venres, 27 de febreiro de 2026

19 DE FEBREIRO: DÍA CONTRA A HOMOFOBIA NO FÚTBOL

 Esta semana, na nosa Hora de Ler, achegámonos a unha realidade que moitas veces permanece silenciada: a homofobia no fútbol.

Cada 19 de febreiro conmemórase esta data en lembranza de Justin Fashanu, o primeiro futbolista profesional que fixo pública a súa homosexualidade, en 1990. Nun contexto marcado polos prexuízos e por unha idea ríxida da masculinidade, o seu xesto foi valente… pero tamén tivo consecuencias moi duras. A presión mediática, as burlas e o rexeitamento afectaron profundamente á súa vida e á súa carreira.

Máis de trinta anos despois, a situación mellorou, pero non desapareceu. Informes recentes seguen sinalando que os espazos deportivos son escenarios frecuentes de insultos, ameazas e discriminación cara ao colectivo LGTBIQ+. Xogadores e xogadoras reciben ataques nas bancadas e, cada vez máis, nas redes sociais.

O caso de Josh Cavallo, que en 2021 anunciou publicamente que é gay mentres xogaba en primeira división, demostra que aínda hoxe é necesario moito apoio e valentía para dar ese paso.

Tamén falamos do chamado pinkwashing: cando institucións ou clubs lanzan mensaxes a favor da diversidade, pero non aplican medidas reais contra a discriminación. Por sorte, existen clubs e asociacións que traballan activamente por un deporte máis inclusivo, como Panteres Grogues ou GMadrid Sports, que promoven espazos seguros, respectuosos e libres de prexuízos.

O fútbol, como calquera deporte, debería ser un lugar de compañeirismo, respecto e traballo en equipo. Ninguén debería sentir medo por ser quen é.

Na biblioteca seguimos lendo para comprender mellor o mundo… e tamén para cambialo!

Se queres profundizar un pouco máis neste tema, queda por aquí a presentación que empregamos na Hora de Ler.

venres, 13 de febreiro de 2026

GIRLS AND WOMEN IN SCIENCE!

Está claro que esta efeméride do Día Internacional da Muller de da Nena na Cienca inspirounos profundamente e o seu espírito mesmo encheu os corredores do Cidade de Antioquía. 

O alumnado, guiado polas profes do Departamento de Inglés, deseñou unha exposición ben chula que tivo por protagonistas a varias científicas do mundo anglosaxón. Aquí vos deixamos unha mostra fotográfica, nin se vos ocorra perdela!


    






















REFERENTES GALEGAS NA CIENCIA: PÚBLICAS E PRIVADAS


Desta volta, na nosa Hora de Ler, reflexionamos sobre o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha data proclamada pola Organización das Nacións Unidas en 2016 para visibilizar o papel das mulleres na ciencia e fomentar vocacións científicas entre as máis novas.

Chamounos a atención un dato: nas universidades galegas hai máis alumnas ca alumnos (case un 57 %), pero nas enxeñarías os rapaces representan arredor do 70 %. Isto lévanos a preguntarnos: por que segue existindo esta diferenza en determinadas carreiras STEM?

Un dos obxectivos desta xornada é crear referentes. E en Galicia témolos, e moi destacados:

  • Ángeles Alvariño, oceanógrafa ferrolá que descubriu 21 novas especies mariñas e foi pioneira en expedicións científicas internacionais.

  • Begoña Vila, astrofísica viguesa que traballa no telescopio espacial James Webb Space Telescope da NASA.

  • Ángela Ruiz Robles, inventora da Enciclopedia Mecánica, considerada un antecedente do libro electrónico.

  • María Wonenburger, matemática galega referente internacional na teoría de grupos.

Pero tamén falamos das nosas referentes máis próximas: as profesoras de Matemáticas, Física e Química, Bioloxía, Tecnoloxía… Mulleres que cada día nos amosan que a ciencia tamén é territorio feminino.



mércores, 11 de febreiro de 2026

BIBLIO DISFRAZADA E OBRADOIRO DE PANTALLAS

Estamos na semana previa a unha das citas máis importantes de Xinzo: os días grandes do seu Entroido!

Ben sabemos o importantísimo que é lucir as nosas mellores galas nestas datas, así que a biblio tamén quixo poñerse á altura e xa se disfrazou para a ocasión, vestindo os seus andeis con novas lecturas recomendadas. Pasa a botarlles un ollo… seguro que atopas algunha que che encha o ollo!


Ademais, desde onte martes, nos recreos, a profe Rosalía ten montado un obradoiro na propia biblio para que todo o alumnado que o desexe poida crear a súa propia máscara de pantalla.

Isto xa cheira a Entroido!

Anímate e ven participar!

luns, 9 de febreiro de 2026

ARRANCA O ENTROIDO COS MANDAMENTOS DO MECO

Non te despistes, porque esta semana o Meco é quen manda! Presta moita atención ás súas ordes ao longo da semana…

Hoxe tocaba representar un país coa nosa vestimenta, e nos corredores do Antioquía puidemos gozar dunha auténtica viaxe polo mundo: veciños franceses, algún que outro mexicano e incluso un garda do mismísimo Buckingham Palace, directamente desde UK!

Xa estamos desexando vervos mañá cos vosos mandísDa cociña á pasarela!

Aquí debaixo quedan os mandamentos do Meco para o resto da semana.
Preparádevos… que isto acaba de comezar! 

venres, 6 de febreiro de 2026

Καλή Παγκόσμια Ημέρα Ελληνικής Γλώσσας

 Este mércores, na nosa sesión da Hora de Ler, achegámonos á lingua grega a través da lectura dun texto elaborado con motivo do 9 de febreiro, Día Internacional da Lingua Grega.

Ao longo da actividade descubrimos que o grego é unha lingua con máis de 3.500 anos de historia, clave no desenvolvemento da literatura, da ciencia e da filosofía occidentais. Desde Homero ata Platón e Aristóteles, o grego antigo foi o vehículo para expresar ideas que aínda hoxe seguen moi presentes na nosa cultura.

Falamos tamén da importancia do alfabeto grego, precursor do alfabeto latino que utilizamos na actualidade, e da orixe da palabra alfabeto, formada a partir de alfa e beta. Ademais, reflexionamos sobre a enorme influencia do grego no vocabulario científico e filosófico, con termos tan cotiáns como democracia, historia, bioloxía ou astronomía.

A sesión resultou especialmente atractiva cando vimos exemplos da presenza da mitoloxía grega na cultura actual, como na serie Os Cabaleiros do Zodíaco, que retoma deuses, heroes e constelacións da Grecia clásica para crear historias épicas coñecidas por moitas xeracións.

Con esta Hora de Ler non só celebramos unha data sinalada, senón que tamén comprendemos mellor ata que punto a lingua grega segue viva na nosa maneira de falar, pensar e entender o mundo.

mércores, 4 de febreiro de 2026

HOXE NENAS, MAÑÁ MULLERES NA CIENCIA



O vindeiro mércores, 11 de febreiro, celebraremos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Esta data foi proclamada pola Organización das Nacións Unidas no ano 2015 e ten como obxectivo dar a coñecer o traballo das mulleres que se dedican ás áreas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).

Ao visibilizar estes referentes femininos, preténdese fomentar que as nenas e as adolescentes escollan estas carreiras profesionais de maneira libre e convencida, seguindo o exemplo de grandes científicas que abriron camiño nestes ámbitos tradicionalmente masculinizados.

No IES Cidade de Antioquía xa sacamos as batas e as probetas. As nosas rapazas de 1.º de Bacharelato, guiadas pola profe Mar, estiveron esta semana no laboratorio para desenvolver un experimento ben interesante. Xuntas conseguiron producir a chamada “chuvia de ouro”, unha vistosa precipitación de cor amarela que se produce ao combinar ioduro de potasio e nitrato de chumbo, ambos disoltos en auga.


Actividades coma esta lembran a importancia de achegar a ciencia ás aulas desde unha perspectiva igualitaria e de animar ás nosas alumnas a imaxinarse como futuras científicas, investigadoras ou enxeñeiras.