luns, 26 de maio de 2025

OBRADOIRO DE TEATRO

O alumnado de 1º ESO creou uns artesanais fanzines sobre o xénero teatral. Neles non só recolleu artisticamente a definición de teatro, as características e os principais subxéneros teatrais, senón que tamén anotou títulos de obras de teatro cos/as autores/as, fragmentos de obras teatrais e incluso breves escenas teatrais da súa propia autoría.

Como colofón ao estudo do teatro e á realización desta tarefa asistiu a un obradoiro teatral da man de Manuel Fontemoura, profe, autor, adaptador, director e demais de Teatro Aneis. Grazas a este obradoiro, os alumnos e as alumnas convertéronse en dramaturgos/as, actores e actrices, encargados/as de atrezo, técnicos/as de iluminación e de son...   pasando así por todos os labores do oficio teatral dende a creación do texto ata a súa posta en escena. E, por suposto, lles ofreceu unha visión nova para a lectura do teatro, con agarimos, coma se fose unha novela.







luns, 19 de maio de 2025

CAIXAS MISTERIOSAS

Unha das actividades que relacionamos habitualmente coa lectura é o deseño das caixas misteriosas, unha iniciativa na que o alumnado pon en marchas as súas aprendizaxes para crear traballos multidisciplinares moi atractivos nos que lucir as súas competencias. No novo espazo de exposición da BiblioAntioquía poderedes ver unha mostra do logros acadados. Merece a pena!



E as grazas a nosa Marta de Castelán que fixo posible esta exposición..

xoves, 24 de abril de 2025

REINTERPRETANDO A LITERATURA

Libros retitulados, cartaces teatrais e unhas grandes doses de creatividade para esta semana tan importante que lles adicamos ás letras.










mércores, 23 de abril de 2025

SHAKESPEARE VERSUS CERVANTES

A historia deste día remóntase a principios do século XX. 

En 1926, o rei Afonso XIII firmou un Real Decreto polo que se establecía o día 7 de outubro coma data para a conmemoración do día do libro, O motivo? Era o día que nacera Cervantes. Porén, a festividade durou uns catroanos, pois todo o que rodea a Cervantes móvese entre interrogantes, dúbidas e polémicas, e a súa data de nacemento no ía ser menos. Estes feitos unido a que a conmemoración era ao aire libre, prestábase máis a primavera que o outono. Así foi como en 1930, trasladouse a celebración ao 23 de abril de forma definitiva. Tamén había motivo para esta data: o pasamento (máis ben, enterro) de Cervantes.

Xa en 1995, o goberno español propuxo converter esta data en internacional, aprobándose ese mesmo ano. Argumentos non faltaron: coincidía aí tamén o pasamento de Shakespeare e do Inca Garcilaso de la Vega.

Anos máis tarde, a UNESCO estableceu que cada ano se elixiría unha cidade como Capital do Mundo. A Madrid tocoulle en 2001; a Río de Janeiro, en 2025; e en 2026 tocaralle a Rabat.

E que mellor ocasión ca esta para investigar sobre dous grandes autores:


UNHA NOVIDADE E UN CLÁSICO

Hoxe, 23 de abril, a BiblioAntioquía está de festa! O libro é o protagonista. Este ano, contamos cunha novidade: unha pequena exposición de libros que forman parte dos nosos fondos e que, nalgún momento da historia e nalgún lugar do mundo, foron prohibidos: 



Enunha data coma esta non pode faltar un clásico: o pasapalabra do día do libro. Ata o 30 de abril, todos e cada un dos que formades parte da comunidade educativa do noso IES podedes depositar a vosa tarxeta de participación no bozón.


martes, 15 de abril de 2025

DÍA INTERNACIONAL DO ARTE

Nun curso non que nos propuxemos unir a biblioteca con outras manifestacións artísticas, non podían faltar as artes plásticas. E se engadimos que un dos eixos da biblioteca é reivindicar a igualdade, aproveitamos este 15 de abril; Día internacional do Arte, para resaltar as figuras femininas que moitas veces son esquecidas pola historia.






venres, 21 de marzo de 2025

PRIMAVERA EN VERSO

 Chegamos á primavera mergullados en versos, entre páxinas que falan de nova formas, de novas voces para o século XXI.

Feliz Día da poesía!

venres, 7 de marzo de 2025

AS MULLERES DO NOSO CENTRO


Nos últimos cursos, os 8 de marzo nos centros educativos veñen acompañados de folgas de alumnado que deixan os centros baixo mínimos, polo que as actividades que se organizan teñen público limitado. Aínda así, non podiamos faltar nesta data a unha homenaxe ás mulleres. desta vez, centrámonos nas mulleres do noso día a día, nas profes, e aproveitamos para facer unha mesa redonda nas que algunhas delas nos contaron as súas experiencias no mundo laboral.

As protagonistas foron Tania González, que aparte de dar clases particulares e traballar nalgunha academia, foi maquilladora dunha coñecida firma; tamén interviu Ana Belén Figueira, que recentemente se graduou en Educación Social, foi au-pair en Alemaña, opositou á unión europea en londres e traballou nunha pizarreira e como axudante de mago durante tres intensos días, percorrendo os pobos da Castela vaciada en furgoneta; Celsa Gómez contounos a súa aventura coma monitora de campamentos ou os seus vínculos matemáticos coa universidade; Eva Calvero falounos da súa labor como animadora deportiva e do seu vínculo continuo co deporte, conciliando unha numerosísima familia, estudos, oposicións e demais obligacións cotiás; e Susanne foi a que nos sorprendeu coa súa ampla experiencia laboral: traballou en París en Le Fígaro, foi comminity manager, monitora de obradoiros do máis diverso, e actualmente compatibiliza o seu traballo como porfe cun negocio de turismo rural na Ribeira Sacra.

De todo esto sacamos unha ensinanza que Susanne resumiu en dúas frases: "Máis vale tarde que nunca" e "Aprendizaxe de por vida".




luns, 24 de febreiro de 2025

ROSALÍA 360º


Coñecemos dabondo a figura de Rosalía, así que este ano centrámonos na súa repercursión a todos os niveis e organizamos unha pequena exposición na que conxugamos diferentes elementos nos que nos atopamos con ela: rúas, centro educativos, axendas, camisetas,...; pero tamén, caricaturas, cómics, cine,... 
Aprendemos que se algo caracteriza a esta muller é a transversalidade, por eso a definimos coma Rosalía 360º.






Aproveitamos tamén para difundir tamén algúns dos seus poemas polos corredores do instituto, nas portas das clases.




venres, 21 de febreiro de 2025

XINZO-BURELA 2025

O Departamento de Lingua e literatura Galega está a organizar unha convivencia-intercambio co instituto de Burela. Como nós tamén somos de Entroido, estamos preparando, en coordinación cos Polos Creativos, un pequeno agasallo que servirá de recordo:




mércores, 12 de febreiro de 2025

O GREGO E A CIENCIA

Co gallo da muller e a nena na ciencia, o alumnado de Grego preparou esta exposición na que dan boa conta de que as linguas clásicas, neste caso o grego, e as ciencias camiñan inevitablemente da man.




martes, 11 de febreiro de 2025

MULLERES DE CIENCIAS

 A BiblioAntioquía e os Polos Creativos colaboraron este ano na conmemoración do Día da Muller e a Nena na Ciencia que organizou Celsa, do Departamento de Matemáticas. Previa convocatoria dun concurso para deseñar unha imaxe conmemorativa, procedeuse a inmortalizar a obra nunha chapa que se agasallou ao alumnado que participiou no concurso. 

Custounos collerlle o truquiño á máquina, pero todo apunta a que esto vai ser só o principio. Esto das chapas gusta... e moito!

luns, 10 de febreiro de 2025

ENTROIDO EN GALICIA

 O alumnado do IES Cidade de Antioquía celebra o Entroido fóra e dentro das aulas; así os/as estudantes de Oratoria, partindo de Xinzo de Limia, realizaron unha particular viaxe por algúns dos entroidos da provincia de Ourense con pequenas incursións en diferentes lugares das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, onde tamén saben festexar ben o Entroido.

Neste colorido percorrido coñeceron e dan a coñecer e recoñecer as máscaras destas aldeas, vilas e cidades galegas!

Pon a carauta e vén entroidar con eles/as!

Non están todos os que son, pero SON todos os que ESTÁN!

Viva a Pantalla!

Viva o Entroido!











SEGUINDO AS PISTAS

 O alumnado de 3º ESO C preparou este xogo de psitas sobre inventos de mulleres científicas. Sigue as pistas, e relaciona os inventos coas súas creadoras.

Tes toda esta semana para probar sorte.