Esta semana, na nosa Hora de Ler, achegámonos a unha realidade que moitas veces permanece silenciada: a homofobia no fútbol.
Cada 19 de febreiro conmemórase esta data en lembranza de Justin Fashanu, o primeiro futbolista profesional que fixo pública a súa homosexualidade, en 1990. Nun contexto marcado polos prexuízos e por unha idea ríxida da masculinidade, o seu xesto foi valente… pero tamén tivo consecuencias moi duras. A presión mediática, as burlas e o rexeitamento afectaron profundamente á súa vida e á súa carreira.
Máis de trinta anos despois, a situación mellorou, pero non desapareceu. Informes recentes seguen sinalando que os espazos deportivos son escenarios frecuentes de insultos, ameazas e discriminación cara ao colectivo LGTBIQ+. Xogadores e xogadoras reciben ataques nas bancadas e, cada vez máis, nas redes sociais.
O caso de Josh Cavallo, que en 2021 anunciou publicamente que é gay mentres xogaba en primeira división, demostra que aínda hoxe é necesario moito apoio e valentía para dar ese paso.
Tamén falamos do chamado pinkwashing: cando institucións ou clubs lanzan mensaxes a favor da diversidade, pero non aplican medidas reais contra a discriminación. Por sorte, existen clubs e asociacións que traballan activamente por un deporte máis inclusivo, como Panteres Grogues ou GMadrid Sports, que promoven espazos seguros, respectuosos e libres de prexuízos.
O fútbol, como calquera deporte, debería ser un lugar de compañeirismo, respecto e traballo en equipo. Ninguén debería sentir medo por ser quen é.
Na biblioteca seguimos lendo para comprender mellor o mundo… e tamén para cambialo!
Se queres profundizar un pouco máis neste tema, queda por aquí a presentación que empregamos na Hora de Ler.
Ningún comentario:
Publicar un comentario