónico.
María Wonenburger, matemática galega referente internacional na teoría de grupos.
Pero tamén falamos das nosas referentes máis próximas: as profesoras de Matemáticas, Física e Química, Bioloxía, Tecnoloxía… Mulleres que cada día nos amosan que a ciencia tamén é territorio feminino.
Ningún comentario:
Publicar un comentario