Páxinas

martes, 22 de decembro de 2020

ISO QUE VÓS NOS DADES. MIL GRAZAS.


É 21 de decembro. Pensabamos hai uns meses que non poderiamos chegar ata aquí. E conseguímolo entre tod@s. Pero, sobre todo, lográmolo porque o noso alumnado foi un exemplo de responsabilidade e de civismo. Por iso queremos agradecervos o voso comportamento impecable. Fomos un GRAN EQUIPO e seguirémolo sendo, sempre, para loitar contra calquera adversidade.
Estamos orgullosos de vós. E así volo queremos agradecer. Cun vídeo moi divertido, que fixemos pensando en VÓS para darvos as grazas de todo corazón por devolvernos a esperanza. Sodes marabillosos e marabillosas, O MELLOR ALUMNADO DO MUNDO.

venres, 18 de decembro de 2020

En tinta negra. Premio do I Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual

En tinta negra
—Completa as seguintes oracións empregando a forma correcta de “ca”, “cá” ou “que a”.
A voz da profesora de galego escóitase con claridade en toda a aula. Retiro a tapa do meu bolígrafo azul e escribo o número do exercicio nunha esquina do caderno, trazando un círculo ao seu redor.
—Xiana, por favor, le o primeiro apartado e complétao ti xa.
Cando escoito o meu nome escorrerse entre os seus beizos, aclaro a gorxa para falar e busco coa ollada o texto que teño que ler. Collo aire e pronuncio as palabras que veñen escritas en tinta negra no libro de texto de primeiro de bacharelato.
—A moza de Laura é máis alta ca ela.
A mestra indícame que a resolución do exercicio é correcta e avanza coa seguinte oración, pero eu quedo parada mentres as súas palabras se esvaecen nos meus oídos.
Volvo recorrer coa mirada a liña que acabo de ler en voz alta. Repásoa unha e outra vez, co temor de que nesta ocasión as letras cambiasen de posición. Pero seguen aí. Exactamente iguais. A moza de Laura. Non podo evitar que se me escape un sorriso. Porque está escrito. Por primeira vez está escrito no meu libro do instituto. Acaricio suavemente a banda de tea de cores que descansa arredor do meu pulso e volvo prestar atención á clase, aínda saboreando na punta da lingua a sensación de que cada vez chegamos máis lonxe.

Alma Alonso

I Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual 
Xov, 24/09/2020 - 10:39 
logo

O xornal Nós Diario, en colaboración coas asociacións Arelas, Avante LGTBI+ Lugo e Sete Outeiros, e mais a Rede Museística Provincial de Lugo, convocan o I Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual. Poderán cursos todas as persoas maiores de idade e as persoas menores de idade con autorización expresa de quen posúa a súa custodia legal.

Pódense consultar aquí as bases da convocatoria.

luns, 7 de decembro de 2020

ES CONSCIENTE DOS RESIDUOS QUE PRODUCIMOS CADA DÍA?


 Todos os días xeramos moitísimos residuos, pero non somos conscientes de enorme cantidade que supoñen e do que contaminan no medio ambiente. Para visibilizar este problema, desde o Departamento de Física e Química levamos a cabo unha actividade de concienciación que se enmarcou dentro da Semana Europea da Prevención de Residuos. Podedes ver os resultados no documento PDF que se adxunta. Ídevos sorprender!!! 




martes, 1 de decembro de 2020

Aí vén o Nadal!





 Como cada ano, o departamento de Plástica coa axuda do de Inglés e o apoio da Biblioteca, presenta o tradicional concurso de POSTAIS.

Aquí tes as bases: 

  • Técnica libre
  • Tamaño: 1/2 folio A5
  • Data de entrega: antes do 17 de decembro
  • Lugar: buzón de Nadal á porta da Biblioteca
Bota a voar o teu maxín e deseña a túa postal!