mércores, 17 de decembro de 2025

A BIBLIO E O INSTI ENTEIRO TAMÉN SE VISTEN DE FESTA. XA É NADAL NO CIDADE DE ANTIOQUÍA!

Nestes días, a biblioteca e distintos espazos do centro enchéronse de luz, cor e creatividade grazas ao traballo colectivo de moitas mans e moita ilusión. A decoración deste curso non só embelece os corredores e a biblio, senón que reflicte algo moi importante: a implicación e o coidado da nosa comunidade educativa.

Queremos facer unha mención especial a algunhas profes moi mañosas, que puxeron o seu talento e a súa paciencia ao servizo da biblioteca, transformando ideas en decoracións cheas de encanto. Tamén ao alumnado de FP Básica, que elaborou unha árbore iluminada realmente chula, unha desas pezas que non pasan desapercibidas e que xa se converteu nun dos recunchos máis admirados do centro.


E, por suposto, grazas enormes ás alumnas voluntarias que viñeron nos recreos á biblio para axudar a elaborar decoracións. Co seu tempo, a súa enerxía e as súas ganas demostraron que a biblioteca é moito máis ca un lugar para ler: é un espazo de encontro, colaboración e creatividade compartida.


Ademais, o vestíbulo acolle estes días a exposición das postais de Nadal e paisaxes invernais participantes no concurso organizado polo departamento de Plástica, unha mostra chea de imaxinación e bo gusto que paga moito a pena visitar. Hoxe mesmo pechaba tamén o prazo de entrega dos relatos para o concurso literario de Nadal, polo que en breve poderemos gozar das historias creadas polo noso alumnado.


A todo isto súmanse outras iniciativas que enchen o centro de espírito festivo, como o concurso de decoración de aulas con materiais reciclados, que demostra que a creatividade tamén pode ir da man da sustentabilidade, e o calendario de advento de preguntas navideñas, que cada día nos convida a pensar, xogar e aprender dun xeito diferente.


Grazas a todas as persoas que colaboraron para facer posible este Nadal tan especial no centro. A biblio, unha vez máis, convértese nun lugar vivo, creativo e cheo de ilusión.



martes, 2 de decembro de 2025

NON QUEDES SEN OS TEUS LIBROS PREFES NIN SEN O AGASALLO PERFECTO PARA O NADAL!



Onte arrancou, con moitísimo éxito e no vestíbulo do IES, a V edición do Mercadiño de Libros Solidarios, organizado pola BiblioAntioquía e grazas as doazóns de todas!

No primeiro día de apertura puxéronse á venda grandes clásicos, libros de gran formato e unha morea de volumes noutros idiomas.
No recreo de hoxe foi a quenda dos thrillers e das novelas románticas, e mañá continuaremos coa literatura xuvenil, a infantil e mais o cómic.



Pero isto non remata aquí:

  • Xoves: poderás conseguir os sagas máis célebres, perfectas para ti ou para agasallar.
  • Venres: tiramos a casa pola fiestra con descontos 2×1.
  • Martes da semana próxima: se aguantas, levas un quilo de libros por só 1 euro!
Se non les, é porque non queres!




luns, 1 de decembro de 2025

DE TERTULIA CON ARANTZA PORTABALES EN ALLARIZ



O pasado xoves, unha representación do IES Cidade de Antioquía, conformada por catro alumnas amantes da literatura e a profe Eva Fernández, participou nunha interesante tertulia coa escritora Arantza Portabales.
Nesta reunión xuntámonos con outros grandes lectores procedentes do IES Universidade Laboral, do IES de Viana e, como non, dos anfitrións do IES de Allariz. A charla tivo lugar na Casa da Mocidade desta vila, e o alumnado tivo a oportunidade de comentar coa autora o seu último libro, Asasinato na casa rosa, unha interesantísima novela negra que engancha desde as primeiras páxinas e que dá inicio á última serie de Portabales, Os crimes de Loeiro.