mércores, 29 de novembro de 2023

O NOSO PROXECTO SOLIDARIO

 Un ano máis, e xa van tres, organizamos a nosa feira solidaria do libro de segunda man. De novo, este curso, eleximos como destinataria unha obra social de proximidade e repetimos co Banco de Alimentos de Ourense, que fai unha labor impagable nos tempos que corren.

Polo noso posto de libros atoparás todo tipo de literatura: infantil, xuvenil, misterio, historia, ciencia ficción, novela romántica, entre outros xéneros, pero tamén cine, non ficción e outras pequenas sorpresas... A procedencia dos libros é variada. Baséase en doazóns privadas, en compras en webs solidarias, neste caso, Libros Melior, en intercambios con outras bibliotecas, coma neste caso a Biblioteca Municipal de Celanova, que cambia libros por kilos,...  Tamén compramos na librería ourensá Re-Read, que adoitan agasallarnos coas súas recomendacións para o alumnado, pero tamén con algún libro extra.

Con este proxecto favorecemos a limpeza dos andeis das casas da nosa comunidade educativa, para facerlle oco ás novidades, contribuímos a darlle unha segunda vida áos libros, ofrecemos cultura a prezos atractivos e, sobre todo, favorecemos a educación en valores, especialmente, a solidariddade.

E non podemos pechar esta entrada sen citar a Ana Belén Figueira, profe de Inglés, colabora incansable na dinamización da BiblioAntioquía e principal responsable de que esta proposta creza ano a ano. Grazas pola implicación persoal, polas horas extra, pola labor de investigación sobre os gustos literarios da comunidade educativa e polos bos intres que pasamos contigo no recreo véndote vender area no deserto.

Aínda queda moito por ver. Agardámoste na porta da biblio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario