venres, 28 de novembro de 2025

XA É NADAL NO CIDADE DE ANTIOQUÍA! TODO LISTO PARA O V MERCADIÑO DE LIBROS SOLIDARIO


O Nadal chega ao IES Cidade de Antioquía pola porta grande! E, sobre todo, chega pensando en
facilitarvos a vida. ¿Non sabes que regalar nestas festas? Tranqui, que xa o decidimos nós por ti: un libro!

O vindeiro luns 1 de decembro arranca, no vestíbulo do noso IES, o xa tradicional Mercadiño de Libros Solidario de Nadal, que celebra este ano a súa quinta edición. Como sempre, os fondos recadados coas vendas irán destinados ao Banco de Alimentos de Ourense.

Con prezos de 1 e 2 euros, atoparedes auténticas gangas ás que non vos poderedes resistir, diso estamos segurísimas. Un agasallo para a familia, para as amizades… ou un autoregalo, que sempre vén ben!

Animádevos: o mercadiño funcionará ata o 9 de decembro!

Un pequeno xesto pode iluminar moitas mesas neste Nadal.




xoves, 27 de novembro de 2025

UNHA LECTURA PARA NON ESQUECER: O PADROADO DE PROTECCIÓN Á MULLER


Este venres 28, na Hora de Ler, dedicamos a sesión a coñecer un dos episodios máis duros e silenciados da historia recente de España: o Padroado de Protección á Muller, unha institución franquista que funcionou entre 1941 e 1984 e que actuou como un auténtico mecanismo de represión moral, social e política contra miles de mulleres.

A lectura guiounos polas estrictas normas do franquismo e polo modelo de “muller ideal” que o réxime pretendía impoñer: sumisa, abnegada, dedicada ao fogar e sempre baixo a sombra da moral católica. Calquera comportamento que se afastase dese patrón —chegar tarde, saír de noite, levar saia curta, non ir a misa, ter relacións prematrimoniais ou simplemente mostrar independencia— podía ser castigado.

Tamén coñecimos quen eran consideradas “mulleres caídas”, moitas veces rapazas moi novas, de 16 a 25 anos, denunciadas por veciños, familiares ou mestres. Sen xuízo nin defensa posible, eran enviadas a centros dirixidos por distintas congregacións relixiosas, onde a vida se baseaba en sufrimento, oración e traballo.

Coñecemos ademais testemuños das propias superviventes, que axudan a reconstruír a memoria dunha realidade que durante décadas permaneceu agochada.

Para rematar, abrimos un pequeno debate na aula sobre a institución, a idea actual de “muller ideal” e o que lles diríamos hoxe ás mulleres que pasaron por esta experiencia. As reflexións foron profundas e sensibles: unha mostra de que comprender o pasado é imprescindible para seguir avanzando.

Unha lectura dura, necesaria e moi enriquecedora na nosa Hora de Ler.


mércores, 26 de novembro de 2025

UNHA ANÁLISE DO CICLO DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES EN "EL MAL QUERER DE ROSALÍA"


O alumnado de 4º da ESO de Filosofía elaborou, xunto coa súa profesora Anaís, unha interesante análise sobre o ciclo da violencia contra a muller empregando como base o coñecido disco El mal querer, publicado pola cantante catalana Rosalía en 2018.

O resultado deste estudo pormenorizado das letras das diferentes cancións, que representan as distintas fases do ciclo: Calma, Tensión, Explosión, Lúa de mel e Saída, está exposto no corredor do primeiro andar do instituto.

Trátase dunha actividade que este grupo levou máis alá da aula coincidindo coa semana do 25N, para que toda a comunidade educativa poida aprender, reflexionar e concienciarse sobre un fenómeno do que, dalgún modo, todos podemos chegar a formar parte nalgún momento das nosas vidas: como vítimas, como agresores ou como testemuñas.


Porque só coñecendo a realidade seremos quen de transformala.  


luns, 24 de novembro de 2025

CONMEMORAMOS A MÚSICA CON ANÉCDOTAS SORPRENDENTES


O xoves 20 de novembro, adiantándonos á celebración do Día da Música (22 de novembro), o alumnado do noso IES gozou dunha lectura chea de curiosidades, anécdotas rechamantes e datos sorprendentes sobre artistas, cancións e momentos históricos do mundo musical.

Descubrimos, por exemplo, que os Beatles agocharon un asubío ultrasónico no final de A Day in the Life que só escoitan os cans, que o órgano máis grande do mundo está en Atlantic City e ten máis de 33.000 tubos, ou que a canción Billie Jean de Michael Jackson foi o primeiro vídeo dun artista negro emitido por MTV.

Tamén houbo espazo para historias humanas e emocionantes: como a amizade entre Marilyn Monroe e Ella Fitzgerald, grazas á cal a cantante puido actuar nun local no que, por cuestións raciais, non a deixaban entrar; ou a forza e o optimismo de Freddie Mercury, que deu sentido á icónica The Show Must Go On mesmo nos seus últimos días.

Rimos coa extravagancia de anécdotas como a de Franz Lizt, que enviaba rizos do pelo… aínda que en realidade eran do seu can, ou coa de Axl Rose, contratado para fumar cigarros nun experimento científico. E sorprendéronnos datos como que o instrumento máis vendido da historia é a harmónica, ou que Prince tocaba 27 instrumentos no seu primeiro álbum.

Para rematar, abrimos un pequeno debate musical:

  • Que anécdota foi a máis sorprendente?
  • Coñeciamos a todos os artistas mencionados?
  • Cal é o noso cantante ou banda favorita?

Foi unha sesión divertida, variada e moi participativa, perfecta para celebrar que a música nos acompaña, nos emociona e nos conecta.

O Día da Música continúa na BiblioAntioquía!



sábado, 22 de novembro de 2025

CELEBRAMOS O DÍA INTERNACIONAL DA MÚSICA CUNHA VIAXE SONORA E LINGÜÍSTICA!





Hoxe celebramos o Día Internacional da Música, e dende a BiblioAntioquía queremos propoñervos unha viaxe sonora e lingüística que parte dun traballo moi especial: o álbum LUX de Rosalía. Neste proxecto, a artista non só experimenta con xeracións musicais senón que se lanza a cantar en múltiplos idiomas para acadar conexións máis profundas e universais.




Porque os idiomas importan
A lingua —o idioma— é moito máis que un mero instrumento de vocabulario: é ponte, identidade, cultura, e forma de expresarmos quen somos e como vemos o mundo.
Cando Rosalía canta en catalán, castelán, árabe, xaponés, alemán, latín, siciliano, ucraniano, inglés, entre outros, está a abrir fiestras cara a diferentes mundos e posibilidades.

Para nós, como estudantes e cidadáns do mundo, isto significa que aprender e usar linguas é chave: para comunicarnos mellor, para entender mellor, para respectar e valorar a diversidade.
No blog da nosa biblioteca – o espazo onde promovemos lectura, cultura, aprendizaxe e lingua – vemos con frecuencia como diferentes linguas, arte e música son ferramentas de dinamización e enriquecemento.

Neste día da música propoño que o celebremos entendendo que música + linguaxe =encontro. O álbum LUX é un exemplo de que non hai barreiras intrínsecas se se aposta polo rigor, a aprendizaxe e o respecto: aí está o éxito artístico.

Hoxe invítámosvos a escoitar!, sentir, meditar sobre as linguas que aparecen e preguntámonos: que linguaxe estou usando eu na miña vida para comunicarme cos amigos, a familia, no traballo? E se cambiamos ou ampliamos ese idioma —literal ou simbólicamente— que novas conexións poderiamos construír?

Feliz día da música.


“MEMÓRIA” – ROSALÍA, CARMINHO (2025)


Ainda te lembras de mim?
Ainda sabes de onde eu vim?
Quem sou esta que aqui estou?
Diz-me no meu olhar triste
Que alguma memória existe
E ainda sabes quem sou
Diz-me se ainda tropeço
Se me alegro se agradeço
Ou se ainda sei cantar
Recorda-me por favor
Alguma coisa o que for que eu não consigo
Lembrar
Vem comigo pla cidade
Diz-me com sinceridade
Se tu te lembras de mim
Onde cresci e amei
Com quem vivi e me dei
Ou se a algo eu pus fim
Será que tu me conheces
Que o tempo passa e não esqueces
Quem eu fui e sou em fim
Oh meu doce coração
Diz-me se sabes ou não
Ainda te lembras de mim?
Siempre que me acuerdo de algo
Siempre lo recuerdo un poco diferente
Y sea como sea ese recuerdo
Siempre es verdad en mi mente
Y si mi alma se derrama
Y la falta de pasado es el olvido
Cuando muera solo pido
No olvidar lo que he vivido
Será que tu me conheces
Que o tempo passa e não esqueces
Quem eu fui e sou em fim
Oh meu doce coração
Diz-me se sabes ou não
Ainda te lembras de mim?



mércores, 19 de novembro de 2025

25N: NOMES QUE NON DEBERIAMOS TER QUE ESCRIBIR


Co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que reinvidicaremos o vindeiro 25 de novembro, o alumnado participou nunha actividade de sensibilización impulsada pola profe Susana, do departamento de Xeografía e Historia.

Cada estudante recortou unha pequena lápida simbólica na que escribiu o nome e a idade dunha das mulleres asasinadas este ano: 37. Estas pezas foron colocadas na cristaleira da entrada, formando un mural que chama á reflexión: detrás de cada nome hai unha vida interrompida e unha historia que non debería repetirse nunca máis.

O resultado é unha instalación que impacta e conmove, e que lembra ao alumnado e á comunidade educativa que a violencia contra as mulleres é unha realidade que debemos combater desde a educación.




Querémonos vivas!

venres, 14 de novembro de 2025

INVENTOS Á GALEGA: CELEBRAMOS NOVEMBRO, O MES DA CIENCIA NA NOSA LINGUA


Ás veces pensamos que os grandes inventos, as innovacións que mudan o mundo, teñen, pola forza, que vir sempre de fóra. Nada máis lonxe da realidade. A exposición que prepararon as profes de Ciencias no vestíbulo do insti demostra, a golpe de exemplo, que Galicia leva moitos anos, e continúa hoxe, inventando.


Ti sabías que todas esas tardes que botaches xogando ao fubolín coas colegas son posibles grazas a Alexandre de Fisterra? Ou que unha ferrolá, Ángela Ruíz Robles, foi pioneira na creación do primeiro libro electrónico? Ou que xa non hai que facer todas as contas a man porque un enxeñeiro da Estrada inventou a primeira calculadora mecánica?

Pásate pola mostra, porque te esperan máis sorpresas sobre inventos que, moi probablemente, non sabías que eran galegos. E quen sabe… se cadra atopas inspiración para ser ti a seguinte mente inventora de Galicia!

Outra cousa que tamén poderás ver é o chulas que quedaron as maquetas das células vexetal e animal que fixo a rapazada de 1º da ESO. Que artistas!



En definitiva, unha boa ocasión para descubrir, admirar e celebrar a ciencia feita na nosa lingua. Porque innovar tamén se escribe,e se imaxina, en galego.


martes, 11 de novembro de 2025

DÍA MUNDIAL SEN WIFI: UNHA LECTURA PARA DESCONECTAR

O pasado venres, o alumnado do noso IES participou nunha lectura moi especial con motivo do Día Mundial sen Wifi, que se celebra o 8 de novembro. A actividade serviu para reflexionar sobre o uso excesivo da tecnoloxía e a importancia de atopar un equilibrio entre a vida dixital e a real.

Durante esta sesión da Hora de ler, descubrimos a orixe desta efeméride, promovida pola Federación Ambientalista Internacional no ano 2016, e comentamos curiosidades sobre o wifi: desde a súa etimoloxía ata a súa sorprendente relación coa actriz e inventora Hedy Lamarr, ou o desenvolvemento das tecnoloxías sen fíos.

A lectura tamén deu pé a un debate moi interesante:
  • Que actividades podemos facer sen wifi?
  • Seríamos capaces de pasar un día enteiro sen conexión?
  • Canto tempo dedicamos ás redes sociais?

As respostas foron diversas, pero todas amosaron unha gran capacidade crítica e unha vontade de desconectar un pouco máis para volver conectar co mundo real.

Unhas reflexións moi enriquecedoras que nos recordan que, ás veces, o mellor sinal é o que se atopa fóra das pantallas.

xoves, 6 de novembro de 2025

SAMAÍN DE MEDO... E DE PREMIO! CELEBRAMOS O TALENTO DO NOSO ALUMNADO



Este Samaín, a nosa biblioteca encheuse de maxia, medo e moita creatividade. Queremos felicitar a todo o alumnado que participou nos distintos concursos! As vosas fotos, relatos e disfraces demostraron que o espírito do Samaín está moi vivo no noso instituto.
Aquí tedes a listaxe de gañadores e gañadoras:
  • Concurso de Fotografía: “Spooky Pictures”
    • 1º Premio: Exorcismo

    • 2º Premio: The nun of the forgotten

    • 3º Premio: Tras las sombras


  • Concurso de Disfraces: Pasarela de pesadelo
    • 1º Premio:  Aldara Palomares García (2º ESO B) e Noa Martínez Castuera (3º ESO A)

 

    • 2º Premio: Noa González Vázquez e Antía Rodríguez Cerredelo (1ºESO B)

  • Concurso de Microrrelatos de Medo
    • 1º Premio: Cindy Novoa Chaparro (4º ESO C)
    • 2º Premio: José Manuel González Ramírez  (4º ESO C)
    • 3º Premio: Mario Hurtado Rolán (2º Xestión Forestal)
  • Decoración de Portas Teroríficas
    • Clase gañadora: 1º ESO C


A entrega de premios terá lugar mañá, venres 7 de novembro na Biblio, durante o recreo.
Parabéns a todas e todos polos vosos traballos e por facer que o Samaín sexa unha celebración chea de talento, humor e terror!

luns, 3 de novembro de 2025

"AO PÉ DA LETRA" VERSIÓN MINI: XA SE REUNIU O CLUB DE LECTURA DOS PEQUENOS!


Hai xa case un par de semanas que se reuniu por primeira vez o club de lectura que xunta aos membros máis novos da comunidade educativa do noso IES. Unha versión de "Ao pé da letra" que está conformado, principalmente, por alumnado de primeiro da ESO e co que nesta primeira sesión, pois empezouse polo principio. 

Lembramos ou aprendimos que é iso dun club de lectura e tamén tivemos oportunidade de facer valer a nosa opinión: primeiro, a man alzada, votando os nosos xéneros e formatos favoritos; e despois, dunha maneira máis ordeada, cubrindo un cuestionario coas nosas preferencias lectoras. 

Con todos os datos recollidos, as profes Tania e María elaborarán unha lista de libros que levarán á próxima reunión para escoller, entre todas e todos, o primeiro título que imos ler! Cal será? Que emoción!!! 

Moi pronto na BiblioAntioquía...