venres, 18 de decembro de 2020

En tinta negra. Premio do I Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual

En tinta negra
—Completa as seguintes oracións empregando a forma correcta de “ca”, “cá” ou “que a”.
A voz da profesora de galego escóitase con claridade en toda a aula. Retiro a tapa do meu bolígrafo azul e escribo o número do exercicio nunha esquina do caderno, trazando un círculo ao seu redor.
—Xiana, por favor, le o primeiro apartado e complétao ti xa.
Cando escoito o meu nome escorrerse entre os seus beizos, aclaro a gorxa para falar e busco coa ollada o texto que teño que ler. Collo aire e pronuncio as palabras que veñen escritas en tinta negra no libro de texto de primeiro de bacharelato.
—A moza de Laura é máis alta ca ela.
A mestra indícame que a resolución do exercicio é correcta e avanza coa seguinte oración, pero eu quedo parada mentres as súas palabras se esvaecen nos meus oídos.
Volvo recorrer coa mirada a liña que acabo de ler en voz alta. Repásoa unha e outra vez, co temor de que nesta ocasión as letras cambiasen de posición. Pero seguen aí. Exactamente iguais. A moza de Laura. Non podo evitar que se me escape un sorriso. Porque está escrito. Por primeira vez está escrito no meu libro do instituto. Acaricio suavemente a banda de tea de cores que descansa arredor do meu pulso e volvo prestar atención á clase, aínda saboreando na punta da lingua a sensación de que cada vez chegamos máis lonxe.

Alma Alonso

I Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual 
Xov, 24/09/2020 - 10:39 
logo

O xornal Nós Diario, en colaboración coas asociacións Arelas, Avante LGTBI+ Lugo e Sete Outeiros, e mais a Rede Museística Provincial de Lugo, convocan o I Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual. Poderán cursos todas as persoas maiores de idade e as persoas menores de idade con autorización expresa de quen posúa a súa custodia legal.

Pódense consultar aquí as bases da convocatoria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario