Moi feliz 2026 de parte da BiblioAntioquía para toda a comunidade educativa do Cidade. Regresamos ás aulas coas baterías cargadas despois da pausa das vacacións de Nadal. Seguro que moitas e moitos de vós aproveitastes estes días para poñervos ao día coas vosas lecturas!
Antes de poñernos "a tope" con todo o que traemos preparado para este novo ano, imos botar unha olladiña a unha das últimas actividades celebradas na biblio antes de marcharmos ao noso máis ca merecido descanso: a reunión do club de lectura “Ao pé da letra” do alumnado de 1º da ESO. O último xoves lectivo de decembro xuntámonos para comentar o primeiro libro que lemos este curso: "Matilda".
Animados por un pouco de chocolate e algunhas chuches, o alumnado participante puxo en común a súa experiencia lectora arredor desta fantástica obra de Roald Dahl. Resumimos en tres palabras o noso episodio favorito, unimos algunhas citas célebres coas personaxes que as pronunciaron, debatimos sobre aspectos destacados da novela —como cal lles pareceu o adulto máis inxusto dos que aparecen— e mesmo ideamos algún final alternativo para a Trunchbull. Unha sesión ben aproveitadiña!
Vémonos na próxima!

Ningún comentario:
Publicar un comentario