Na nosa Hora de Ler desta semana, que volveu caer en luns, lemos sobre unha data importantísima que, en realidade, se conmemora hoxe, 11 de outubro: o Día Internacional da Nena.
Nunca antes na historia da humanidade houbo tantos adolescentes no planeta: máis de 600 millóns. E, a pesar de todos os avances conseguidos, nacer nena segue a determinar, en boa parte do mundo, o acceso á educación, a idade do matrimonio ou o dereito a decidir sobre o propio corpo. Por iso é necesario visibilizar as desigualdades que sofren as nenas e defender os seus dereitos.
No noso mundo actual, mesmo hoxe, nacer con cromosomas XX segue condicionando as posibilidades de ir ou non á escola ou a idade á que unha nena pode casar. É dicir, nacer nena aumenta as posibilidades de non poder estudar, ter que traballar antes de tempo e sen remuneración, verse obrigada a casar antes dos 18 anos ou converterse en nai durante a adolescencia.
Precisamente, a primeira edición deste Día Internacional, celebrada en 2012, centrouse en poñer fin ao matrimonio infantil. Esta práctica supón un punto e á parte na vida de moitas nenas, que deben abandonar de forma abrupta e cruel a infancia para asumir responsabilidades e roles nada axeitados á súa idade.
Pero, se algo aprendemos neste noso tempo de lecturas, é que sempre hai esperanza, mesmo para as causas máis inxustas ás que nos enfrontamos. Neste caso, a solución pode non parecer revolucionaria, pero no fondo si que o é: a escola. Permanecer o maior tempo posible nas aulas, aprendendo, pode cambiar radicalmente a vida das nenas. A educación abre portas, amplía as oportunidades e axuda a romper o ciclo da pobreza.
Ademais, tamén entendemos que podemos facer moito para contribuír a mellorar a situación das nenas. Podemos falar coas que viven na nosa contorna para escoitar os seus problemas e lembrarlles que as súas posibilidades non teñen límites; animalas a explorar as súas vocacións científicas e tecnolóxicas; cuestionar os estereotipos de xénero e denunciar calquera situación de violencia contra elas.
Porque todas as nenas teñen dereito a medrar, aprender, soñar e decidir sobre o seu futuro. E porque ser unha nena nunca debería determinar ata onde se pode chegar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario