mércores, 15 de outubro de 2025

ESTE PAQUETE ESTÁ CHORANDO... É UN BEBÉ! LEMOS SOBRE O DÍA MUNDIAL DO CORREO

 


O 9 de outubro do ano 1874 estableceuse na capital de Suíza, Berna, a Unión Postal Universal. Trátase dun organismo das Nacións Unidas pensado para xestionar e mellorar os servizos postais en todo o mundo. É debido ao aniversario desta organización que agora celebramos, cada 9 de outubro, o Día Mundial do Correo. Poder enviar e recibir correspondencia verdadeiramente revolucionou a vida dos seres humanos. É este un invento que, como tantos outros, lle debemos á civilización romana, e foi o protagonista da Hora de ler do pasado venres.

Nos textos que lemos desta volta coñecemos estas orixes grecorromanas dos servizos postais e como foron evolucionando ata chegar ao que son hoxe en día. Fixemos unha viaxe no tempo na que houbo parada no Antigo Exipto, o Medievo, a chegada a América e o século XIX. Indagando nesta última centuria foi onde descubrimos o máis sorprendente: a unha parella de Ohio ocorréuselle enviar o seu bebé por correo aos avós! E o máis abraiante de todo, como a criatura non pesaba máis de 5 quilos, puideron facelo!

Tamén coñecemos a unha heroína de guerra, a pomba mensaxeira Cher Ami, que foi unha verdadeira sobrevivente! Tanto que o seu corpo desecado ocupa un lugar de honra no Salón da Fama das Pombas Mensaxeiras... Entrouche a curiosidade? Aquí che deixamos os textos para que descubras o porqué!


martes, 7 de outubro de 2025

QUE HORA É? É HORA DE LER!


O pasado venres, a rapazada da ESO do noso IES inaugurou a
hora de ler deste curso 2025/2026. E foi por todo o alto! Con motivo da celebración do Día Mundial dos Animais, lemos dous textos cunha vaca e un par de monas como protagonistas.

Estas criaturas acometeron unhas aventuras máis ca épicas! E, por suposto, ben dignas de ser a estrea do noso anaquiño de lectura semanal. Grazas á vaca Blossom, o doutor Jenner foi quen de desenvolver a primeira vacina da historia, a da varíola. Nestas primeiras lecturas, tamén coñecemos a interesante viaxe de Able e Miss Baker. Elas foron os primeiros seres vivos que conseguiron volver con vida á Terra despois dunha viaxe espacial!

Moitas cousas interesantes aprendemos coa hora de ler! E isto non foi máis que o principio... Este venres máis!

Sen non puideches vir a clase ou queres darlle unha relectura a estas magníficas anécdotas, deixámoschas aquí debaixo. Que as desfrutes!


luns, 6 de outubro de 2025

BIBLIOPATAS: AS NOSAS MASCOTAS TAMÉN LEN


Cada 4 de outubro conmemórase o Día Mundial dos Animais. Esta efeméride lembra a importancia de coidar e respectar a todos os seres vivos cos que compartimos o planeta.

Na Biblioantioquía non quixemos ser menos nunha data tan sinalada e fixemos a nosa particular homenaxe aos bichiños que conviven connosco: as nosas mascotas.

Na entrada do instituto atoparedes unha pequena exposición con fotografías destes membros tan especiais das nosas familias e non nunha actitude calquera: lendo! Din por aí que todo se pega, e nós, grandes lectoras e lectores, contaxiamos este marabilloso hábito aos nosos cans, gatos, cabalos e mesmo tartarugas!

Non a perdas!








venres, 3 de outubro de 2025

PÁRATE POLOS DEREITOS HUMANOS


De seguro estás de acordo con que “todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos”, con que “deben comportarse fraternalmente uns con outros”, ou con que todos temos “dereito á vida, á liberdade e á seguridade”. O resto da humanidade pensou o mesmo e eses son os primeiros artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Este documento foi firmado polos países da ONU hai 77 anos, despois das atrocidades vividas e perpetradas por seres humanos, contra outros seres humanos, durante a Segunda Guerra Mundial.

Por desgraza, que case todos os países estivesen conformes con estes principios e que foran acordados hai xa tantos anos, non está garantindo que estes dereitos, tan básicos, sexan respectados. O exemplo máis lamentable é o das persoas que sofren diariamente nas 56 guerras que se manteñen activas no mundo: Gaza, Ucraína, Congo, Myanmar... Nestes lugares, esta lista de dereitos perdeu xa case todo o seu valor.


Ca fin de que toda a comunidade educativa aprenda sobre esta temática, algúns profes do Cidade de Antioquía cos que colaborou a BilioAntioquía, prepararon unha mesa informativa na entrada do insti coa que seguro te topaches ao entrar ou saír. Igual xa o fixeches, pero se aínda non, faino: Párate.

Párate a ler e a informarte sobre as realidades doutros adolescentes coma ti, cuxas vidas, familias, estudos, afeccións, de repente se viron truncadas porque existen outros intereses que, desafortunadamente, están por riba dos seus propios dereitos coma seres humanos.

Ademais, este venres 3 de outubro, reunímonos tamén na entrada, fronte á mesa informativa, para ler un manifesto e un precioso relato que podes descubrir máis abaixo. 
O Cidade de Antioquía pediu: PAZ PARA GAZA!


Podes ler o manifesto premendo aquí e o relato "A guerra non pide permiso" neste outro enlace

martes, 16 de setembro de 2025

NON FAGAS UN "POMBO" E ÚNETE AOS CLUBS DE LECTURA DO INSTI






Se queres deixarte "influenciar" polas celebridades que admiras, sobre todo no ámbito da lectura, desde a Biblioantioquía recomendámosche que escollas ben... 

Na entrada do insti, tes algúns exemplos de persoas famosas que si recoñecen o valor e importancia dos libros. E non só iso, teñen os seus propios clubs de lectura

Se a Dua Lipa, Emma Roberts ou a mesmísima raíña consorte de Inglaterra, entre moitas outras, lles parece un plan xenial comentar a súa última lectura con amigos, amigas e followers... algo terá, non? 

Pois deixa de pensalo e ven descubrilo anotándote nos clubs de lectura da BiblioAntioquía

Recorda que temos dous, segundo o curso no que te atopes: 

- Un para 1º, 2º e 3º da ESO 
- Outro para 4,º da ESO, 1º e 2º de BAC





venres, 12 de setembro de 2025

ARRINCA UNHA NOVA AVENTURA!

 O vindeiro luns 15 de setembro abrirá as súas portas a BiblioAntioquía coas pilas cargadísimas para outro curso de lecturas, conmemoracións e actividades que non vas querer perder por nada do mundo.

 A partir da semana que vén, poderedes levar os libros que máis vos gusten para ler onde vos apeteza e tamén daremos a coñecer todas as andanzas nas que vos ides poder embarcar con nós. Deixámosvos por aquí un pequeno adianto do que vos agarda tralas portas da BiblioAntioquía:

    Retomamos os Clubs de Lectura, que son moito máis que ler un libro...

   É compartir tempo con compañeiros e compañeiras aos que tamén lles encanta ler.

   É falar, rir e comer algo rico mentres comentamos o que máis nos gustou (ou o que nos fixo rabiar) das páxinas.

   É descubrir historias sorprendentes que, quizais, non descubrirías pola túa conta...

   Sen esquecernos dalgún agallasiño que recibiredes tamén, claro!

 Imos ter dous clubs de lectura diferentes, agrupados por niveis:

    Un para o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO e outro para 4º da ESO, 1º e 2º de BAC.

 Se che apetece formar parte desta experiencia, pasa pola biblio e inscríbete. E trae un amigo ou unha amiga contigo, cantos máis mellor!


 A lectura sabe mellor cando é compartida!







venres, 20 de xuño de 2025

venres, 13 de xuño de 2025

KID MOUNT NO CIDADE DE ANTIOQUÍA

Hoxe pasou polo instituto - polo seu instituto - un artista emerxente d'A Limia: Kid Mount. E aos que lle demos clase nalgunha ocasión énchenos de alegría que volva nada máis e nada menos que para dar un concerto. 

Aínda recordo a última vez que cruzou as portas do Antioquía sendo alumno. Foi nun mes de xuño, recén rematada a ABAU, regresabamos de Ourense e, cando lle ofrecín deixalo na casa, díxome que tamén ía ao centro. Ao baixar do coche frente ao instituto mostrábase non sei dicir se nervioso ou emocionado, non podía crer que fose a pisar por última vez o instituto. A reflexión era a máis frecuente nestes casos: levaba anos vendo aquel edificio coma un sitio pouco agradable ao que tiña que ir e agora daba vertixe marchar, porque a fin de contas sempre soubo que estaba nun lugar seguro. 

E marchou a Compostela para vivir a fermosa vida universitaria que lle trouxo - á vista está - máis ca libros. E dende aquí, ímolo seguindo, en redes sociais, a través de You Tube,...  Non nos falta orguio, porque el mesmo confesou nunha entrevista que a súa primeira canción escribíraa no Antioquía. Despois dun recreo escoitando música, nunha clase de Filosofía comezou a súa labor como compositor. O que deron de si as clases de José Luis!

Sexa coma sexa, Manuel, porque para nós sempre serás Manuel, xa sabes que tes abertas as portas do noso centro e do noso corazón. Volve cando queiras...


KID MOUNT EN YOU TUBE



mércores, 11 de xuño de 2025

PRÉSTAMOS DE VERÁN

Xa queda pouco para rematar o curso e, coma sempre, a BiblioAntioquía proponche un refrescante baño de lecturas para este verán. Xa sabes que contas coa plataforma E-LBE.2 para ler en liña, pero se o que realmente che gusta é o papel, vén a vernos. Non marches sen as túas lecturas favoritas, podes levar ata cinco libros.


Agardámoste!

luns, 26 de maio de 2025

OBRADOIRO DE TEATRO

O alumnado de 1º ESO creou uns artesanais fanzines sobre o xénero teatral. Neles non só recolleu artisticamente a definición de teatro, as características e os principais subxéneros teatrais, senón que tamén anotou títulos de obras de teatro cos/as autores/as, fragmentos de obras teatrais e incluso breves escenas teatrais da súa propia autoría.

Como colofón ao estudo do teatro e á realización desta tarefa asistiu a un obradoiro teatral da man de Manuel Fontemoura, profe, autor, adaptador, director e demais de Teatro Aneis. Grazas a este obradoiro, os alumnos e as alumnas convertéronse en dramaturgos/as, actores e actrices, encargados/as de atrezo, técnicos/as de iluminación e de son...   pasando así por todos os labores do oficio teatral dende a creación do texto ata a súa posta en escena. E, por suposto, lles ofreceu unha visión nova para a lectura do teatro, con agarimos, coma se fose unha novela.







luns, 19 de maio de 2025

CAIXAS MISTERIOSAS

Unha das actividades que relacionamos habitualmente coa lectura é o deseño das caixas misteriosas, unha iniciativa na que o alumnado pon en marchas as súas aprendizaxes para crear traballos multidisciplinares moi atractivos nos que lucir as súas competencias. No novo espazo de exposición da BiblioAntioquía poderedes ver unha mostra do logros acadados. Merece a pena!



E as grazas a nosa Marta de Castelán que fixo posible esta exposición..

xoves, 24 de abril de 2025

REINTERPRETANDO A LITERATURA

Libros retitulados, cartaces teatrais e unhas grandes doses de creatividade para esta semana tan importante que lles adicamos ás letras.










mércores, 23 de abril de 2025

SHAKESPEARE VERSUS CERVANTES

A historia deste día remóntase a principios do século XX. 

En 1926, o rei Afonso XIII firmou un Real Decreto polo que se establecía o día 7 de outubro coma data para a conmemoración do día do libro, O motivo? Era o día que nacera Cervantes. Porén, a festividade durou uns catroanos, pois todo o que rodea a Cervantes móvese entre interrogantes, dúbidas e polémicas, e a súa data de nacemento no ía ser menos. Estes feitos unido a que a conmemoración era ao aire libre, prestábase máis a primavera que o outono. Así foi como en 1930, trasladouse a celebración ao 23 de abril de forma definitiva. Tamén había motivo para esta data: o pasamento (máis ben, enterro) de Cervantes.

Xa en 1995, o goberno español propuxo converter esta data en internacional, aprobándose ese mesmo ano. Argumentos non faltaron: coincidía aí tamén o pasamento de Shakespeare e do Inca Garcilaso de la Vega.

Anos máis tarde, a UNESCO estableceu que cada ano se elixiría unha cidade como Capital do Mundo. A Madrid tocoulle en 2001; a Río de Janeiro, en 2025; e en 2026 tocaralle a Rabat.

E que mellor ocasión ca esta para investigar sobre dous grandes autores:


UNHA NOVIDADE E UN CLÁSICO

Hoxe, 23 de abril, a BiblioAntioquía está de festa! O libro é o protagonista. Este ano, contamos cunha novidade: unha pequena exposición de libros que forman parte dos nosos fondos e que, nalgún momento da historia e nalgún lugar do mundo, foron prohibidos: 



Enunha data coma esta non pode faltar un clásico: o pasapalabra do día do libro. Ata o 30 de abril, todos e cada un dos que formades parte da comunidade educativa do noso IES podedes depositar a vosa tarxeta de participación no bozón.


martes, 15 de abril de 2025

DÍA INTERNACIONAL DO ARTE

Nun curso non que nos propuxemos unir a biblioteca con outras manifestacións artísticas, non podían faltar as artes plásticas. E se engadimos que un dos eixos da biblioteca é reivindicar a igualdade, aproveitamos este 15 de abril; Día internacional do Arte, para resaltar as figuras femininas que moitas veces son esquecidas pola historia.






venres, 21 de marzo de 2025

PRIMAVERA EN VERSO

 Chegamos á primavera mergullados en versos, entre páxinas que falan de nova formas, de novas voces para o século XXI.

Feliz Día da poesía!