Ás veces pensamos que os grandes inventos, as innovacións que mudan o mundo, teñen, pola forza, que vir sempre de fóra. Nada máis lonxe da realidade. A exposición que prepararon as profes de Ciencias no vestíbulo do insti demostra, a golpe de exemplo, que Galicia leva moitos anos, e continúa hoxe, inventando.
Ti sabías que todas esas tardes que botaches xogando ao fubolín coas colegas son posibles grazas a Alexandre de Fisterra? Ou que unha ferrolá, Ángela Ruíz Robles, foi pioneira na creación do primeiro libro electrónico? Ou que xa non hai que facer todas as contas a man porque un enxeñeiro da Estrada inventou a primeira calculadora mecánica?
Pásate pola mostra, porque te esperan máis sorpresas sobre inventos que, moi probablemente, non sabías que eran galegos. E quen sabe… se cadra atopas inspiración para ser ti a seguinte mente inventora de Galicia!
Outra cousa que tamén poderás ver é o chulas que quedaron as maquetas das células vexetal e animal que fixo a rapazada de 1º da ESO. Que artistas!
En definitiva, unha boa ocasión para descubrir, admirar e celebrar a ciencia feita na nosa lingua. Porque innovar tamén se escribe,e se imaxina, en galego.




Ningún comentario:
Publicar un comentario